Os picheleiros toman as rúas na Ascensión
Composteláns e foráneos mesturáronse entre o rueiro da cidade vella e a alameda para gozar do xoves máis importante do ano en Santiago, o día grande das Festas da Ascensión. Unha xornada de sol e calor chea de música e do principal produto gastronómico de feira: o polbo, que ningunha formación con representación en Raxoi quixo perder a ocasión de catar

Pola Alameda pasaron este xoves de Ascensión os líderes dos principais partidos políticos de Galicia / Jesús Prieto

A meteoroloxía brindoulle a Compostela unha xornada cálida e solleira para gozar do principal día das súas festas, «as máis picheleiras» da cidade, o Xoves da Ascensión. Tan só a música foi quen de impoñerse ao barullo do xentío que ateigaba a cidade histórica, onde por unha vez, non foi a do Obradoiro a praza máis poboada e veciñanza e visitantes concentráronse na Quintana coa banda de música e Ultreia e, especialmente, na praza das Praterías, en cuxa escalinata agardaban cativos e maiores para recibir como se merecen os Cabezudos, e os gaiteiros que os acompañan.
O ritmo da festa marcábao xa a primeira hora a Alborada interpretada pola A.C. Devagariño, que ao mediodía lle pasaba o relevo á actuación da Banda Municipal de Música e OCT Ultreia, co seu concerto Do parque de Belvís á Casa da Parra. Tras deles, e na praza veciña a actuación estelar dos Cabezudos que partiron do Teatro Principal (rúa Nova) acompañados de numerosas familias con crianzas que ollaban admiradas esas figuras típicas das festas, ao tempo que trataban de seguir ‘bailando’ o ritmo que marcaban as gaitas.
A comparsa, coma se do flautista de Hamelín se tratase, foi levando a riada de veciños, turistas e peregrinos que a seguían pola rúa do Franco até a praza do Toural, de novo a rúa Nova e despois Caldeirería até chegar á Praza de Abastos. Cervantes, Santo Agostiño, a rúa Travesa e as Casas Reais, o Preguntoiro e a Fonte Sequelo foron outras rúas do percorrido, até gardárense de novo os Cabezudos no Principal, á espera da seguinte celebración, a Festa do Apóstolo, na que se acompañarán, ademais, polos xigantes.
Cita obrigada na Alameda
As atraccións das festas cedéronlle por unhas horas o protagonismo ao polbo e este produto gastronómico, a estrela das feiras galegas, traspasoullo á súa vez aos membros da Corporación municipal, que un ano máis non deixaron pasar esta cita de lecer e intercambio informal coa veciñanza.
Nas casetas do polbo déronse cita os membros do BNG local, acompañados da súa portavoz nacional, Ana Pontón, pero antes de saciaren o seu desexo de cefalópodo aínda se atreveron cun paseo na noria. A outra parte do Goberno local, Compostela Aberta –María Rozas e Xan Duro–, chegou apenas uns minutos máis tarde, para compartir xantar acompañados do exalcalde Martiño Noriega.
O resto de formacións con representación en Raxoi tampouco fallaron á cita. Na Alameda estivo o líder da oposición, o voceiro do PP, Borja Verea, acompañado dos seus edís e estiveron tamén os dous concelleiros do PSOE, Marta Abal e Sindo Guinarte, acompañados polo secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e polo secretario local, Aitor Bouza. Os concelleiros expulsados do PSOE, agora non adscritos (Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Marta Álvarez e Mila Castro) non faltaron tampouco ao seu encontro coa veciñanza e co polbo á feira.
Feira Cabalar en Amio
As Festas da Ascensión teñen en Santiago dous epicentros: un é a Alameda, o outro, o Mercado de Gando de Amio. Pois é neste último escenario onde decorre outra das citas máis tradicionais desta celebración, A Feira Cabalar.
Un encontro que cada ano congrega centos de persoas para, simplemente achegárense a eses magníficos animais que son os cabalos, outros para participaren dos concursos de andadura ou das mostras morfolóxicas da pura raza galega e, tamén, para gozaren co espectáculo final de doma.
Unha xornada que deu inicio ás 10 da mañá e que pechou as portas ás 14.30 e contou con dúas competicións que puntúan para a XXIV Copa Galicia PRG: os grandes premios Dragóns de Santiago de Cabalos e de Eguas de pura raza galega maiores de tres anos.
Clásica e folk, a música reina
Dende as 18 horas o folk foi o grande protagonista nas rúas da cidade histórica, reunindo bandas tradicionais locais como Ultreia, Brincadeira, Cantigas e Agarimos ou a Agrupación Folclórica Colexiata de Sar. Todas elas foron levando a súa música entre as prazas de Santo Agostiño, Toural, Cervantes e Obradoiro até a actuación conxunto nas Praterías, ás 20 horas.
Houbo tamén espazo para a música clásica a cargo da Real Filharmonía de Galicia co espectáculo Máis Alá e para a verbena coa Orquestra Marbella na Alameda, pero a actuación estelar do Xoves da Ascensión foi a de Tanxugueiras. Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro ateigaron cos seus ritmos a Praza da Quintana, nun concerto que deu inicio ás nove da noite.
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
- Nuevo movimiento en la 'milla de oro' de Santiago: Ela Diz deja el casco histórico y se va a Xeneral Pardiñas
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores
- El avión más grande del Ejército del Aire realiza una escala técnica inesperada en Santiago antes de recoger tropas españolas en Estados Unidos
