Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Adiante a taxa turística pese ás sospeitas que ten a oposición sobre a súa xestión

A aprobación inicial da ordenanza para regular as estadías turísticas obtivo o voto a favor de BNG, Compostela Aberta, PSOE e non adscritos e coa abstención do Partido Popular

O prezo da taxa oscilará entre 1 e 2,5 euros por noite.

O prezo da taxa oscilará entre 1 e 2,5 euros por noite. / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O pleno municipal aprobou inicialmente este venres a ordenanza que vai permitir aplicar na cidade un imposto ás estadías turísticas. Unha iniciativa que defendeu a concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, afirmando que «hoxe pode ser un día moi destacado para Compostela e para Galicia». A norma contou co apoio dos grupos de goberno –BNG e Compostela Aberta–, PSOE e non adscritos e a abstención do PP, pero a tónica xeral das intervencións da oposición deixou sobre a mesa as súas dúbidas sobre como o Bipartito xestionará a taxa turística.

A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, definiu a aprobación como «un día histórico» que converte Santiago no primeiro concello galego en implementar a taxa e a concelleira Louzao lamentou, unha vez máis, que o imposto de estadía turística deba xestionalo o Concello, en lugar da Xunta a través da Axencia Tributaria de Galicia por ser a opción «máis lóxica». Pero a oposición centrouse en coñecer como se vai xestionar a taxa e se se van cumprir os prazos, se se chegará aos 2,6 millóns que recollen os orzamentos municipios e tamén en denunciar que houbo pouca negociación co sector.

«A onde van ir eses fondos? Os 2,6 millóns previstos no orzamento?» pregunta o líder do PP, Borja Verea, que tamén requiría saber se xa «está o Concello organizado internamente» para esta recadación. E sacaba á luz un informe de Tesouraría no que se aseguraba que «a comprobación deste ingreso é unha quimera».

A edil «socialista non adscrita» Mercedes Rosón, como se definiu na sesión plenaria, recordou que «a taxa non vai contra o sector ou o turismo, non castiga senón que protexe», pero tamén pediu coñecer «se se vai producir o ingreso de 2,6 millóns de euros e se hai estrutura para a recadación» e aclarou que «as dúbidas sobre os prazos son máis que razoables». A taxa liquidarase semestralmente, poñerase en marcha en xuño e o primeiro ingreso non chegará até xaneiro de 2026.

Nisto último reparou o edil do PSOE, Sindo Guinarte, que criticou que a Xunta aprobou esta lei «arrastrando os pés» e que lle recriminou ao Goberno bipartito que «faltou diálogo co sector, pero aínda estamos a tempo de ter esas conversas, porque aínda que non estean agora de acordo coa taxa son eles quen a van recadar para as arcas municipais».

Compostela cosmopolita

O voceiro do PP comezou a súa intervención no debate sobre o imposto de estadías turísticas aclarando que non se trataba dunha discusión «sobre o modelo turístico» para engadir que «nós entendemos a cidade doutro xeito», aínda que recoñeceu a lexitimidade do padrón que defende as forzas progresistas de Raxoi. Mais fronte a este último Verea afirmou que «segue a existir no ADN compostelán o orgullo polo carácter cosmopolita da cidade».

Foi a concelleira María Rozas (CA) que deu resposta ao popular. Aínda que antes defendeu a adopción desta medida lamentando, sen embargo, que non se adoptase hai dez anos, durante o goberno da súa formación, cuxa alcaldía exerceu Martiño Noriega entre 2015 e 2019. «Abriu un debate valente» sobre a xestión turística, «era só cuestión de abrir os ollos e mirar e Europa». 

Rozas congratulouse de que Compostela Aberta abordase daquela «o risco de converter a cidade nun parque temático». Nesta dirección respondeu os comentarios de Borja Verea asegurándolle que «o carácter compostelán, cosmopolita, aberto, acolledor... Non vai variar porque a cidade teña unha taxa o que si varía é quen paga os gastos da presión turística». A edil advertiu tamén no pleno «negar a presión turística que soporta a cidade de Santiago é negar a realidade».

Tracking Pixel Contents