Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A modificación do PXOM na parcela de Peleteiro sae a exposición pública

A plataforma veciñal que se opón ao proxecto do Goberno local continúa coas alegacións

Antigo Colexio Manuel Peleteiro.

Antigo Colexio Manuel Peleteiro. / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O Diario Oficial de Galicia –DOG– publicaba este luns o anuncio de que pasa a información pública a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal –PXOM– de Santiago. Unha muda que afecta o ámbito do PERI-12, a parcela do antigo colexio Peleteiro e que aprobou o Pleno municipal o pasado 27 de febreiro.

Agora, restan dous meses de exposición pública que vai aproveitar a plataforma veciñal do Ensanche, en desacordo co proxecto do Goberno para a parcela, e que o pasado 7 de abril xa se reunión con avogados e arquitectos para informar as comunidades de veciños sobre a cuestión. Xosé Manuel Durán, presidente da asociación Raigame, explica en conversa con EL CORREO que xa «estabamos esperando a publicación no DOG desa da modificación do PXOM» e, cando menos tres comunidades de propietarios «xa contactaron directamente cos avogados».

Segundo explica Durán, os próximos pasos consistirán en utilizar os servizos xurídicos que todas as comunidades teñen contratados «para que sexa o menos gravoso posible e non supoña custo adicional», xa que a veciñanza está disposta a recorrer á xustiza, como xa fixo co proxecto de 2005, resolto favorablemente ás comunidades polo TSXG –Tribunal Superior de Xustiza de Galicia– en 2009.

Sobre o proxecto que agora sae a exposición pública, que ten como base o presentado en 2022 durante o mandato de Xosé Sánchez Bugallo (PSOE), e Durán lembra que daquela os grupos agora no Goberno local, BNG e Compostela Aberta votaran en contra, «e hoxe apoian esta proposta que supera as alturas do anterior», critica. «Semellantes alturas, calquera que quixera obrar na maior parte da zona nova sabe que iso sería inviable, non se lle permitiría esa marxe, a modificación do PXOM para permitir semellante volume de obra». 

Xosé Manuel Durán pon o foco tamén «no anacronismo que supón semellante proposta nun barrio, ademais, xa sobresaturado de uso residencial e carente, en comparación con outras zonas da cidade para o volume de poboación que hai na zona nova, de servizos públicos, equipamento social...».

Praza pública

O presidente de Raigame amosa tamén o descontento da veciñanza coa praza de «900 metros» prevista porque entenden que «quedan moi curtos para as necesidades, ese espazo é xa só o que necesita o futuro centro de día», insiste. Durán apunta que o modelo urbanístico que se traslada co proxecto para o que se modificou o PXOM e que agora se expón«sempre foi denostado e criticado» e resalta o erro de que «se volva a reincidir nalgo que se criticou».

O presidente de Raigame fai referencia a que altura prevista a nova edificación dará lugar a un «muro de formigón sen espazos públicos e esa praza, que realmente é un engañabobos que para o único que serve é para vender mellor os pisos a cambio de crear dous muros de formigón cara a República Arxentina e A Rosa, onde se superan as alturas que se propuxeran no anterior proxecto».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents