Saúde mental infantil: o CHUS rexistra un «notable» aumento de primeiras consultas
En tres anos a demanda asistencial incrementouse un 52% segundo un estudio da Unidade de Saúde Mental da Infancia e da Adolescencia da Área Sanitaria de Santiago

A unidade de saúde mental infantil está a vivir un incremento de demandas asistenciais. / CEDIDA

Revista de Psiquiatría Infanto-Juvenil vén de publicar un estudo realizado pola Unidade de Saúde Mental da Infancia e da Adolescencia –USMIA– da Área Sanitaria de Santiago que desvela un «notable incremento», nun período de tres anos, das primeiras consultas por cuestións de saúde mental a pacientes menores de 16 anos. Entre xuño de 2019 e novembro de 2022 este tipo de demanda asistencial incrementouse nun 52,6%, pasando de 977 pacientes en 2019 a 1.522 no ano 2022.
O estudo, realizado por un equipo da USMIA, indica que esta última cifra supón ademais un aumento de medio milleiro de doentes respecto do ano anterior e apunta que en 2020, o ano da pandemia de coronavirus, a cifra foi de 751 pacientes, unha cantidade que se xustifica polo tempo de confinamento e polas restriccións á asistencia médica presencial.
Segundo apunta o estudo, realizado sobre unha mostra de 303 pacientes menores de 16 anos, a doenza máis habitual é o TDAH –Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade–, que representa o 32,7% do total, seguido dos trastornos neuróticos cun 19,8% de presenza e os de desenvolvemento cun 12,5%. Para a psicóloga Rita Mondragón –membro do equipo da USMIA que desenvolveu o traballo agora publicado– este «notable incremento» de doenzas de saúde mental entre menores explícase tanto polo maior número de patoloxías como polo feito de estarmos máis conscientes delas.
«As dúas cousas van unidas», explica Mondragón, «no momento en que aparecen os recursos tamén se lle dá cabida a toda esa poboación de menores que nalgún outro momento estarían sen atender ou atendidos polo pediatra». A psicóloga do CHUS pon en valor a apertura dunha «vía rápida de atención a menores con risco de autolítico» –tentativas que implican autolesións e mesmo intento ou culminación de suicidio–.
Con este mecanismo ofrécese unha atención prioritaria e vense os menores con este tipo de risco «en menos de sete días, e xa empezamos a quedarnos curtos», alerta a doutora, que tamén lembra que «antes non tiñamos esta vía, entón eses menores tiñan que entrar por urxencias e moitas veces cun intento autolítico» xa levado a cabo por consumo de fármacos ou con algún tipo de ferida. Rita Mondragón recoñece que «hai máis problemas agora pero tamén hai os recursos e pódeselle dar atención a todos estes menores».
Así e todo, ante a saturación actual nas unidades de saúde mental e a falta de persoal e recursos non dubida en reivindicar que «para atender todas estas necesidades temos unha falta terrible de recursos humanos e tamén de infraestruturas, e todo estaría moito mellor atendido dispoñendo de máis recursos».
O trastorno de atención
O feito de que o trastorno máis descuberto no estudo da USMIA sexa o TDAH pode ter certo vínculo co nivel de uso de pantallas que fagan os menores pero Rita Mondragón explica que tamén hai unha maior detección de casos porque «os profesionais estamos máis formados e iso axuda a detectar casos que antes podían ser diagnosticados como simples problemas de comportamento». Lembra a doutora que hai uns anos ante un trastorno de atención se falaba de «nenos vagos, agora non, cando un neno fracasa academicamente préstaselle unha atención, búscanse as causas».
Mondragón destaca que esta alteración do neurodesenvolvemento vai máis alá das dificultades na regulación da atención, tamén afecta ao control emocional. «Son nenos moi impulsivos que regulan moi mal as emocións e que tamén son pacientes con risco doutros problemas, tanto na convivencia familiar como que poden acabar presentando trastornos de ansiedade, depresivos...».
O TDAH é un trastorno do neurodesenvolvemento co que se convive tamén durante a vida adulta, por iso a psicóloga destaca a importancia de «ir orientando» porque «cun neno con TDAH atendido dende pequeno, con medidas para axudarse academicamente, evitamos un fracaso escolar». E tamén é moi importante o coñecemento por parte da familia, algo no que tamén se evolucionou nos últimos tempos. «Un neno entendido na súa familia vai poder ter outro tipo de atención nese núcleo no que non se atribúe o seu comportamento a que sexa un neno malo ou caprichoso».
Polo tanto, un neno que vai criado desta forma «non está abocado ao fracaso e iso facilita e suaviza o impacto que este trastorno pode ter no adulto». Xa na adolescencia a doutora indica que «a impulsividade non é tan manifesta, xa non é un neno que non poida parar quedo e que interrompa» pero «segue a pasalo mal por dentro, é un neno que dubida, inquedo, cambia moito de actividade... O TDAH dáse toda a vida pero hai certos síntomas que se atenúan, sobre todo as consecuencias que ese trastorno carrexa».
Familias monoparentais
Aínda que na maioría das familias dos nenos que participaron no estudo da Unidade de Saúde Mental da Infancia e da Adolescencia do CHUS se manteñen na unidade familiar ambos os proxenitores, o traballo detecta tamén «un aumento con respecto a outros estudos en canto ás familias monoparentais e tamén as familias reconstituídas, está habendo un repunte».
Ao que se refire con esta observación Rita Mondragón é a que este incremento respecto a estudos previos está vinculado co feito de que «para un proxenitor só, resulta tamén máis custoso atender todas as necesidades do neno, acusa a falta de apoio do outro proxenitor para educar, para establecer límites. E a iso únense os problemas entre os pais que están separados, que teñen moitos desacordos nesas normas e límites que hai que establecer cos menores e os nenos sofren as consecuencias».
Atención prioritaria ás tentativas suicidas
En relación coa pandemia, o estudio realizado pola Unidade de Saúde Mental da Infancia e da Adolescencia do CHUS indica que «nunha fase posterior produciuse un incremento de ata un 47% nos trastornos de saúde mental de nenos e ata un 59% nos comportamentos suicidas» dos menores.
Segundo se indica, nunha comparativa entre 2019 e 2020, neste último ano suicidáronse no Estado español 14 mozos e mozas menores de 15 anos, «o dobre do ano anterior». Máis alá da mellora sanitaria coa creación dunha vía rápida de atención en menos de sete días a pacientes menores con tentativas autolíticas, a psicóloga Rita Mondragón tamén achega, en conversa con EL CORREO GALLEGO, medidas que xa se están a adoptar fóra do ámbito sanitario.
«As familias están máis concienciadas, antes ante un comentario dun cativo, de verbalizar unha ideación autolítica, un ‘Non podo máis, eu isto non o soporto, quero desaparecer’, ao mellor se lle quitaba importancia, e dicían non digas iso, pero agora si que son alarmantes este tipo de comentarios e xa tanto nas familias coma nos colexios se lles dá importancia».
A doutora Mondragón destaca a necesidade dunha atención prioritaria, «escóitase ao menor e comunícase ao pediatra ou vaise co neno por urxencias, entón, detéctanse moitos máis casos que antes quedaban aí, dalgunha maneira máis desatendidos».
Suscríbete para seguir leyendo
- Una compostelana hace historia al ganar un Latin Grammy: 'Quero adicarllo a miña cidade e a Galicia
- El juzgado autoriza a Pérez Rumbao a que adquiera los concesionarios del Grupo Yáñez
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Los entrenadores de Ilia Topuria abren en Santiago su esperado gimnasio la semana que viene

