Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A praza como reguladora do metabolismo da cidade

‘Cultura arquitectónica e cultura alimentaria. A Praza de Abastos de Santiago’ é un dos traballos da investigadora da UDC Ruth Varela. Nel aborda a concepción do mercado do arquitecto Joaquín Vaquero pero tamén a importancia deste nodo comercial e social na concepción dunha cidade máis saudable

Imaxe dunha das naves da Praza de Abastos de Santiago de Compostela

Imaxe dunha das naves da Praza de Abastos de Santiago de Compostela / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Ruth Varela, investigadora da Universidade da Coruña e do programa Juan de la Cierva, é a autora de varios traballos arredor da Praza de Abastos de Santiago, entre eles o documental Los secretos del Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, merecedor do premio AHI (Architectural Heritage Intervention) e o estudo Cultura arquitectónica e cultura alimentaria. A Praza de Abastos de Santiago

Sobre este último conversa con EL CORREO GALLEGO para explicar a importancia, non só do proxecto de Joaquín Vaquero Palacios, senón tamén da concepción integral da cultura galega que o arquitecto lle quixo conferir ao edificio: «Integrar a aldea e o campo na cidade», explica Varela. A investigadora defende que, deste modo, o mercado de abastos é «regulador do metabolismo social da cidade» co ollo posto no modo de vida tradicional «que intercambia recursos e enerxía nun círculo virtuoso da alimentación da cidade», con produtos ecolóxicos e de calidade e cunha menor contaminación grazas á pouca distancia que separa o lugar de produción do de venda, polo que tamén se contribúe na loita fronte ao cambio climático.

Varela afirma que por todo isto o obxectivo dos seus traballos vai máis alá do científico para tender ao divulgativo e abordar a importancia da Praza de Abastos «non só dende o punto de vista arquitectónico e da necesidade de protexer a arquitectura», senón tamén dende a perspectiva de que é preciso «protexer as persoas e os modos de vida que lle dan sentido» á sociedade. A autora defende que para o deseño deste espazo singular e fundamental de Compostela, Joaquín Vaquero Palacios fixo todo un exercicio de inmersión na cultura galega, non só arquitectónica, «e chegou a comprender moi ben as necesidades espaciais dos paisanos que veñen do campo e que integran este na cidade a través da Praza de Abastos».

Unha integración que aínda se mantén no mercado compostelán e que na situación actual adquire unha importancia vital, segundo sinala a investigadora da UDC. «Os praceiros manteñen aínda un vínculo moi grande co territorio, e isto ten moito que ver con algo tan transcendental agora como é o dereito a unha alimentación básica e adecuada», un dereito humano que se debe satisfacer «como defende a FAOFood and Agriculture Organizatión, Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura–, unha alimentación de proximidade».

Ruth Varela, investigadora da UDC

Ruth Varela, investigadora da UDC / Cedida

Nesta liña, Varela explica que a Praza de Abastos de Santiago está «perfectamente engarzada cos puntos básicos que defenden o Pacto de Milán de políticas alimentarias urbanas e mais o Pacto Verde Europeo». Este último inclúe, entre as políticas a implementar, a necesidade de acurtar as cadeas de valor, o que se coñece co lema «Da granxa á mesa», que implica que entre a primeira e a segunda exista «o mínimo número de pasos», matiza a investigadora, algo que se dá en Santiago.

«Imos á praza, que é o único mercado público da cidade, e tamén o único no que nos podemos relacionar directamente cos produtores», afirma Varela para destacar os beneficios desta «cadea de valor curtísima», e un deses pros é que «permite fixar poboación no rural e con iso estás coidando o territorio, evitando incendios, protexendo ecosistemas e seguramente preservando recursos fitoxenéticos autóctonos, que son imprescindibles e máis resilientes fronte ao cambio climático». Así, Ruth Varela reivindica tamén a recuperación de sementes, coma a do trigo callobre, «patrimonio alimentario, preservamos o sabor do pan que comiamos de nenos».

A praza e o relevo xeracional

Ruth Varela apunta que mantendo a actividade tradicional da Praza de Abastos, alén dunha mellor alimentación e da contribución a un mellor metabolismo da cidade, tamén se fixa poboación no rural, promovendo que haxa novos produtores e novos praceiros, unha cuestión que liga directamente co relevo xeracional do Mercado de Abastos de Santiago. Pese a que esta última se afirma en crise nos últimos tempos, tamén danada pola turistificación, a investigadora da Universidade da Coruña o ve doutra maneira. 

«Que haxa relevo ou non, non depende da actividade en si, depende máis de políticas de emprego e de dinamización. Trátase dunha actividade esencial e podemos decidir que para o exercicio da súa profesión posúan unhas condicións óptimas para que exista ese relevo xeracional». Asegura que «se non creas as condicións, e como cidadanía non decidimos que as administracións creen esas condicións, senón barreiras, ponse en risco o relevo xeracional».

«Estamos nun cambio de ciclo, ás portas dunha crise alimentaria e a alimentación das cidades vai ser un reto crucial». Dende este punto de vista, Varela recalca que «a alimentación das cidades é competencia dos concellos» e aí «os mercados de abastos van ocupar un lugar central». A investigadora explica que estes espazos se están a revalorizar, «estamos nun proceso de proliferación de cooperativas, de consumo agroecolóxico» e esta revalorización implica tamén «un sentido económico».

E neste último senso, Ruth Varela pon a atención na toma de decisións, a nivel de gobernos locais «para garantir o éxito da cidade, que vai depender do éxito do mercado de proximidade». Fronte ás «estratexias moi agresivas que destrúen as terras e converten a urbe en terra morta».

O documental

Los secretos del Mercado de Abastos de Santiago de Compostela centrouse, segundo conta a súa creadora, «en poñer de relevancia aspectos descoñecidos ou non habituais» da praza, e matiza Ruth Varela que lle parecía que «habitualmente se contaban unha serie de cousas moi anecdóticas e había moi pouca información». 

Para paliar estas debilidades, a investigadora fixo «un baleirado de prensa de todo o século XX» sobre o mercado e estableceu no guión cinco grandes temas «para que cinco persoas expertas comentasen as cuestións urbanísticas» que implica a Praza de Abastos, e sumou tamén a visión de David Soengas, para dar conta da perspectiva dos oficios. 

Con todo ese material, estableceu un diálogo cos especialistas, para darlle ao documental un valor máis didáctico que científico, «cunha linguaxe que puidera entender todo o mundo». Un traballo que lle valeu o premio AHI (Architectural Heritage Intervention).

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents