Arte e compromiso, 30 anos da Granell
‘Granell cumpre 30 anos’, así se titula a mostra conmemorativa das tres décadas da Fundación Eugenio Granell en Compostela. Unha exposición comisariada por Eduardo L. Valiña, que fai un percorrido pola obra do artista plástico, a súa evolución no surrealismo e o seu compromiso político. Sen deixar de lado a súa compañeira, a pintora Amparo Segarra.

A mostra conmemorativa dos 30 anos da Fundación Granell inaugurouse este martes no Pazo de Bendaña. | Mateo Jauregui

A finais de marzo de 1995 créabase en Compostela a Fundación Eugenio Granell, o colector máis importante da cidade en canto a arte surrealista, non só galega, tamén internacional –entre os seus fondos está a obra do artista Philip West–. Nun primeiro momento, o museo ía compoñer un triángulo cultural "entre o Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Arte Contemporánea" nun edificio deseñado polo arquitecto portugués Álvaro Siza, mais finalmente foi o Pazo de Bendaña, na praza do Toural, a súa sede.

Autorretrato de Eugenio Granell / Mateo Jauregui
"Cando Granell era neno e pasaba co seu pai por esa praza pensaba que o Atlas –que coroa o pazo– era unha muller cunha empanada na cabeza". Explícao así a EL CORREO GALLEGO o conservador xefe do Museo Granell, Eduardo López Valiña, nun percorrido guiado pola mostra Granell cumpre 30 anos –que abrangue tres salas do Pazo de Bendaña na súa segunda planta–, pouco antes da inauguración oficial desta mostra, no serán de onte e que permanecerá aberta ao público até mediados do próximo ano.
O surrealismo estaba xa implícito en Eugenio Granell nesa combinación infantil de Atlas-Muller con empanada, pero foi co tempo que o foi desenvolvendo, sobre todo a partir do seu encontro, exercendo como xornalista en La Nación en Santo Domingo co principal impulsor deste movemento, o francés André Breton. Antes diso, e antes tamén de exiliarse logo do Golpe de Estado franquista en 1936, Granell formaba parte do POUM –Partido Obreiro de Unificación Marxista–.
El exiliouse a Francia, o seu irmán Mario, tamén artista, ficou aquí. Dous irmáns, dous artistas e dúas mostras do exilio provocado pola Guerra Civil, o interior e o exterior. O nazismo non permitiu que Eugenio Granell arraigase en Francia. O artista cruzou o Atlántico e viviu en Guatemala, Porto Rico e Estados Unidos, logo de pasar por Santo Domingo (República Dominicana).
Foi nesa illa onde se produciron dous encontros fundamentais na súa vida e na súa obra: un o de Breton, outro o da tamén artista plástica Amparo Segarra, compañeira de vida e creadora de colaxes de inspiración pop. Algunha desta colaxes de Segarra, as da súa única autoría e as creadas xunto a Eugenio Granell tamén poden verse na sala 3 de Bendaña.

Inauguración da exposición de 30 aniversario do Museo Eugenio Granell / Jesús Prieto
América: cor e automatismo
O primeiro destino do exilio amerciano de Granell era Chile, pero alí prohibiran a entrada aos republicanos españois, polo que el e Segarra acabaron en Santo Domingo. Alí foi primeiro violín da Orquestra nacional pero tamén foi onde comezou a dedicar máis tempo á pintura. A súa primeira etapa pictórica está protagonizada por figuras estilizadas, de cabezas mínimas. Imaxes que conteñen símbolos galegos, coma a gaita, e españois, o mundo do touro, as cores da bandeira.
O azar e os encontros casuais tamén poboan a súa obra. A súa vida condiciónana as ditaduras: en España a de Franco, en Guatemala a de Rafael Leónidas Trujillo que lle propón colaborar co réxime. É daquela cando Granell e Segarra abandonan a illa e se instalan en Guatemala. A flora e a fauna do país centroamericano invaden o seu imaxinario.
Comeza Granell a crear seres conxuntos, a plasmar a metamorfose, seres híbridos que combinan características das plantas e dos paxaros cheos de colorido. "Unha pintura incendiaria", explica Valiña, "unha luz que permanece noutras pezas creadas alí, todo é cor, todo movemento". Corren os anos 50 e comeza aí o artista a abandonar a arte figurativa surreal para adentrarse máis no onírico, até a mergullarse na pintura de creación automática.
O eixo das súas pinturas, tamén nas de maior formato, pasan a protagonizalo liñas negras, sen abandonar a combinación de cores luminosas, con fondos uniformes ou partindo o lenzo en diversos fragmentos poboados de "escamas" con diversos deseños.

Algunhas das mostras da exposición celebratoria dos 30 anos do Museo Eugenio Granell / Jesús Prieto
De Guatemala, Eugenio Granell pasa a Porto Rico, e tamén esas obras están recollidas na mostra do Pazo de Bendaña. Nestoutra illa, o artista galego "vai a ser profesor na universidade de Río Piedras, con Vela Zanetti, Juan Ramón Jiménez", e nese tempo comeza tamén a viaxar a Nova York, cidade na que coñece a Marcel Duchamp –artista dadá e surrealista, figura clave na vangarda artística e cultural europea–.
"Duchamp", di Valiña, "vai a ser un dos seus grandes amigos e vai deixarlle varias pezas que temos na colección". Unha serie de «rotorelevos» –discos– tamén incluídos na mostra Granell cumpre 30 anos e "dedicados a Granell".
O artista e a guerra
"Despois da guerra vén o exilio", conta Eduardo L. Valiña para explicar que Eugenio Granell tarda anos en retratar ese horror. Pezas como Europa despedazada ou Los fiscales de los años horrendos son posteriores ao retorno do artista a Galicia nos anos 80. Esta última peza leva ademais parella, nesta mostra conmemorativa, unha copia da fotografía Morte dun miliciano, de Robert Capa, "copia do negativo orixinal".
Estas pinturas, xunto a La batalla de la Sierra Camellera, "son todas pezas bastante recentes porque Granell vai empezar a traballar o tema da guerra anos máis tarde". Non en van o pintor e escritor "sempre establecido politicamente e con moita relación política" foi recrutado con orde de participar nun fusilamento ao que se negou e que lle custou ser encarcerado no castelo de San Antón, na Coruña, fortaleza da que se apoderou o franquismo para castigar nela os represalidados do réxime.
- El cielo de Santiago se llena de helicópteros militares de las Fuerzas Armadas tras la suspensión del desfile aéreo en Vigo
- El bar de Santiago premiado como uno de los mejores de España: 'Cuando lo montamos nos decían que era una locura
- Una empresa gallega estudia crear una aerolínea con sede en Lavacolla
- Vuelve la fiesta que hace viajar a Santiago 50 años atrás: verbena, juegos tradicionales, música y magia
- El bar con uno de los bocadillos más famosos de Santiago: 'Llegué a vender 1.400 en 4 horas
- Atropello en Rosalía de Castro: dos peregrinas heridas tras perder el control del vehículo un conductor octogenario
- La heladería artesana que triunfa en el casco histórico abre en Santiago su segundo local con helados sin lactosa
- El cobre, cuarzo y wolframio que pueden cambiar la economía del área de Santiago: 'Es una zona desconocida pero muy rica en minerales

