Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Negan as medidas cautelares aos edís composteláns expulsados do PSOE

Muíños, Rosón, Castro e Álvarez solicitaban do Xulgado de Instancia número 3 que se declarasen nulas e se revogasen todas as sancións que lles foron impostas por Ferraz

Castro e Álvarez (arriba) e Muíños e Rosón xa como non adscritos no salon de plenos.

Castro e Álvarez (arriba) e Muíños e Rosón xa como non adscritos no salon de plenos. / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

Este luns o Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Santiago deu a coñecer o auto no que acorda rexeitar a solicitude de medidas cautelares realizada polos catro concelleiros expulsados do PSOE compostelán, que interesaban que se declarasen nulas e se revogasen na súa integridade as sancións que lles impuxo a Comisión Executiva Federal, ratificadas pola Comisión Federal de Ética e Garantías.

Os xa edís non adscritos Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez solicitaban tamén no xulgado ante a xuíza substituta Isabel Lado que se declarase o seu dereito a ser repostos na plenitude dos seus dereitos persoais e políticos, tanto como afiliados ao PSOE como na súa condición de cargos públicos electos adscritos a este na corporación municipal de Compostela. 

Os concelleiros expulsados por Ferraz defendían e defenden que as sancións impostas polo Partido Socialista vulneran o seu dereito á participación política recollido no artigo 23 da Constitución Española, mais a xuíza indica no auto que o feito de que non poidan formar parte «das comisións ou outros órganos colexiados locais como as comisións informativas, dos consellos de administración daquelas empresas en que estea prevista a presenza de representantes municipais, dos consellos de participación como as relacións veciñais, aínda que poidan menoscabar dalgún modo o dereito recoñecido no artigo 23, non afecta ao núcleo da súa función representativa».

No pleno extraordinario do pasado venres 16, no que se deu conta do cambio de condición de concelleiros socialistas a non adscritos de Rosón, Castro, Álvarez e Muíños, tamén se aprobou a modificación dalgunhas comisións para que puidesen participar. Naquel momento foi o exvoceiro socialista, Gonzalo Muíños, quen tomou a palabra para lamentar que se realizaba unha muda para que puidesen tomar parte de catro comisións «pero quedamos fóra de máis de 25 órganos».

Así e todo, o auto da maxistrada Lado sinala que, atendendo ás normas e doutrina xurisprudencial expostas se pode concluír, «neste momento procesual e só aos efectos da adopción de medidas cautelares», que a invocada vulneración da legalidade ordinaria nos expedientes de suspensión de militancia, inhabilitación e expulsión do partido e do artigo 23 da Constitución nas súas vertentes de permanencia no partido e de participación política, «ao non afectar ao núcleo da función representativa», non lesiona o dereito fundamental aludido nas súas distintas vertentes, o que impide «apreciar a existencia da aparencia de bo dereito e, en consecuencia, adoptar medida cautelar, pois han de concorrer todos os requisitos establecidos nos artigos 728 e seguintes da Lei de Axuízamento Civil».

«O paso á condición de non adscrito supón a perda de dereitos e atribucións que a lei establece en consideración ao grupo municipal, pois se non se pertence a el non se pode gozar dos seus beneficios, pero non daqueles que constitúen o núcleo da función representativa», salienta a xuíza no auto, que non é firme, pois cabe presentar recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña. Razón pola que, estando a cuestión aínda nos tribunais, os exconcelleiros socialistas declinan valorar esta negativa das medidas cautelares solicitadas.

Muíños, Rosón, Álvarez e Castro á súa chegada aos xulgados de Fontiñas o pasado 9 de maio.

Muíños, Rosón, Álvarez e Castro á súa chegada aos xulgados de Fontiñas o pasado 9 de maio. / Antonio Hernández

Apelando ao mandato representativo

O pasado 9 de maio, os concelleiros Gonzalo Muíños, Marta Álvarez, Mercedes Rosón e Mila Castro achegábanse ao edificio dos xulgados, en Fontiñas, para asistir á vista sobre as medidas cautelares, acompañados polo seu avogado, Evaristo Nogueira, e por varias testemuñas que apoiaban a denuncia dos edís de teren sido expulsados por non asistir a unha «xuntanza nula de pleno dereito» –en relación á convocada por Sindo Guinarte, nomeado portavoz polo partido e non polo grupo municipal socialista–e que referendaban as malas praxis da dirección local, así coma as presións recibidas polos edís expulsados.

Nesa xornada Evaristo Nogueira asegurou que confiaban en recibir as medidas cautelares que agora se lles negan, aínda que contra esta primeira resolución cabe recurso. «Entendemos que a adopción de medidas cautelares debería prosperar, porque afecta ao mandato representativo», explicou, o que significa que «os cidadáns votaron a un partido político e aos membros dese partido político».

Unha cuestión que os concelleiros defenderon dende o primeiro momento de seren expedientados polo PSOE mais que negaba onte mesmo o agora portavoz do grupo municipal socialista, Sindo Guinarte, nunha entrevista radiofónica. «Os concelleiros foron elixidos nunha lista pechada, votouse esa lista e non individualmente a cada concelleiro», aseveraba. Moi lonxe da óptica de Muíños, Castro, Álvarez e Rosón, que decidiron conservar as súas actas (individuais) e que no pleno extraordinario de 16 de maio denunciaron que «a alteración da Corporación local causouna un partido» e acusaban ao resto de edís de seren «máis de partido que de Santiago».

Tracking Pixel Contents