As nove novelas finalistas do Premio San Clemente
‘Pel de cordeiro’, de Ledicia Costas (Xerais); ‘O incendio’, de Sara Vila Alonso (Xerais), e ‘A miña vida noutro lugar’, de Rosa Súarez (Toxosoutos), disputaranse o galardón na categoría de novela en galego

As nove novelas finalistas do Premio San Clemente / Cedida
O XXIX Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e mais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, anunciou este xoves as obras finalistas nas súas tres categorías: novela en lingua estranxeira, novela en castelán e novela en galego.
As tres obras que aspiran a levar este prestixioso galardón na súa modalidade de novela estranxeira son La impostura, título editado por Salamandra da autora británica Zadie Smith (Londres, 1975); El volumen del tiempo, obra da danesa Solvej Balle (Bovrup, Sønderjylland, Dinamarca, 1962) publicada por Anagrama, e Misericordia, título da portuguesa Lídia Jorge (Boliquieme, Portugal, 1946) lanzado ás librarías na súa tradución ao castelán por La Umbría y La Solana.
Na categoría de novela en galego, dúas obras da editorial Xerais se atopan entre as finalistas: Pel de cordeiro, de Ledicia Costas (Vigo, 1979), e O incendio, de Sara Vila Alonso (As Neves, 1989). Completa a terna de finalistas A miña vida noutro lugar, obra da escritora rianxeira Rosa Súarez Redondo.
No apartado castelán, os títulos finalistas son os seguintes: La llamada, da arxentina Leila Guerriero (Xunín, Arxentina, 1967) publicado por Anagrama; La península de las casas vacías, de David Uclés (Úbeda, Xaén, 1990) editado por Siruela, e Las fieras, de Clara Usón (Barcelona, 1961), editado por Seix Barral.
No anuncio ante os medios participaron o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; vicedirector do IES Rosalía de Castro, Javier Turnes; a coordinadora do certame, a catedrática Marta Gende, e a profesora de Lingua Galega, a tamén catedrática Sira Vidal.
Na rolda de prensa, lembrouse a singularidade deste galardón no que a decisión final recae —tras unha selección previa de títulos finalistas realizada por unha comisión conformada polo profesorado do IES Rosalía— no alumnado de bacharelato do propio instituto compostelán e tamén doutros centros, tanto de Galicia como do exterior. Nesta 29ª edición, cuxas obras gañadoras se coñecerán no curso 2025/2026, participan dez centros: O IES Antón Losada Diéguez da Estrada (Pontevedra), o IES 12 de Outubro de Ourense, o IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña), o IES Sanxillao (Lugo), o IES Antonio Fraguas de Santiago, o IES Ramiro de Maetzu de Madrid, o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido) e o IES Rosalía de Castro.
Ao longo de case tres décadas, acadaron este galardón sinaturas tan reputadas como as de Paul Auster, Haruki Murakami, Antonio Tabucchi, José Saramago, Han Kang, Almudena Grandes, Manuel Rivas, María Reimóndez, Anxos Sumai ou Pedro Feijóo. Na pasada edición, levaron o San Clemente Antón Riveiro Coello por Hotel Carioca; Alejandro Zambra por Literatura Infantil e Maggie O’Farrell por El retrato de casada.
- El empresario detenido por la UCO en Santiago es uno de los tres cabecillas de la red criminal que defraudó 69 millones
- La deuda con Monbus sube a 5,5 millones: El Concello de Santiago no ha pagado los buses urbanos durante este año
- Una de las terrazas con jardín más apreciadas de Santiago anuncia su reapertura
- Lucía Freitas reabre la terraza del Hotel Costa Vella de Santiago: «Habrá una carta de picoteo y todo va a salir de nuestro obrador»
- Así logró el Concello de Santiago encontrar 752 inmuebles que no pagaban el IBI
- La mejora de los accesos al Hospital Clínico de Santiago obligará a expropiar y demoler 24 inmuebles
- Lemonade Fresh Living: así es el interior de la nueva residencia universitaria de Galeras
- «El Camino de Santiago empieza en cuanto se pone el pie fuera de casa; por tanto, hay infinidad de rutas»