Viaxe a 1856 dende Conxo: Banquete de fraternidade e igualdade
Os días 23, 24 e 25 de maio o barrio compostelán anexionado hai agora un século celebra a súa principal festa, e unha das máis populares do concello

Viaxe a 1856 dende Conxo: banquete de fraternidade, igualdade e respecto polo medio / Jesús Prieto
A fin de semana do 23 ao 25 de maio volve a Festa do Banquete de Conxo e, con ese barrio, Compostela enteira e arredores retornan ao século XIX (1856), cando universitarios e obreiros celebraron a fraternidade e a igualdade entre xentes de diversa formación e, daquela, tamén residentes en distintos concellos. Conxo era daquela municipio de seu e foino até 69 anos despois, cando se asinou a súa adhesión a Santiago.
A programación deste ano presentárona en rolda de prensa as concelleiras de Comercio, María Rozas, e de Festas, Pilar Lueiro, poñendo de relevo ambas as dúas o carácter participativo desta celebración así coma a rebeldía e reivindicación, non só da conmemoración do Banquete, senón tamén do barrio de Conxo.
A festa arranca este venres cos Cantos de Taberna e repite o sábado dende as 11.30 co paseo literario guiado polo editor Henrique Alvarellos. O domingo toca recrear o Banquete, sacando as galas de época e gozando da romaría que "tece redes", apuntou Pilar Lueiro. Antes do xantar, e de novo da man de Os Quinquilláns, roteiro dende o Toural, ás 11 horas, até Conxo.

Mónica García e Os Quinquilláns na representación teatral do Banquete de Conxo, en 2024 / Jesús Prieto
As parroquias convidadas deste anos son Figueiras e Aríns, e desta última parroquia é agora residente a encargada de pregoar o fin de festa, a escritora Teresa Moure.
Na praza Aurelio Aguirre
Os libros, a artesanía e a música forman parte unha vez máis da Festa do Banquete de Conxo. Explicou a edil María Rozas que o sábado 24 e o domingo 25 haberá mercado do libro na praza Aurelio Aguirre, con 11 expositores e máis dunha ducia de presentacións e sinaturas de libros.
Habera tamén no mesmo lugar unha mostra de artesanía, na que participarán, máis alá do posto de venda de produtos, tres artesáns traballando ao vivo: un ferreiro, un ceramista e un luthier de instrumentos tradicionais, no ano no que a Real Academia Galega consagra o Día das Letras ás cantareiras, e case indisolublemente, pandeireteiras.
A poesía e a música tamén terán o seu espazo, no último caso con oportunidade de actuación en directo para dúas bandas que ensaian no Centro Xove da Almáciga: Patrick e Gingkgo biloba. A festa da poesía estará conducida por Claudia Pino e contará cos versos, entre outras, de Francesca da Silva e Clara do Roxo.
Programación infantil e concerto de corais municipais
A programación do Banquete de Conxo tamén inclúe moitas propostas para o público infantil. Durante o sábado pasarán pola praza de Aurelio Aguirre Títeres Babaluva, coa súa Feira das Sementes e Charlatán Rodríguez; e no domingo están previstas as actuacións do Mago Teto e de Peter Punk, ademais das actividades da carballeira, coma xogos tradicionais ou un espectáculo dos Catropés.
No apartado musical, a programación inclúe a actividade Canto Fraterno, na que participarán pandereteiras de Marrozos e de Sar; e o concerto de Coros na escalinata do Psiquiátrico, coa participación do Coro de Habaneras Rocha Forte, Coro Coto da Nai de Aríns, Coro Crecente, Coro Amigos do Castiñeiriño, Coral da Pontepedriña, ou o Orfeón Tradicional da Colexiata de Sar.
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Un estudiante de Santiago logra el oro en las olimpiadas nacionales de FP
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- El juez Taín asegura que Alfonso Basterra ha solicitado el tercer grado y negocia su participación en una serie sobre el caso Asunta
- Un hotel en la antigua muralla de Santiago: la apuesta de un empresario gallego con negocios en Brasil
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
- Nuevo movimiento en la 'milla de oro' de Santiago: Ela Diz deja el casco histórico y se va a Xeneral Pardiñas

