Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Antonio López Reitor da USC

"Na USC xa damos resposta ás necesidades de formación de médicos"

Cre que a decisión da UDC de pedir unha nova titulación para A Coruña "non é razoable"

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López

Natalia Sequeiro

Natalia Sequeiro

O reitor da USC, Antonio López, defende que a de Santiago debe de ser a única Facultade de Medicina de Galicia. Lembra que así foi acordado no ano 2015 e que as 403 prazas de novo ingreso que se ofertan cada curso son as que demanda a Consellería de Sanidade tras analizar as necesidades para atender o sistema sanitario público e privado na comunidade. López considera, ademais, que a decisión de A Coruña de reclamar para o seu campus o título de Medicina «non é razoable».

Foi unha sorpresa o anuncio do reitor da Universidade da Coruña sobre a petición dun novo título de Medicina? 

A verdade é que sí, porque temos reunións a miudo sobre outras cuestións, pero o de pedir unha nova titulación non se falara. É certo que o martes, tras unha xuntanza na Consellería de Emprego, Cao deixou caer de pasada que levaban esta cuestión ao Consello de Goberno da UDC. Foi a primeira noticia que tivemos.

Por que debería quedar a USC coa única Facultade de Medicina de Galicia?

Porque no 2015 así o acordamos as tres universidades e as dúas consellerías implicadas e, sobre todo, porque na USC damos resposta ás necesidades de formación de médicos na nosa comunidade autónoma. Cada ano elabora unha previsión a Consellería de Sanidade dos que debemos formar para atender ao sistema sanitario público e privado. En abril tivemos a última reunión e establecéronse entre 300 e 400 e nós ofrecemos incluso un pouco máis, 403 plazas.

Ricardo Cao asevera que non se cumpriron eses acordos de 2015. 

Hai unhas premisas básicas que se están cumprindo. Ten que haber unha única facultade de medicina e unha titulación que depende de esa facultade. E tamén ten que haber unha descentralización da docencia clínica, que xa levamos case 10 anos no rotatorio de sexto, non só en Coruña e Vigo, tamén en Pontevedra, Lugo, Ourense e Ferrol. Agora estamos traballando na descentralización do quinto curso. Penso que estamos cumprindo as liñas do convenio.  

O reitor coruñés tamén dixo que existe unha alta demanda de estudantes que queren acceder a Medicina e non poden. Ten que existir ese límite que marca a Consellería de Sanidade?

Sabemos que hai unha demanda enorme para entrar en Medicina, pero as prazas teñen que estar dimensionadas para que non suceda como no pasado con bolsas enormes de licenciados que logo non poden acceder a formación especializada. 

A Xunta convocou mañá aos reitores a unha xuntanza para abordar o novo escenario. Confía en que A Coruña dea marcha atrás nos seus plans? 

Temos unha xuntanza da comisión para a docencia clínica e supoño que falaremos deste tema. Trasladaremos alí que nós xa estamos dando cumprimento as demandas de formación de médicos en Galicia e nós mantémonos no cumprimento dos acordos aos que temos chegado no ano 2015 e con esa premisa seguimos traballando.

A UDC necesitaría do visto bo da Xunta e do Ministerio para poder contar coa titulación. Cre que hai algunha posibilidade de que llo concedan?

Hai que partir duns informes previos que fai a Xunta de Galicia, unhas análises de calidade e unha toma de decisión no Consello Galego de Universidades. É un proceso que ten a súa complicación. Eu teño clara a miña posición, non parece que sexa o máis necesario nin o máis razoable neste momento para a docencia dos futuros médicos.

Tracking Pixel Contents