Un Pombal máis «humanizado» reabre á circulación tras «8 meses e 2 días» en obras
O transporte urbano non comezará a transitar esta rúa até dentro dunha semana e vanse acometer traballos de mellora da accesibilidade na zona adxacente ao vial

A rúa do Pombal reabriu este luns ao tráfico de vehículos e de peóns. / Antonio Hernández

Despois de oito meses «e dous días» o Goberno local recepcionaba o venres o remate da obra de humanización da rúa do Pombal, que este luns abría á circulación de vehículos e peóns. Unhas actuacións que melloraron a iluminación e as canalizacións, que ampliaron as beirarrúas e as fixeron máis accesibles situándoas ao mesmo nivel do pavimento e que inclúen ademais un carril bici no sentido de subida. Sobre a reapertura da rúa falaba en rolda de prensa a concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, que lembraba que as actuacións –cun prazo de execución de oito meses– contaron cun orzamento superior aos 760.000 euros.
Queda agora pendente que se incorporen á circulación pola rúa do Pombal os autobuses urbanos que, segundo informaba a concelleira Louzao, o farán a vindeira semana. «Unha vez que se fixo a recepción da obra», explicaba a edil, o Goberno local decidiu «abrir xa» á circulación pero «os autobuses necesitan un tempo para poder actualizar tamén a aplicación» e facer outras cuestións técnicas necesarias –coma o reordenamento das liñas– nas que está a traballar Tussa. «Podiamos esperar a abrir a rúa tanto para os autobuses coma para os coches particulares, conxuntamente, pero xa que se podía abrir para os vehículos optamos por poder abrila xa», matizou Louzao.
A concelleira aproveitou a súa intervención para explicar que se van realizar na parte alta da rúa outros traballos «de mellora da accesibilidade», que consisten en rebaixar a beirarrúa xa que no estado actual xera problemas de accesibilidade para a veciñanza con dificultades de mobilidade. «Como xa explicamos, estáse preparando unha intervención na zona adxacente que non estaba incluída no ámbito da obra, para ir completando os itinerarios accesibles e continuar acondicionando toda a zona». Uns traballos que dependen de resolver primeiro cuestións vinculadas coas recollida de augas pluviais.
A valoración da veciñanza
Logo de ‘padecer’ oito meses de obras, que sempre xeran algún tipo de inconvinte para a veciñanza da cotorna, os composteláns que na chuviosa mañá do luns se atreveron a ‘estrear’ a nova rúa do Pombal valoraban, de forma maioritaria, dun maneira positiva o resultado das actuacións.
«Queremos que as obras se inicien e rematen xa», explicaba unha veciña, «e iso non é posible, pero a rúa quedou moito mellor, cunha maior calidade, máis humanizada e primando o espazo dos peóns fronte ao dos coches». Sobre estes últimos tamén algún transeúnte explicaba que «aínda non probei a rúa» como condutor, para poder facer unha valoración máis completa pero si concordaba coa idea de que a rúa presenta un moito mellor aspecto.
As críticas, que tamén as houbo, e das que non puido escapar o tempo que a rúa estivo cortada ao tráfico, centrábanse na falta de máis detalles de humanización, «algunha árbore estaría ben», comentaba unha veciña do Pombal, e tamén outro transeúnte habitual desta rúa central da cidade criticaba a colocación de bancos na beirarrúa, de costas á área de circulación de coches. «Quedan moi bonitos, pero se algún condutor ten algún problema e perde o control do vehículo vai haber un desgusto», alertaba. Tampouco escapou ás críticas o carril bici, para quen gustaba máis de baixar pola marxe esquerda do Pombal.
Con todo, a proba de lume da humanizada rúa do Pombal chegará cando a vida volva ao cotián, logo da Semana Santa, coa incorporación do tráfico de autobuses, a volta ao colexio e, en termos xerais, ás actividades do día a día.
460.000 euros para rehabilitar firmes en cinco puntos da contorna urbana
A xunta de goberno local aprobou este luns o expediente para a contratación, «mediante procedemento aberto simplificado», das obras de rehabilitación de firmes asfálticos.
A concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, explicou que se van realizar estas actuacións en cinco puntos do ámbito urbano: rúa do Castiñeiriño, das Canteiras do Sar e Mouronzón, nas rúas da Muíña e Porto de Amio e Mariñeira, na rúa das Mulas, na do Tambre e na dos Irmandiños.
Estas obras de rehabilitación dos firmes asfálticos contan cun orzamento base de 460.004 euros (IVE incluído) e vaise actuar sobre 23.300 metros cadrados de superficie asfaltada.
Segundo explicou a concelleira e voceira do Goberno local, «os criterios de adxudicación destas obras son obxectivos e atribúen o 80% da valoración á oferta económica e o 20% a tres melloras que poidan propoñer as empresas concursantes en relación co obxecto do contrato». Ademais, o prazo para executar as rehabilitacións asfálticas, unha vez licitada a obra, é de catro meses desde que estea asinada a acta de implantación.
- III Feria de Antigüedades y coleccionismo, este sábado y domingo en el Outlet Área Central
- El restaurante de Santiago que ha enamorado a un conocido influencer gastronómico: 'Volveré, directo a mis favoritos
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Buscan unos figurantes muy especiales para una «gran producción de época» que pronto se rodará en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- Santiago abre las rebajas sin grandes colas y con tiendas cerradas por la huelga: «Ya no son lo que eran»

