Entrevista | José Antonio Domínguez Varela Xerente do Consorcio de Santiago
«Gustaríame facer un programa de concienciación patrimonial nos colexios»
Hai arredor de dous meses que asumiu a xerencia do Consorcio de Santiago, logo dun proceso de selección celebrado por primeira vez en convocatoria aberta
Asume esta nova empresa «con ilusión e con gañas», e tamén con retos, coma o de achegar o Consorcio á cidadanía compostelá

José Antonio Domínguez Varela na sala de xuntas do Consorcio de Santiago. / Antonio Hernández

O novo xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela, recibe a EL CORREO GALLEGO na sala de xuntas do Pazo de Vaamonde –sede da entidade na rúa do Vilar– e expón as liñas maestras do que quere achegar na xerencia deste organismo que máis alá de velar pola protección e a rehabilitación do patrimonio arquitectónico da cidade tamén traballa na difusión cultural xestionando a Real Filharmonía de Galicia, a Escola Municipal de Música ou o Pazo de Congresos.
Dous meses no cargo, como afronta esta nova etapa?
Afronto a xerencia con ilusión e con gañas para tratar de achegar o meu graíño de area á preservación e á mellora do patrimonio histórico e arquitectónico de Santiago.
Cales van ser as liñas básicas da súa xerencia?
En función das dispoñibilidades orzamentarias que o Consorcio teña, loxicamente, estamos abertos a levar a cabo os programas que xa temos aprobados e en marcha, e a facer outros novos programas. O que non se coñece non se coida e para min é moi importante, en primeiro lugar, que a veciñanza de Santiago coñeza o Consorcio, porque unha das preguntas que ultimamente me están facendo cando saio á rúa é: «Que é o Consorcio?». O que me propoño é actualizar a imaxe corporativa, a páxina web e as redes sociais de cara a que a xente coñeza que ten unha entidade de longa traxectoria en Santiago que é un exemplo de coordinación e colaboración entre as administracións. Para que? Pois para preservar e revitalizar o que é o patrimonio histórico da cidade. O patrimonio entendido como patrimonio arquitectónico, pero tamén como patrimonio inmaterial ou cultural e natural. Dende esa óptica, gustaríame profundar no coñecemento que a sociedade ten da entidade.
Xornadas de portas abertas
E que pode contarnos deses novos programas que quere poñer en marcha?
Imos empezar cunha semana aberta das administracións, no mes de maio. Dende o 19 ao 25 imos ter unhas xornadas de portas abertas no Consorcio para que a xente poida acudir aquí e coñecernos. Faremos uns itinerarios pola zona antiga da cidade para que coñezan tamén as intervencións que levamos feitas a prol de Compostela e teremos unha charla sobre o despregamento da fibra óptica na zona vella, que foi unha actuación complexa pero tamén un proxecto de boas prácticas, de éxito, que hoxe é imitado noutras cidades históricas. Creo tamén que temos que profundar na concienciación do coidado do patrimonio histórico do que somos depositarios e, para iso, se temos dispoñibilidade orzamentaria, gustaríame facer un programa de dinamización e de concienciación a nivel formativo con todos os colexios de Santiago para que poida explicarse o patrimonio que temos, o seu valor histórico e cultural e a necesidade de coidalo. E iso se conecta tamén co tema das pintadas vandálicas. Paréceme moi importante que se coñeza o patrimonio e que se empece dende os máis pequerrechos. E tamén temos que profundizar na participación, que as asociacións da cidade nos vexan coma un órgano co que se pode interactuar.
Incremento do orzamento
Falaba agora da dispoñibilidade orzamentaria, estancada nos últimos anos. Cal é agora a situación a este respecto?
Este ano as tres administracións que conforman o Consorcio fixeron un esforzo e incrementouse o noso orzamento chegando aos 11.200.000 euros. Tivemos un millón, grazas a esas achegas adicionais que se están investindo en actuacións e no patrimonio histórico arquitectónico. Intervencións coma a da Facultade de Xeografía e Historia, a do Pazo de Bendaña, a do Arco de Mazarelos ou a da fonte das Praterías, sobre os que se están redactando os proxectos e se vai a intervir este ano. Necesítanse máis cartos? Si ,os cartos sempre se necesitan e nós temos que seguir pulando para que se nos incremente o orzamento e poder facer máis cousas.
Máis alá do ámbito da cidade histórica, comentaba tamén que o Consorcio protexe non só o patrimonio arquitectónico, senón tamén o cultural e o natural. Danse actuacións fóra da améndoa, no rural, por exemplo?
O ámbito territorial do Consorcio é o Concello de Santiago, co cal podemos actuar en todo ese territorio. Non obstante, a nosa principal conexión, a nosa principal misión, onde máis patrimonio hai e onde se concentran os elementos que están declarados como Patrimonio da Humanidade, non deixa de ser a cidade histórica. Pero temos actuado no ámbito rural, se temos que facer algo ou se se pode facer algo, sempre se estuda e, unha vez que sexa aceptado polos órganos correspondentes, procedemos a actuar.
Enfocados tamén na dinamización cultural da capital de Galicia
O Consorcio de Santiago non só traballa na protección e rehabilitación patrimonial da cidade. Entre os organismos que xestiona está a Real Filharmonía de Galicia –RFG–, a Escola Municipal de Música ou o Pazo de Congresos, onde actualmente están actuando sobre a cuberta.
Comenta que non se coñece suficiente o traballo do Consorcio. Supoño que pasa o mesmo co vínculo da entidade coa RFG, a escola de música ou co Pazo de Congresos.
Dende os inicios do Consorcio entendeuse a dinamización cultural como un elemento nuclear do esforzo da entidade. Non se entendeu, e creo que é correcto, que debera coidarse única e exclusivamente o patrimonio histórico arquitectónico, senón que se queres que a cidade siga viva tamén hai que coidar outras facianas, como a vida cultural. Temos este ano unha serie de subvencións e estamos presentes en toda a actividade cultural da cidade, dende a os Fogos de Apóstolo ao programa ConCiencia coa USC, subvencións á actividades do Auditorio de Galicia ou Cineuropa. A RFG para nós é un dos elementos principais da dinamización cultural de Santiago e o Pazo de Congresos. Nel estamos actuando e modernizando as súas instalacións mediante a reposición de toda a cuberta e a renovación das cociñas, estamos investindo arredor de tres millóns e medio de euros para poñelo no século XXI, de cara a que poidan celebrarse congresos do máis alto nivel.
Captación de grandes eventos
No Pazo de Congresos tamén houbo cambios na empresa que o xestiona...
Para min, persoalmente, e para nós está sendo moi positivo, porque basicamente vemos que hai implicación e que se queren levar proxectos adiante e volver situar Santiago e utilizar o Pazo de Congresos como un elemento para atraer grandes actuacións ou grandes congresos. E para nós é un aliciente tamén para continuar colaborando con eles, porque consideramos que ten que ser unha pedra angular para Compostela. Explotan o Pazo de Congresos e para iso contan con xente especializada e experta que teñen que determinar tamén cara a onde queren ir.
Suscríbete para seguir leyendo
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles