A polémica das VTC: Verea mantense firme na súa denuncia mentres a alcaldesa fala de "intoxicación"
O líder do PP acusa o goberno de contratar vehículos ilegais durante a asemblea do Grupo Cidades Patrimonio e Sanmartín asegura que se está a estudar a regulación ao respecto

O líder do PP en Santiago, Borja Verea, onte en rolda de prensa. / CEDIDA

Os problemas de mobilidade da capital galega, cun novo contrato de transporte urbano pendente aínda de que o poida avaliar a ONE –Oficina Nacional de Evaluación–, con 29 novas licenzas de taxi por outorgar e con servizos VTC –vehículo de transporte con condutor–que operan fóra da legalidade suma agora unha nova lea. A derivada pola denuncia da contratación deste último servizo durante a asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio celebrada en Santiago en marzo.
O líder da oposición, Borja Verea (PP), denunciaba este luns en rolda de prensa que o Goberno local leva dous meses «mentindo» sobre a contratación deste servizo o pasado 14 de marzo, cando se sancionou un VTC que daba servizo ao Grupo de Cidades Patrimonio por operar entre dous puntos da área urbana –só teñen permitidos os desprazamentos entre municipios–. Verea fixo extensiva esta irregularidade aos 29 servizos realizados durante aquel evento, segundo consta no documento ao que o Partido Popular tivo acceso e afirmando que «persoal do Concello comunicoulle á empresa Farocars a información facilitada pola axencia de viaxes para que organizase os traslados».
Nunha rolda de prensa posterior, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, negaba as informacións facilitadas polo voceiro do PP asegurando que «a única persoa que lle está a mentir á cidadanía é Borja Verea» e aseveraba que «non existe contrato do Goberno local para a prestación deste servizo», matizando que non se tratou de contactar con ningunha plataforma, senón co servizo habitual de tránsfer do Concello. A rexedora reafirmouse nas declaracións realizadas a raíz dos feitos acontecidos o 14 de marzo e explicou que Raxoi se limitou a «colaborar» co Grupo de Cidades Patrimonio e que respecto da denuncia presentada se tramitaría «coma calquera outra».
«A única persoa que lle está a mentir á cidadanía é Borja Verea»
Sanmartín aproveitou tamén a súa intervención para rematar coa polémica afirmando que as declaracións de Borja Verea, alén de non seren certas, buscan «a provocación e a intoxicación, sempre cun nulo espírito positivo».
Pero dende a bancada popular mantéñense firmes na súa denuncia, e apelan ás declaracións realizadas en marzo, que consideran demostra que o Goberno local mentiu. «Van asumir responsabilidades? Quen deu a orde de mentir? Que se quería ocultar? Estanse tramitando esas 29 multas?», interrogábase Verea, para puntualizar ademais que segundo os cálculos realizados polo PP consonte á lei poderiamos estar a falar de sancións que suporían «aos santiagueses» o desembolso de entre 60.000 e 180.000 euros.
E foi en relación coa lei como a alcaldesa armou a defensa da xestión do Executivo local. «Por que aparece agora este problema?», preguntouse Sanmartín para explicar que na Lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta –aprobada o pasado decembro– pasan a ser os concellos os que teñan que regular os servizos VTC no ámbito urbano. A rexedora apelou aos poucos meses que transcorreron dende entón e afirmou que «polo de agora ningunha cidade ten resolta a situación» se ven o Concello de Santiago está a estudar as diferenzas entre os VTC e os servizos de tránsfer para proceder á súa regulación.
En relación coa elaboración desta normativa, Goretti Sanmartín matizou que na actualidade, este cambio de competencias leva a unha situación de «paralegalidade ou alegalidade» e afirmou que «non son ilegais, porque non aparecen así na norma, pero tampouco son legais porque aínda non está regulado» en que áreas se pode levar a cabo este servizo.
Sancións en tempos «paralegais»
A orixe da última polémica entre o Partido Popular e o Goberno bipartito está no mes de decembro. Naquela altura é cando o Parlamento de Galicia aprobou a Lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta na que a regulación das zonas permitidas para que os vehículos VTC presten os seus servizos pasou a ser responsabilidade dos concellos. Unha cuestión na que se apoia a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para afirmar que agora mesmo se está a estudar a regulación a levar a cabo e defenderse, así, das acusacións do líder do PP, Borja Verea, sobre a contratación ilegal de VTCs durante a asemblea do Grupo Cidades Patrimonio que tivo lugar na cidade no mes de marzo.
Pero o certo é que dende decembro até agora, por máis que se fale dunha situación de «paralegalidade», dixo Sanmartín, na que a prestación destes servizos en área urbana «non é ilegal porque non aparece así na norma e non legal porque non está regulado», a realidade é que si se están a tramitar sancións a quen presta este tipo de servizo no núcleo urbano –só lles está permitido agora realizar desprazamentos entre concellos–.
No mes de decembro, antes da aprobación da Lei de acompañamento, comezou a operar a plataforma Cabify e, dende entón, Xunta –a través da dirección de Mobilidade– e Concello de Santiago –Policía Local– comezaron a realizar inspeccións e controis. Destes, a finais de febreiro contábanse 10 infraccións, que vulneraban a Lei do taxi, e á que se suma a de 14 de marzo. Estes condutores enfróntanse a multas que oscilan entre os 400 e os 6.000 euros. No caso de operaren sen licenza, o custo da sanción elévase a entre 2.000 e 4.000 euros.
Suscríbete para seguir leyendo
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
- Nuevo movimiento en la 'milla de oro' de Santiago: Ela Diz deja el casco histórico y se va a Xeneral Pardiñas
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores
- El avión más grande del Ejército del Aire realiza una escala técnica inesperada en Santiago antes de recoger tropas españolas en Estados Unidos


