Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSOE leva ao Pleno a venda de catro parcelas municipais

Denuncian tamén o descoido do Parque de Carlomagno, no barrio das Fontiñas

A edil do PSOE Marta Abal, xunto a Sindo Guinarte, nos corredores do Pazo de Raxoi.

A edil do PSOE Marta Abal, xunto a Sindo Guinarte, nos corredores do Pazo de Raxoi. / Jesús Prieto

Redacción

Santiago

O grupo municipal socialista anunciou este mércores que levará ao Pleno do 3 de xuño dúas iniciativas «co obxectivo de denunciar a inacción do Goberno de Sanmartín en cuestións clave para o futuro da cidade: a venda de parcelas municipais incluídas no orzamento de 2025 e o lamentable estado de abandono do Parque de Carlomagno», no barrio das Fontiñas.

A edil Marta Abal cuestiona a «total ausencia de avances na venda de catro parcelas municipais que deberían achegar 5,8 millóns de euros aos investimentos da cidade, se esas parcelas non se venden este ano, proxectos como a cociña central para os comedores escolares non se van poder executar», advertiu. O PSOE lembra que eses ingresos representan case o 50% do capítulo de investimentos e denuncia que a estas alturas do ano «non hai rastro do procedemento de licitación».

O grupo municipal tamén presentará un rogo en relación co estado do Parque de Carlomagno. «Este parque, un dos pulmóns verdes da cidade, presenta unha falta de mantemento importante, hai partes nas que a herba chega á altura dos xeonllos». Polo que o PSdeG reclama que a alcaldesa Sanmartín «actúe de maneira inmediata para poñer fin á situación actual», tanto no que respecta á transparencia e execución do orzamento, como á conservación dos espazos públicos.

Tracking Pixel Contents