Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os ourives de Santiago, ao rescate das xoias litúrxicas

A presentación do plan 2025 do convenio entre Ourives de Compostela e o Arcebispado serve para mostrar os primeiros traballos rematados por prateiros coma Manuel Dávila

O ourive Manuel Dávila amósalle unha peza restaurada ao arcebispo Francisco Prieto e ao deputado Xosé Regueira.

O ourive Manuel Dávila amósalle unha peza restaurada ao arcebispo Francisco Prieto e ao deputado Xosé Regueira. / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O Pazo Arcebispal compostelán acolleu na mañá deste mércores a planificación de 2025 do convenio vixente entre Ourives de Compostela, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e o Arcebispado, así como unha pequena mostra dos traballos de rehabilitación xa executados. Un evento para o que se contou coa participación de varios ourives, entre eles, Manuel Dávila ou Roberto Pampín, que estiveron acompañados polo arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, a concelleira de Comercio, María Rozas, o deputado de Patrimonio histórico e cultural, Xosé Regueira, e os representantes do gremio Ourives de Compostela, Enrique Fink e Lisardo Núñez.

Durante a presentación do estado actual do convenio e da planificación para 2025, ademais de amosárense as pezas coas que xa se concluiu o proceso rehabilitador, Lisardo Núñez comunicou que se recibiran solicitudes de restauración de 40 pezas, procedentes de 13 parroquias pertencentes a nove municipios da provincia. Unha receptividade que segundo as palabras de Núñez permitirá «dar a coñecer a riqueza ouriveira da provincia», posto que existe o compromiso por parte do arcebispado compostelán de realizar, unha vez restauradas todas as pezas, unha mostra expositiva en Compostela e noutras localidades.

Núñez defendeu tamén que o programa de rehabilitación conxuga os valores «cultural, relixioso, histórico, económico coa captura de novas vocacións e da transmisión das artes».

O arcebispo de Santiago, ao igual que o conxunto de personalidades presentes, reivindicou o valor patrimonial das pezas, «relixioso, histórico e cultural» e puxo a atención nos «oficios que nos pasan desapercibidos» pese a tratarse de traballos «precisos e atentos, que non só verte a técnica, tamén o corazón».

«Este é un dos convenios máis fermosos dos que temos en marcha», asegurou o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Patrimonio histórico e cultural, para remarcar que a ourivaría «é moito máis que un oficio, tamén é un símbolo de Galicia». Simbolismo que recolleu a concelleira de Comercio, María Rozas, que afirmou unha vez máis que «Santiago non se entendería sen ous seus ouriveiros e prateiros». 

A edil fixo referencia ao convenio –igual que o deputado Regueira que indicou que se subscribiría de novo este ano– e explicou que a achega municipal ao mesmo supera os 20.000 euros, que se dedican á restauración de pezas e tamén a comprobar a autenticidade do acibeche co que se traballa en Compostela (neste caso, a través do programa subscrito co iMATUS –Instituto de Materiais– da USC).

A concelleira reivindicou o Plan Estratéxico da Ourivaría, subscrito polo Concello, e asegurou que «vai polo bo camiño, demostrando que non foi só unha declaración de intencións». «Ten uns obxectivos marcados que se están cumprindo, e iso ten moito mérito, creo que hai que recoñecelo e poñelo en valor», defendeu María Rozas, «non só polo traballo que se fai, senón tamén pola capacidade de consensuar co resto das administracións e os demais actores, na necesidade de apostar pola ourivaría en Santiago».

Coidar e rehabilitar

Os ourives presentes no Pazo Arcebispal aproveitaron a ocasión, ademais de explicar as complicacións coas que se atoparon á hora de restaurar unhas pezas datadas entre os séculos XVIII e XX, para pedir un «maior coidado con estas pezas de arte, que tamén son obxectos litúrxicos», polo que están uso, procesional, por exemplo. Nesta liña fixeron unha recomendación a párrocos e fregueses para que se conciencien «de usar con tento estes obxectos litúrxicos e de que cada certo tempo compre levalos a restaurar antes de que se deterioren máis».

Relevo xeracional

O relevo xeracional deste oficio artesán tan significativo en Compostela foi outro dos temas tratados durante o encontro no edificio da Praza da Inmaculada. Así, o representante de Ourives de Compostela, Lisardo Núñez, destacou que «o curso pasado, a escola Mestre Mateo comezou, como primeiro centro en España, o grao de Ourivaría compostelá». «É importante que se poidan facer pezas novas, do século XXI, e que haxa artistas con visión das artes contemporáneas», apostou Núñez.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents