Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Malestar dos díscolos do PSOE coa alcaldesa de cara ao Pleno que os expulsará do grupo

Lamentan que a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, non agarde á resolución das medidas cautelares

Castro, Muíños, Álvarez e Rosón en Raxoi.

Castro, Muíños, Álvarez e Rosón en Raxoi. / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Este venres o salón de plenos de Raxoi acolle unha sesión extraordinaria na que, ademais de debatérense cuestións relacionadas co cadro de persoal do Concello ou coa taxa turística, se dará conta do paso dos edís socialistas Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez á condición de «non adscritos». Logo de seren expulsados polo partido e de alegaren fronte ao secretario municipal a muda na Corporación local vaise facer efectiva pero os concelleiros repróchanlle á alcaldesa Goretti Sanmartín que non agarde á resolución xudicial sobre as medidas cautelares solicitadas.

Foi o pasado venres 9 de maio cando acudiron aos xulgados de Fontiñas os edís socialistas, coas súas testemuñas, para solicitaren estas medidas, aferrándose á garantía do mandato representativo, e segundo explicou á saída da vista o seu avogado, Evaristo Nogueira, esperan que se lles concedan. Polo que Álvarez, Castro, Rosón e Muíños se queixan de que non agarde a rexedora a esa resolución e a súa condición pase de integrantes do grupo municipal socialista a non adscritos neste pleno extraordinario.

Fontes próximas aos concelleiros expulsados sustentan a reivindicación destes na perda de dereitos que vai supor pasar a ser non adscritos, sen dereito a conformaren un grupo mixto, como si acontece, por exemplo, no Congreso do Deputados. «En termos de representatividade» os catro edís do grupo municipal socialista serán excluídos de máis de 25 órganos municipais, como consellos de administración, participación e comisións especiais. 

Entre outros órganos, Álvarez, Castro, Rosón e Muíños van quedar fora de consellos coma o do Consorcio de Santiago, Tussa, Incolsa e Mercagalicia, pero tamén do Consello Reitor do Auditorio de Galicia. Tamén quedarán fóra de comisión especiais tan importantes para a capital galega, e tan presentes nos programas electorais de todas as formacións políticas con representación en Raxoi, como son as do ciclo da auga, da cidade histórica ou da memoria.

Así mesmo, as fontes próximas aos expulsados tamén poñen o foco en que quedaran sen representación nos consellos de participación, como poden ser os do Refuxio de Animais de Bando ou o de Condecoracións.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents