Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Luz verde ás obras da cuberta do polideportivo do colexio Pío XII de Santiago

O orzamento para a actuación supera os 73.000 euros e ten un prazo de execución de dous meses

Exterior do colexio Pío XII de Santiago

Exterior do colexio Pío XII de Santiago / ECG

Santiago

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago deu luz verde na súa sesión de onte á aprobación do expediente de contratación das obras de reposición da estanqueidade na cuberta do polideportivo do CEIP Pío XII. A licitación iníciase mediante un procedemento aberto e simplificado cun orzamentoque ascende a 73.387,92 euros (IVE incluído).

Segundo sinalou a voceira de Raxoi, Míriam Louzao, «o deterioramento nesta instalación, construída en 1991, fai necesaria a intervención nunha cuberta plana, de 85 metros cadrados, baixo a cal existe un soto de servizo e sobre a que se sitúa un campo de xogo exterior, para resolver os problemas de filtración de auga que se están producindo e que afectan tamén ao cerramento do propio polideportivo e ás bancadas situadas a carón». Os criterios de adxudicación deste contrato son equivalentes aos do anterior (80% oferta económica, 20% melloras) e o prazo de execución das obras é de dous meses.

Outros asuntos

Por outra banda, na xuntanza deuse conta da xustificación do segundo semestre de 2024 da subvención nominativa á Sociedade Deportiva Compostela, que ascende a 17.000 dos 65.000 euros que ten asignados; e aprobouse o importe do prezo público de asistencia á Festa dos Maiores que continúa a ser de 10 euros por persoa.  

Tracking Pixel Contents