Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Martiño Noriega Exalcalde e médico de Familia

“A medicina permíteme exercer a miña vocación sen os cativerios da política”

Tras deixar a primeira liña da política, Martiño Noriega volveu a outra primeira liña, a da pandemia, como médico de familia. Hoxe presenta en Numax 'Os médicos tamén enferman', un testemuño persoal sobre os coidados, a Sanidade pública, a loita e as fendas dun sistema que non sempre coida a quen coida.

Martiño Noriega co seu libro, 'Os médicos tamén enferman', diante do Centro de Saúde Fontiñas onde exerce como médico de familia

Martiño Noriega co seu libro, 'Os médicos tamén enferman', diante do Centro de Saúde Fontiñas onde exerce como médico de familia / Antonio Hernández

Valeria Pereiras

Valeria Pereiras

Santiago

Escrita entre 2021 e 2024 e publicada pola editorial Alvarellos, Os médicos tamén enferman ofrece unha crónica íntima e reflexiva sobre os retos que afrontan tanto os profesionais sanitarios como os pacientes que entran na consulta nun sistema sanitario «en perigo de extinción».

Este libro foi unha necesidade persoal ou unha ferramenta pensada para abrir debates sociais e políticos?

Necesitaba contar o que estaba a vivir. Hai unha parte de proxectar a experiencia vivida. Eu abandono a primeira liña de exposición pública uns meses antes e incorpórome na segunda semana da pandemia. Levaba un ano reciclándome. Previamente traballei no 061 pero quería facer Medicina de Familia e tocoume un momento excepcional.

Que aprende un exalcalde ao volver á medicina?

A miña vida sempre foron as dúas caras da moeda. Dende que teño conciencia levo practicando tanto a medicina, que é a miña vocación, como a responsabilidade política. A moeda foi caendo para unha cara ou a outra ao longo dos anos. O que me dá a medicina é a posibilidade de exercer a miña vocación e non vivir os cativerios da política. Teño o meu espazo, a miña profesión e non necesito da política institucional para vivir nin para aferrarme a nada, e iso dáme moita liberdade. Foi volver botar o cable a terra, reconectarme coa xente, entender que non é necesario opinar de todo a todas horas nin vivir nesa tensión permanente. Na consulta a xente non fala só de saúde, tamén das súas preocupacións, da situación… O retorno da xente, o que percibo, é impagable máis alá do desgaste da situación de presión asistencial.

É imposible escollelo como médico, ten o cupo cheo.

Si, dígolle á xente que a teño enganada e dinme que tanta xente non se pode enganar (ri). Teño un cupo moi grande e pechado desde hai tempo porque non hai maneira de manexalo sen morrer no intento. Eu vivo volcado na medicina, aínda que faga moitas outras cousas, e supoño que tamén prima o feito desa dedicación.

"Volver á medicina foi volver botar o cable a terra, reconectarme coa xente, entender que non é necesario opinar de todo a todas horas nin vivir nesa tensión permanente"

Polo libro desfilan moitos pacientes, a maioría anónimos, pero tamén outros coma Díaz Pardo ou Beiras que calquera pode recoñecer.

Tamén Chus Freiría, que foi a miña adxunta durante a residencia e era unha das portavoces da plataforma “Dez minutos por paciente”, e o catedrático de radioloxía Juan Vidal, que me axudou moito. Cos dous acabei tendo relación de amizade, pero é certo que aparecen Isaac e Xosé Manuel porque ademais do apego persoal, do político, do artístico… en determinados momento da miña vida tiven, e teño no caso de Xosé Manuel, a sorte de exercer de médico deles e apetecíame facerlles unha homenaxe. Non me interesaba o meu relato, senón a voz da xente, con todas as reservas de ficcionar personaxes e nomes. Son todas situacións reais que eu escoito na consulta.

O exalcalde de Teo e Santiago, Martiño Noriega, actualmente médico de familia en Fontiñas

O exalcalde de Teo e Santiago, Martiño Noriega, actualmente médico de familia en Fontiñas / Antonio Hernández

Hai relatos tremendos. Cal foi o que máis lle impactou?

A situación da saúde mental, que é transversal. A mobilización de recursos de urxencias sanitarias por ameazas de suicidio ou suicidios consumados tivo un aumento exponencial con respecto a hai unha década. Eu estou asustado, a situación é gravísima. Cónstame que nas emerxencias unha das maiores demandas de recursos neste momento é por situacións anímicas. Iso si que me atravesou, e despois cousas abisais como a violencia de xénero, os abusos na infancia… decátaste de que hai un elefante na habitación do que non se fala.

Os profesionais sanitarios sufristes tamén psicoloxicamente a pandemia. Que secuelas deixou?

Na actualidade continúa a presión asistencial. O título do libro ao principio estaba moi alixeirado. Era o que escoitas na consulta continuamente e que os pacientes din con humor: «Os médicos non enferman», como se souberas adiantarte ás bacterias e aos virus. No día a día, decátaste de que moitos compañeiros e compañeiras están a claudicar pola sobrecarga asistencial, xente que pensabas que nunca lle podería pasar. Hai baixas, esgotamento, cuestións anímicas, decatarte de que cometes erros porque non podes máis, que te asustas de non estar á altura da demanda porque te sobrepasa… O compromiso dos sanitarios é o que mantén a Sanidade pública, que está nunha situación moi precaria. Eu chámolle en varios momentos no libro a orquestra do Titanic, continuamos tocando mentres o barco afunde. Nos últimos meses, curiosamente no meu entorno, moita xente que son excelentes profesionais están a claudicar. Espero que o libro non sexa premonitorio.

Cal é o principal reto da Sanidade pública?

O modelo está en perigo en todo o Estado, agredido porque hai interese en xerar espazos de negocio nel. Onde peor está, na Atención Primaria, todas as estatísticas din que maior é a contratación de seguros médicos. O nivel de facturación destes aumenta exponencialmente cada ano. Se a isto lle sumas a medicina concertada, que se non aceptas operarte alí entras nunha especie de lista negra e tardas dous anos, pois é branco e en botella que é un modelo en perigo.

"O compromiso dos sanitarios é o que mantén a Sanidade pública, que está nunha situación moi precaria"

É moi crítico tamén co sistema de coidados.

Os coidados son esenciais, pero en Galicia o modelo está moi deteriorado. Hai moita xente que queda sen axuda, nomeadamente as mulleres que se encargan da maior parte dos coidados. A falta de recursos e a privatización dos servizos están a prexudicalas. Pensa na pandemia, foi terrible. Cada vez que recibías unha chamada dunha residencia entrabas en pánico. Aí foi onde se constatou que a xeración de negocio no campo dos coidados sen a intervención pública pode ser un tsunami de mala praxe. Logo está a falta de asistencia para as coidadoras. Quen coida das que coidan? Mulleres que se botan ás costas o coidado de familiares. Que non haxa un servizo público que asuma iso… Por non falar dos tempos de tramitación da dependencia, e iso tamén o ves na consulta, moita xente morre sen chegar a ter as axudas.

«O Goberno local está a facer un traballo digno»

Como ve a situación actual da cidade de Santiago?

Os primeiros lugares onde chegan os problemas é á trincheira da Atención Primaria. A cidade ten moitos problemas estruturais, e, aínda que o actual goberno está a facer o que pode, a cidade está cambiando. Moitos dos meus pacientes quéixanse, por exemplo, dos alugueiros e da xentrificación. Moitas persoas séntense expulsadas do seu barrio polos altos prezos da vivenda. A cidade xa non é a mesma, e moitos residentes non poden permitirse vivir aquí debido ao aumento dos alugueiros e a conversión de vivendas en turísticas.

E como valora a acción do goberno local?

Eu deséxolles todo o mellor. Estou satisfeito da colaboración que se estableceu entre o BNG e CA e penso que, nunha situación moi complicada, están a facer un traballo digno.

Quedou a política activa definitivamente atrás?

Prefiro traballar desde o colectivo e no activismo. Neste momento, o meu enfoque está na medicina e en coidar os meus pacientes, sempre considerei que a política non é o único espazo de acción. A política institucional, como tal, xa non me interesa tanto.

Tracking Pixel Contents