Entrevista | María José López Couso Vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC
«Resulta frustrante que Trump diga que as universidades somos o inimigo»
A USC acolle desde hoxe ata o 7 de maio a oitava Asemblea de Reitores e Reitoras e a primeira Reunión de Institucións Asociadas da Alianza EUniWell. A vicerreitora María José López Couso repasa nesta charla as claves deste encontro e outros asuntos de actualidade

María José López Couso, no Pazo de San Xerome, en Santiago / Jesús Prieto

A USC encara con altas expectativas o papel de ser anfitrioa por primeira vez dunha asemblea de reitores da Alianza Europea para o Benestar, EUniwell, da que forma parte con outras dez institucións universitarias de todo o continente. Ademais, tamén é a primeira vez que, coincidindo con ese encontro, ten lugar unha reunión de entidades asociadas que dan soporte a este proxecto. A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso aborda estas e outras cuestións de actualidade.
Entre os asuntos que van abordar estes días, hai algún ao que lle vaian prestar especial atención?
Na Asemblea de Reitores vanse tratar os desafíos máis importantes que ten nestes momentos a educación superior: todo o relacionado co que se denomina unión de competencias, o papel que desenvolven as universidades en Europa e no mundo, que significan estes consorcios de universidades –un dos buques insignia da Comisión Europea xunto co programa Erasmus–, a liberdade académica e as posibilidades de colaboración dentro e fóra da alianza.
E no encontro de institucións asociadas?
Aí o obxectivo é moi obvio. Trátase de institucións de todo tipo: as deputacións das dúas provincias nas que temos campus, os dous concellos, a Xunta, empresas como Inditex, a Fundación Rof Codina, a Fundación IDIS, Cogami ou o Consello da Cultura Galega. Pretendemos establecer dunha forma máis directa unha colaboración intersectorial con eles.
Existe, polo tanto, unha vocación de medrar e de que as redes de colaboración sexan máis amplas?
Si, tratamos de buscar cos nosos asociados esas sinerxías dentro das áreas de EUniwell. Polo tanto, buscamos avanzar na economía do benestar mediante un enfoque horizontal e transectorial, en cinco áreas temáticas: saúde, igualdade social, cambio medioambiental, cultura e multilingüismo, e formación do profesorado.
A USC puxo en marcha o ano pasado o Plan de Internacionalización 2024-2026. Como está sendo o seu desenvolvemento?
Estamos moi satisfeitos do desenvolvemento neste algo menos de ano e medio que levamos. Aínda nos queda outro ano e medio por diante, pero no desenvolvemento de moitas das accións está francamente adiantado. Hai uns días fixemos unha análise sobre os indicadores e os obxectivos. O progreso dos que podemos medir en cifras supera o 80% do cumprimento. Estase traballando moito e moi ben a pesar das dificultades, porque os tempos que vivimos están sendo complicados para algunhas das actividades, e tamén para moitas delas fan falta máis fondos.
Hai uns meses indicaba en EL CORREO que a satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi elevada. Tamén o é a do alumnado da USC que vai fóra?
Cando falamos de internacionalización, no primeiro que pensamos é na mobilidade do estudantado, que segue sendo un piar fundamental. Os datos de satisfacción que temos, tanto do estudantado entrante como do saínte, son moi elevados. Iso é moi bo, non só porque o estamos facendo ben, senón porque os estudantes son os mellores embaixadores para que outros tamén pensen en facer unha estadía. Temos algún estudo que sinala que moitos deles elixen Santiago para un Erasmus porque lles chegou a información a través doutros compañeiros que estiveron na USC en anos anteriores. Temos que seguir coidando isto para que ese boca a boca siga funcionando.
Ultimamente falouse moito do conflito aberto por Donald Trump con Harvard e outras universidades de EEUU. Como valora esta situación?
Como universidade pública que defende a liberdade no coñecemento e no ensino, a situación que se está producindo nos Estados Unidos preocúpanos moito. Non sabemos ata onde van chegar eses ataques frontais do goberno de Trump ás universidades. Eu escoitaba non hai moito a unha persoa que ocupa un alto cargo nese goberno dicindo que as universidades eran o inimigo do país. Escoitar cousas coma esa para nós resulta altamente frustrante e moi decepcionante porque somos xusto todo o contrario. Apostamos pola xeración de coñecemento, a innovación, a cohesión social, a igualdade de oportunidades, a inclusión, a diversidade. Se din que iso é ser o inimigo, é moi preocupante.
A raíz disto, existe a posibilidade de captar talento en Europa que fuxa dese conflito. É unha aspiración da USC?
Non sabemos que vai pasar con moitos destes docentes e investigadores que están agora mesmo en universidades americanas. Parece que vai haber un certo fluxo de persoas que queren saír do país para asentarse nalgunha universidade europea. Nós estaremos dispostos a acoller, por suposto, a ese profesorado na medida das nosas posibilidades, sempre e cando pasen polos procedimentos que ten establecido a universidade para a súa incorporación, evidentemente.
Que outras situacións lle preocupan a nivel internacional?
A situación no mundo para as institucións de educación superior está en risco en moitas latitudes. Temos esta situación en Estados Unidos, temos tamén territorios que están en conflito, en Palestina ou en Ucraína. Temos unha relación con univesidades destes territorios ás que lles ofrecemos sempre o noso apoio. Aí estamos actuando dunha forma máis proactiva, e o de EEUU témolo nunha dimensión menor, pero haberá que estar expectantes e botar unha man onde poidamos.
O próximo curso aprobouse aumentar prazas en titulacións como Economía, Matemáticas ou Enfermería. Como se vai axustando esa oferta?
A oferta ten que ser validada pola Consellería e polo Ministerio. O sistema non pode crecer de forma desmesurada porque os recursos, tanto económicos como humanos, son os que son. Teremos que facelo nos ámbitos e na proporción que poidamos asumir, e con garantías de seguir ofrecendo unha docencia de calidade. Os incrementos de prazas van acordes a unha análise de ata onde podemos chegar. Os cambios van na liña de que temos que valorar cales son as demandas da sociedade.
Suscríbete para seguir leyendo
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
- Santiago se queda sin servicios mínimos de transporte urbano: los piquetes impiden la salida de los buses de Amio
- «Visitar esta zona de la Catedral de Santiago es algo increíble»
- Pesar por la muerte de Ramón Martínez-Rumbo, exdirector de Neurocirugía del CHUS y pionero en cirugía del Párkinson



