Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A CIG denuncia que Tórculo está en bancarrota e non poderá indemnizar a 49 traballadores

A firma de artes gráficas deberá disolverse este mes por orde xudicial

Instalacións da empresa Tórculo, que ten a súa sede principal en Santiago

Instalacións da empresa Tórculo, que ten a súa sede principal en Santiago / ECG

Santiago

A empresa de artes gráficas Tórculo, con sede en Santiago e presenza en Vigo, A Coruña e Madrid terá que disolverse por orde xudicial antes do próximo 23 de maio. O sindicato CIG-Industria da comarca de Santiago denuncia que a firma acumula unha débeda de 7 millóns de euros, culpa da situación actual á xerencia e afirma que corren perigo 49 postos de traballo –cunha media de idade de 50 anos– que non recibirán nin os cartos da indemnización por despedimento. 

Continuidade laboral

A través dun comunicado, a CIG esixe transparencia e solucións que prioricen a continuidade laboral. «Tórculo Comunicación Gráfica foi un piar das artes gráficas en Galicia, facturando ata 6 millóns de euros anuais. Porén, a empresa acumula unha débeda de 7 millóns de euros, froito da mala xestión do seu xerente», asevera o sindicato nacionalista. O seu representante, Benedicto Blanco, lamenta que «parece mentira que despois de 50 anos unha empresa como Tórculo, pola súa ambición de medrar, estea na bancarrota, sen cartos para pagar as indemnizacións».

A CIG asevera que a crise que atravesa a empresa agudizouse desde maio de 2024, con atrasos nos pagos. En novembro de 2024, Tórculo presentou un concurso de acredores, anunciando a intención dunha empresa catalá, Socigestal S.L., de adquirir a compañía. En marzo de 2025, a xuíza encargada anulou a compra, argumentando que non ofrecía garantías para os traballadores. Blanco denuncia que «hai unha orde xudicial que di que se ten que disolver a empresa antes do día 23 deste mes», reflectindo a urxencia da situación.

Culpan á xerencia

A CIG-Industria apunta ao xerente de Tórculo, Jacobo Bermejo Barrer, e ao seu equipo de dirección como responsables do colapso. Neste sentido, Blanco critica que «é a mesma xente que fundiu a empresa» a que agora tenta «montar unha sociedade para quedarse con ela», sen garantías de viabilidade. Advirte que «se esta xente, ou el, ou o xerente ou a súa directiva o fixeron mal unha vez, pois, evidentemente, non o van facer ben», cuestionando a credibilidade da dirección para liderar unha recuperación.

O representante da CIG-Industria denuncia ademais prácticas opacas, como a apertura dunha conta bancaria paralela en novembro ou decembro de 2024 para xestionar pagos a provedores, eludindo o administrador concursal. «Non sabemos o porque, para eles faceren os pagos», explica e sospeita que esta conta puido servir para «cobrar débedas de clientes e metelas no seu peto».

Aquisición dunha empresa

Nesta liña Blanco denuncia ademais que Tórculo adquiriu unha empresa en Madrid, en concurso de acredores, «cunha débeda non saldada que non sabemos con certeza». Blanco atribuíu este fracaso á «ambición dos xerentes de ser o top guai das artes gráficas» e a gastos como a compra dunha máquina denominada Rotativa Rico VC 70.000, a única no Estado español valorada en arredor dun millón e medio de euros.

Tracking Pixel Contents