Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Celebración dunha fraternidade centenaria

Hai 100 anos o Concello de Conxo uníase ao de Compostela para converterse co devir do tempo nun dos barrios máis singulares da capital de Galicia

O pleno simbólico celebrouse no claustro do antigo convento mercedario.

O pleno simbólico celebrouse no claustro do antigo convento mercedario. / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Santiago e Conxo celebraron este 15 de maio os 100 anos da anexión do que hoxe é un dos barrios con maior personalidade da capital galega, pero que en 1925 era concello de seu. Aos festexos non lle faltou detalle, mesmo tivo lugar, minutos antes de que iniciasen os actos de conmemoración da adhesión, outro casamento, neste caso civil, que oficiou no Pazo de Raxoi o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás

Ás 18 horas, producíase na praza do Obradoiro o intercambio de bastóns entre a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o presidente da Asociación Veciñal Conxo Aberto, Luciano Villar, e arrancaba a comitiva, encabezaba polos gaiteiros, os maceiros da Corporación e a edil Nerea Barcia, a máis nova entre as concelleiras, encargada de portar o pendón.

Concelleiros e veciñanza mesturáronse con turistas e peregrinos polas rúas da cidade vella camiño da praza de Vigo, onde se homenaxeou a máis importante figura das Letras Galegas, Rosalía de Castro, nada e 1837 en Conxo –o municipio foi independente entre 1835 e 1925 –. Na praza do Ensanche ofrecéronselle flores á poeta e o alumnado do CEIP Quiroga Palacios recitou Nasín cando as prantas nasen e Adios ríos, adiós fontes logo de que a rexedora lles cedese a palabra con vivas a Rosalía e mais a Conxo.

O punto final do percorrido foi o Hospital Psiquiátrico. Alí, no claustro do que no seu día foi convento mercedario celebrouse un pleno simbólico, no que participaron Juan Lema Rodicio, presidente da Real Academia Galega das Ciencias e bisneto de José Lema Martínez, último alcalde de Conxo; María Elena Barreiro Seijas, vocal da AsociaciónVeciñal A Xunlla de Laraño; Luciano Villar e os voceiros dos grupos que integran a Corporación municipal. Foi inevitable que se inmiscuíse na festa a actualidade política local.

Recoñecemento dun barrio reivindicativo e xeneroso

A alcaldesa de Santiago foi a encargada de pechar o pleno celebrado en Conxo e iniciado coa interpretación de Negra sombra levada a cabo polo Coro Crecente. Sanmartín abriu a súa intervención lembrando as palabras do rexedor daquel municipio no momento da anexión: «Lemos na crónica do xornal El Compostelán do 15 de maio de 1925 as palabras de Díaz Varela, unhas palabras que fago miñas: recibide o meu efusivo saúdo e afectuosa aperta de irmáns de todas e todos os composteláns».

Goretti Sanmartín fixo mención tamén ao carácter reivindicativo do barrio, en pé de guerra para protexer as árbores centenarias do bosque do Banquete. «Fixádevos que hai unha forte conexión entre a historia de Conxo e o presente, pois non se entende este fervedoiro de reivindicación e actividades que se desenvolven nas súas rúas ao longo do ano, sen ter en conta o que aconteceu tempo atrás nestes mesmos lugares». Apuntou así a inmediatez doutra conmemoración, a do Banquete de Conxo, que decorrerá entre o 23 e o 25 de maio lembrando aquel xantar popular .

O voceiro do grupo maioritario da oposición, Borja Verea, centrou o seu discurso na «xenerosidade». «O que realmente estamos celebrando hoxe é a historia dun éxito», dixo o líder do PP, «compartir é o maior acto de xenerosidade que existe, na vida, pero tamén na política, ten unha virtude única: a de transformar as vidas. E hoxe aquí celebramos 100 anos de xenerosidade, 100 anos de coincidencia nun destino común».

A nota máis triste desta celebración púxoa o voceiro do PSOE, Gonzalo Muíños, que previsiblemente no pleno extraordinario deste venres pasará a ter condición de non adscrito. «É curioso que, se a xustiza non o remedia, vaia ser este o meu último pleno como concelleiro socialista», lamentou o edil Gonzalo Muíños.

Tracking Pixel Contents