Santiago
Centros socioculturais: Duro presenta a programación de verán e garante o servizo ata outubro
O edil asegura que as empresas concesionarias aceptaron unha prórroga de catro meses e que os novos pregos están «moi encamiñados»

Xan Duro e Pilar Lueiro, na presentación da programación de verán dos centros socioculturais de Santiago / Cedida

O Concello de Santiago presentou este venres a programación dos centros socioculturais para o verán. O anuncio chegou logo de que nas últimas semanas os traballadores alertaran de que o servizo estaba en risco de colapsar polo vencemento do contrato e polas intencións que trasladaban as empresas concesionarias de non estar dispostas a asumir unha nova prórroga. Sen embargo, o edil responsable desta área, Xan Duro, asegurou que aceptaron unha prórroga de catro meses co que «o servizo está normalizado».
Esta prolongación do contrato será ata o mes de outubro, momento no que Raxoi agarda que poida botar a andar unha nova concesión. Para iso, os pregos que teñen que definir o proceso de adxudicación «están moi encamiñados xa, estanse pechando os últimos informes», afirmou. Desta maneira, poderían publicarse nas vindeiras semanas e «confiamos que estea todo resolto» cando venza a prórroga.
Demora por unha normativa «moi ríxida»
Ante a demora no novo contrato, que estaba previsto para o ano pasado, Duro xustificou «encaixar todas as intencións políticas dentro dunha normativa administrativa moi ríxida non está sendo sinxelo».
Ditas intencións, segundo o edil, pasan por «eliminar os puntos de fricción» relacionados coa situación dos traballadores, que veñen denunciando deficiencias e reclamando condicións dignas desde o pasado mandato. A representación sindical, pola súa banda, cre que a solución a este conflito pasa pola municipalización do servizo.
Programación de verán
Mentres, o Concello desenvolverá o programa Vive o Verán, que foi detallado por Duro e concelleira de Medio Rural, Pilar Lueiro. Ofertaranse 400 prazas no mes de xullo en 15 centros –oito do casco urbano e sete do rural– de 9h a 14.30h para nenos nacidos entre 2012 e 2020.

Programación de verán dos centros socioculturais de Santiago / Cedida
As actividades son de balde e ofrecen experiencias inmersivas en torno a diferentes temáticas como a cultura popular, a mitoloxía galega, a ecoloxía ou o cinema. Os nenos e nenas "mergullaranse nesas temáticas dispares, converténdose en personaxes deses universos, e tendo que resolver desafíos para completar as misións de cada unha das aventuras", sinalou o edil.
Lueiro, pola súa banda, indicou que "este programa aposta polo lecer, pero tamén por promover os valores cívicos e, no caso do rural, por achegarlles aos nenos e nenas puntos de encontro próximos, nos que pasar o tempo de ocio do verán".
Prazos e aulas de xogo
O prazo de preinscrición estará aberto desde o próximo luns ata o 1 de xuño. As listas provisionais publicaránse o 6 de xuño, e abrirase un periodo de reclamacións ata o 9 de xuño. No caso de haber máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo público o día 11 de xuño, e o listado definitivo de nenos e nenas admitidas publicarase a partir do 17 de xuño.
Ademais do programa específico, a oferta de lecer para as crianzas na rede de Centros Socioculturais complétase coas aulas de xogo, que mudarán o seu horario habitual e estarán abertas pola mañá, en horario de 10 a 14 horas. Será a partir do 23 de xuño, e tamén do 1 ao 9 de setembro, antes do inicio do próximo curso escolar.
Como novidade este verán tamén permanencerán abertas durante o mes de xullo as aulas de xogo de Castiñeiriño, Vite, Fontiñas e Santa Marta, cunha programación específica con máis xogos de grupo e con actividades no exterior cando as condicións meteorolóxicas o permitan. No caso das aulas de xogo, non é preciso realizar inscrición previa.
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos


