Entrevista | Iago Lestegás Concelleiro de Urbanismo de Santiago
Iago Lestegás: "Estou seguro de que vai seguir a maioría de esquerdas en materia de urbanismo"
O arquitecto Iago Lestegás (Lugo, 1987) asumiu no verán de 2023 a Concellaría de Urbanismo. Entre as iniciativas que trata de pór en marcha están a reurbanización de Virxe da Cerca e o impulso da rehabilitación en lugar de construír nova vivenda. Ambas cuestións vencelladas co modelo de cidade que o Goberno de Goretti Sanmartín quere aplicar en Compostela

Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade histórica. / Jesús Prieto

O concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, recibiu a EL CORREO GALLEGO no seu despacho para abordar cuestións nucleares do departamento que dirixe e do futuro da capital galega. O modelo de cidade do Bipartito, as medidas para paliar o problema da vivenda e o encarecemento do alugueiro ou proxectos de transcendencia xa postos en marcha, coma a reurbanización da Virxe da Cerca, centraron a conversa.
Comecemos pola pregunta máis complexa. Cal é o modelo de cidade que quere construír o Goberno local?
Se tivese que resumir o noso modelo en tres palabras usaría tres adxectivos: compacto, verde e inclusivo. Unha cidade compacta onde as distancias entre os lugares nos que desenvolvemos o día a día son pequenas e os desprazamentos poden facerse a pé ou en bicicleta. Ademais, implica optimizar o territorio, que é un recurso limitado, un modelo máis racional e eficiente que os modelos das últimas décadas. Unha cidade verde é unha cidade con árbores, non só parques. En Santiago temos moitos e de calidade, pero necesitamos árbores que dean sombra nas rúas, nas prazas, nos barrios. A regra do 3, 30, 300 di que cada persoa ten que ver, polo menos, tres árbores dende a súa fiestra, ter un 30% de cobertura arbórea no seu barrio e unha zona verde a menos de 300 metros. Unha cidade verde implica tamén pavimentos permeables que permitan que a agua se infiltre no terreo aliviando o sistema de saneamento, reducindo o risco de inundación, cada vez máis frecuente. E a cidade inclusiva debe ter espazos públicos accesibles para todos e servizos próximos de calidade. Os barrios teñen que ter usos diversos e mixtos, e o comercio ocupa aí un lugar fundamental.
Pódese, dende o urbanismo, impulsar a economía local?
O urbanismo ten a competencia de definir os usos a implantar nos edificios, ten moito que ver coa actividade que se desenvolve na cidade. Se queremos unha economía diversificada, a cidade ten que ter usos mixtos, temos que superar o modelo das últimas décadas. Houbo tendencia a zonificar, a facer polígonos pensados para apoio á industria que acabaron concentrando o comercio en grandes superficies, cun impacto moi negativo para o comercio de proximidade. Temos que tentar remontar esa situación, manter o comercio de proximidade onde existe e tentar que se implante onde desaparece, volver ao modelo dos 15 minutos, a cidade tradicional, onde tiñas a oferta de bens e servizos necesarios nun radio reducido.

O concelleiro Iago Lestegás durante a entrevista con EL CORREO GALLEGO. / Jesús Prieto
Redeseñar o modelo de cidade ou recuperar o comercio de proximidade non é algo que se poida facer nunha lexislatura.
As políticas de urbanismo e de vivenda son necesariamente a longo prazo, os problemas de funcionamento da cidade non se resolven nun día, nin con improvisación, hai que planificar a longo prazo. Estamos a poñer en marcha varias medidas na mesma dirección, con todas as ferramentas á nosa disposición. Somos un concello pequeno, de 100.000 habitantes, na escala galega unha cidade grande pero na global pequena e cos recursos dun municipo pequeno con máis complexidades que moitos outros do noso tamaño. A nosa intención é poñer en valor os procesos, que se entendan. Por exemplo, en Barcelona o Goberno de Ada Colau puxo en marcha moitas reurbanizacións de rúas, pero estivo gobernando oito anos e moitos deses proxectos estanse executando agora ou empezaron a realizarse ao final do segundo mandato.
«Temos que entender que transformar a cidade require de estabilidade política»
A reurbanización máis importante que propoñen é a do conector central da cidade.
Para Virxe da Cerca xa elaboramos os pregos, estamos en contratación, ten que validalos contratación, asesoría xurídica e intervención, traballamos en conxunto todos estes departamentos para que flúa o máis rápido posible, que é importante, e o concurso vaise convocar en breve. É importante que sexamos capaces de explicar os procesos que hai con cada toma de decisión dunha transformación urbana tan importante coma esta, que afectará unha superficie de 43.000 metros cadrados, que é practicamente toda na cidade histórica, o único que está fora dese ámbito é a praza de Galicia.
Como se lle explica á veciñanza que se progresa pero tardan en verse os resultados finais?
Todo o que é obra pública, contratación pública, é un proceso moi lento, o desafío é que temos que entender que as transformacións requiren de estabilidade política, é importante para que os modelos se poidan desenvolver durante anos, se cada catro anos cambia o goberno é difícil que ningún modelo se materialice. Algo que si conseguimos coa regulación das VUT –vivendas de uso turístico–, unha regulación que empezou en 2015 cun goberno, continuou con outro a partir de 2019 e culminou con este a partir de 2023. Pero tamén se van ver transformacións a curto prazo, temos en redacción os anteproxectos que van transformar a praza de Vigo e as rúas de Doutor Teixeiro e Santiago de Chile. E tamén a poxa pública dos inmobles inscritos no rexistro de soares, que xa pechou a licitación, xa se fixeron ofertas e está en fase de valoración.
«O noso modelo para a cidade ten tres adxectivos: compacta, verde e inclusiva»
Falaba da ordenanza das VUT, que contou co apoio dos socialistas. Como vai afectar o desenlace da crise no PSOE ao seu departamento?
O goberno segue traballando coma ata agora. Estou convencido de que imos seguir chegando a acordos cos socialistas, porque no ámbito urbanístico, o que estamos propoñendo son cuestións nas que estamos de acordo. Falo con eles antes de levar calquera iniciativa a pleno e seguireino facendo. Creo que temos un consenso total nas cuestións que impulsamos en materia urbanística e de vivenda e estou seguro de que vai seguir habendo unha maioría de esquerdas, progresista, que busque favorecer o acceso a vivenda, mellorar o funcionamento da cidade, protexer o comercio de proximidade...
A vivenda supón un problema a nivel xeral, tamén en Santiago. E os prezos á hora de alugar son realmente elevados.
A crise da vivenda é un problema a nivel global. Nos anos 70 e 80 do século pasado, o valor da vivenda como fogar foi substituído polo seu valor de cambio, de activo imobiliario. E iso ten unha serie de impactos no acceso á vivenda. En Santiago, nos últimos 10 anos, o prezo medio do alugueiro aumentou un 60%, na Unión Europea un 17,6% e en Galicia un 52%. A situación é grave. A Xunta de Galicia ten as competencias exclusivas en materia de vivenda, pero isto non significa que os concellos non poidamos ou non debamos facer cousas. No goberno estamos centrándonos, sobre todo, en aproveitar mellor o parque residencial que existe e en incrementar a oferta de vivenda protexida. Temos algo menos de 57.000 vivendas e unha poboación real entre 116.000 e 119.000 habitantes, co cal temos un ratio de dúas persoas por vivenda, que non está mal, o que pasa é que o 23,2% dese parque utilízase menos de tres meses ao ano. Temos que conseguir aproveitar mellor o parque residencial existente e tamén regular o alugueiro, en breve enviaremos á Xunta de Galicia a solicitude.
E como se fai iso?
Limitando o uso turístico, garantindo que as vivendas sexan vivendas. Modificamos o plan de inspección para incluír o grao de máxima prioridade de actuación por parte de disciplina urbanística, incluído o uso turístico ilegal. Estamos actuando no rexistro de soares e noutras iniciativas que buscan que se cumpra o deber de conservación e rehabilitación, iso permite recuperar patrimonio e ampliar a oferta residencial sen construír. Ademais, a Lei reguladora das facendas locais, que modificou a Lei polo dereito á vivenda, permite aos concellos recargar o IBI –Imposto de Bens Inmobles– de vivendas desocupadas con carácter permanente entre o 50 e o 150% da cota. Para iso temos que modificar a ordenanza fiscal e estamos agora mesmo con ese traballo. No relativo ao incremento do stock de vivenda protexida, estamos incorporando reservas no centro da cidade, o que fixemos cos terreos do antigo Peleteiro, o acordo coa Sareb, unha reserva importante de vivenda protexida que será polo menos o 45% da superficie de uso residencial. Outra política nesta liña é a mobilización de solo de titularidade municipal: cesión de parcelas á Xunta, constituír dereitos de superficie a favor de entidades que constrúan vivenda protexida en terreos de titularidade municipal e tamén alleamento de certas parcelas e reinvestimento deses ingresos na adquisición e na rehabilitación de edificios.
«Coidouse moito a protección física da cidade histórica pero perdeu tecido social, perdeu un pouco a alma da cidade»
Durante esta conversa mencionou varias veces o urbanismo das últimas décadas. Como valora o feito até agora nesta materia en Compostela?
O que se fixo en Santiago durante décadas non é diferente do que se fixo noutras cidades. A concentración da oferta comercial en grandes superficies da periferia, a crise do comercio en proximidade de certos barrios, o feito de que toda a vivenda que se fixo con cualificación de protexida fose por uns anos e pasados eses se perdese a cualificación e pasase a ser vivenda libre non foi un fenómeno exclusivo de aquí. Que se fixo ben en Compostela? Creouse durante moitos anos unha infraestructura verde de calidade e coidouse moito a protección física da cidade histórica, hoxe é unha xoia moi coidada no físico pero que perdeu tecido social, perdeu un pouco a alma da cidade. Pero creo que Santiago foi un éxito colectivo en canto a preservar fisicamente o patrimonio material e a cidade histórica aínda que houbo un certo fracaso colectivo, que tamén é común a moitas outras cidades, e que consistiu en que non se mantivo a vida dos edificios, non se mantiveron certas actividades, houbo un urbanismo expansivo que fixo que se creasen barrios con moi baixa densidade, sobre todo a partir do ano 2000, sen comercio en planta baixa, nos que a xente é moi dependente do coche, non é o modelo que temos que utilizar.
Para deseñar ese modelo, inspírase ou ten en mentes algunha cidade en concreto?
Non hai unha única cidade, para cada cuestión hai distintos exemplos. Para a vivenda, o paradigma case canónico é Viena. É exemplo da necesidade do longo prazo e da estabilidade, porque puxo en marcha o seu modelo nos anos 30 do século pasado, vivenda de titularidade municipal que fai que boa parte do parque residencial da cidade sexa público. Calquera cidade escandinava é un exemplo do que ten que ver co medioambiente, coa cidade verde consciente dos límites dos ecosistemas e da importancia das árbores.Tamén Copenhague é un exemplo de mobilidade ciclista, igual que Amsterdam, e máis próximas, Pontevedra.Vitoria-Gasteiz tamén, en cuestións de mobilidade e de anel verde. Agora nós imos ser o primeiro concello galego que aprobe este ano unha estratexia de infraestrutura verde e adaptación ao cambio climático, xa estamos traballando na súa redacción coa USC. Bolonia é exemplo de rehabilitación urbana, conseguiu rehabilitar o centro histórico e no momento da turistificación logrou preservar a cidade histórica como lugar vivo e rehabilitado.
Suscríbete para seguir leyendo
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- Santiago tendrá vuelo directo a Cork: Aer Lingus operará dos frecuencias semanales a partir del año que viene
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
- La profesora Marina Paredes se despide entre vítores tras 42 años de docencia en el Colexio Compañía de María
- El aeropuerto de Santiago agudiza su crisis tras la salida de Ryanair: 2.600 viajeros menos al día
- Fallece Francisco Barreiro, el doctor que impulsó la Cirugía Mayor Ambulatoria en el CHUS
- Segundo día de huelga de buses en Santiago: los piquetes permiten salir a los urbanos que llegan al Hospital Clínico y al de Conxo