Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Cristina Allo Psicóloga e educadora de Igaxes

«Na área de Santiago traballamos con 728 mozos en risco de exclusión»

Cristina Allo é psicóloga na asociación Igaxes e forma parte da organización dun encontro internacional en Santiago o próximo 24 de abril

A psicóloga e educadora de Igaxes, Cristina Allo, na sede en Santiago

A psicóloga e educadora de Igaxes, Cristina Allo, na sede en Santiago / Antonio Hernández

Koro Martínez

Koro Martínez

Santiago

Psicóloga na asociación Igaxes de atención a menores vulnerables, Cristina Allo é unha das organizadoras dun encontro internacional en Santiago o 24 de abril, no que expertos reflexionarán sobre o coidado da saúde mental da mocidade en risco de exclusión, situación na que están un de cada cinco mozos galegos.

Igaxes porá o foco a próxima semana en Santiago na saúde mental da mocidade en risco. Que buscan con este encontro?

Pretendemos mostrar sobre todo o intercambio de experiencias entre profesionais de varios ámbitos, tendo en conta que en Igaxes traballamos con equipos multidisciplinares. E unha das ideas desta xornada é a de mostrar a importancia deses equipos e do traballo multidisciplinar. E tamén a conexión entre a educación social e a psicoloxía na saúde mental, dado que somos psicólogas e educadoras na maior parte.

Como elixiron os relatores?

Son persoas coas que traballamos habitualmente e outras coas que, aínda que non é tan habitual, si que forman parte dalgunha maneira do noso traballo. Estamos sempre en colaboración tanto con entidades como con profesionais, e quixemos mostrar todas esas áreas das que nos empapamos para poder facer o tipo de intervención que levamos a cabo.

O seu traballo está centrado en mozos en situación de vulnerabilidade, de que tipo de vulnerabilidade falamos?

A vulnerabilidade parte desde unha necesidade emocional, social ou familiar, e ao final vén englobar unha persoa que está a sufrir un risco que lle impide ter un futuro positivo, acadar un éxito de desenvolvemento adecuado.

Manexan o dato de que un de cada cinco mozos en Galicia vive en risco de exclusión. Non é unha cifra moi elevada?

É un dato baseado no último estudo que fixemos e tendo en conta tamén outros deste tipo.

En Santiago, con cantos nenos e adolescentes traballan?

Con 728 nenos, nenas, mozos e mozas, aínda que son de Santiago e algúns concellos limítrofes. Estes 728 son entre intervencións individuais e grupais, e a maiores traballamos con 114 familias e 20 profesores e profesoras, en proxectos como formación a profesorado.

Aumentou nos últimos anos?

Pensamos que a raíz da covid visibilizáronse máis todas estas problemáticas, que xa existían, pero foi entón cando houbo unha maior concienciación social sobre a saúde mental. Eu penso que as necesidades sempre estiveron aí, pero agora a concienciación e a formación de equipos máis comprometidos posibilita que o vexamos máis. E aumentará porque canto máis coñecemos e máis estudamos, tamén temos máis datos para detectalo.

Quen lles deriva aos mozos e que proceso se segue con eles?

Nós sempre imos personalizar o tipo de intervención con cada persoa, e a derivación provén dos centros educativos, tanto de primaria como de secundaria, dos servizos sociais e dos comunitarios, e da sanidade pública. Tamén recibimos derivados doutras entidades coas que colaboramos en rede se, por exemplo, non teñen atención psicolóxica. Cando chega un caso faise unha pequena avaliación e determínase a que tipo de servizo se deriva, porque temos desde intervención familiar ata orientación laboral.

Cal é a implicación familiar?

A familia sempre está presente no centro educativo e as intervencións de saúde mental dependen se son con base individual ou máis familiar, pero pola nosa experiencia hai unha importante colaboración familiar. 

«Ás veces temos casos cronificados evitables»

En que traballa en Igaxes?

Formo parte do proxecto Escola da vida, baseado na intervención dunha visión 360, coa que pretendemos desenvolver toda a axuda a unha persoa, cun enfoque centrado na saúde mental, pero tendo en conta todas as áreas que poden estar a influír nesa persoa. Dentro desa visión 360 estaría a educación, a familia, as comunidades ou o emprego e a saúde mental. Traballamos nestes campos para que a persoa poida alcanzar a súa máxima autonomía e o noso traballo é acompañar, sempre seguindo o ritmo desa persoa.

Sempre menores?

Sempre, pero introducimos ás familias ou persoas coidadoras principais dentro desa visión dun modelo 360 centrado na persoa. E tamén chega algún caso de maiores que non conviven coas súas familias e imos enfocarnos neles para poder axudarlles.

Cal é a ferramenta clave na loita contra a exclusión?

Prevención, prevención e prevención. Ás veces atendemos casos cronificados que pasaron por situacións de sufrimento que poderían terse minimizado e incluso evitado. Fomentando a prevención e a detección temperá conseguiriamos avances. E logo a persoa tamén é importante, que aínda que teña dificultades nunha área saiba ver cales son as súas fortalezas. 

Tracking Pixel Contents