Entrevista | Míriam Louzao Concelleira de Turismo e voceira do Goberno de Santiago
«O cambio de modelo turístico de Santiago xa non é unha opción, é unha necesidade»
O imposto de estadías turísticas será unha realidade na capital galega este verán. A concelleira Míriam Louzao repasa todos os focos de interese da taxa e outros asuntos relacionados co turismo

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, nunha das terrazas do Pazo de Raxoi / Santiago Esturao

A taxa turística foi aprobada inicialmente no Pleno extraordinario do 16 de maio. Agora ten que pasar por unha fase de exposición ao público durante 30 días hábiles no que se poden presentar alegacións. Finalizado este trámite, os plans do Goberno local pasan por someter a ordenanza de novo a consideración da Corporación no Pleno ordinario de xullo para a súa aprobación definitiva e que entre en vigor a continuación. A partir dese momento, as estadías turísticas en Compostela serán gravadas cunha cantidade que oscila entre 1 e 2,5 euros.
A pesar das críticas da oposición, o texto saíu adiante sen votos en contra. Que pensa disto?
A taxa turística é unha cuestión que está amplamente aceptada en prácticamente todo o mundo. Non debería de ter xa moito debate, aínda así aquí houbo un certo debate e entrou na contenda política, algo que non acabamos de entender porque está máis que xustificada. Ademais, estamos convencidas de que hai un clamor popular na cidadanía a favor deste imposto. Fixemos unha serie de encontros, de foros, de enquisas e queda máis que constatado que a cidadanía está plenamente convencida de que hai que poñela en marcha, e tamén desde dentro do sector.
Desde o sector turístico e hoteleiro hai algunhas queixas.
É certo que donde hai máis reticencias é na parte do sector que se ten que encargar de cobrala, sobre todo pola carga burocrática que iso significa. Pero tamén estamos absolutamente convencidas de que unha vez se empece a cobrar e se vexa que con eses ingresos se pode traballar por mellorar o sector turístico, para mellorar a cidade, o propio sector vaino agradecer porque ademais nas experiencias dos outros territorios no que está posta en marcha, así sucedeu. En Porto ou Barcelona, por exemplo, había unha reticencia inicial que quedou totalmente disolta cando viron que era positivo despois o que se facía con eses investimentos.
Ademais da carga burocrática, tamén alegaron falta de información.
Aquí entran en xogo outras lóxicas que non deberían entrar, pero é así. Quero deixar claro que nós mantivemos sempre a comunicación directa co sector. Alén de todas as xuntanzas coas diferentes asociacións do sector de maneira ordinaria, fixemos xornadas arredor só da taxa, foros con moita participación do sector, dos outros grupos políticos, de entidades de todo tipo, de asociacións veciñais, ou enquisas. Todo iso culminou na xornada que tivemos no Cersia na que xa presentamos definitivamente o texto da ordenanza. Mantivemos sempre esa comunicación e seguirémolo facendo. Outra cousa é que hai unha parte que non estaba dacordo con poñer en marcha este imposto, e aí non hai un problema de comunicación, senón de falta de chegar a un acordo. Aínda así, estou segura de que iso se vai superar.
O Goberno local tamén foi crítico coa Xunta polo marco legal que habilitou para desenvolver o imposto. Como repercute isto?
Agora mesmo hai moitas cuestións da ordenanza das que se queixa o sector turístico que o que fan é recoller o que di a lei. A nós parécenos que recadar o imposto desde os concellos non é a mellor forma, o lóxico sería que o recade a Xunta a través de Atriga por ter o persoal, os recursos e as competencias, e porque os concellos máis pequenos tamén terían a forma de poder implantar este imposto. Moitos non van poder facelo, e incluso ao Concello de Santiago estalle custando. Desde a Xunta eran plenamente conscientes disto, e entendemos que tomaron esta decisión de maneira disuasoria. Por un lado, quixeron aprobar o imposto porque entendían que era un clamor social e non facelo ía traerlles unhas repercusións negativas, pero fixérono pola porta pequena e complicando as cousas para que ningún concello puidese poñelo en marcha.
E como inflúe isto na actividade dos establecementos turísticos?
Como dicía, moitas queixas do sector son sobre cuestións que están na lei. Por exemplo, nós non puidemos decidir as cantidades ou as exencións. Incluso na xornada que tivemos no Cersia, Unión Hotelera chegou a dicir que a eles complicáballes a xestión que non fose Atriga quen recadase o imposto. Entón, a miña pregunta é: para facer esa lei, a Xunta falou co sector? Porque desde o Partido Popular critican ao Concello por non manter comunicación co sector, cousa que non é certa, pero eles lexislaron o imposto dentro da lei de acompañamento dos orzamentos, sen debate parlamentario, sen contraste cos concellos, nin coa Fegamp, nin co propio sector. Nós cinguímonos ao que marca a lei, non tivemos moita marxe de manobra.
O Concello terá que tomar algunha medida de reforzo de persoal ou de medios técnicos para xestionar a taxa?
Desde diferentes departamentos, como tesourería ou informática, para a xestión vai haber que facer un reforzo porque vai haber que facer unha recadación máis desde o Concello. Puxemos unha autoliquidación semestral precisamente para facilitarlle o traballo ao sector, que só tiveran que facela dúas veces no ano. Os departamentos municipais están facendo xa un traballo para preparar a documentación para a autoliquidación e desde o Concello tamén teremos que facer convenios coa Policía ou con Turismo para ter tanto os datos do REAT como os das persoas que pernoctan. Polo tanto, é un esforzo maior de carga de traballo e de personal que asumimos. En todo caso, facemos todo isto porque este imposto debería estar posto en marcha xa desde hai tempo. O cambio de modelo turístico non é xa unha opción que poidamos elixir, senón que é unha necesidade.
En que sentido?
Primeiro, pola sustentabilidade do turismo como motor económico. Para que o siga sendo, hai que coidar do propio sector turístico. E por outro lado, polo benestar da poboación residente entendemos que ten que haber esa convivencia harmónica entre o sector e a vida cotiá da veciñanza. Para poder poñer en marcha ese cambio de modelo, hai unha serie de cuestións e de decisións que desde o Concello se debían tomar, e unha delas era este imposto. Cando viaxamos, deixamos unha pegada e provocamos uns custos, e o responsable e o lóxico é colaborar con eses custos. Non o entendemos, como di o sector, como un castigo, senón como unha colaboración.
Que outros aspectos do imposto abordaría o Concello de forma distinta?
Por exemplo, non compartimos as exencións. A Xunta decide que os albergues da rede do Xacobeo estean exentos e nós non os deixariamos fóra porque entendemos que as persoas que chegan peregrinando deben colaborar igual que as persoas que chegan e que durmen nun hotel. As persoas que non pernoctan tamén deberían colaborar dalgunha forma e estamos tamén traballando para buscar esas outras fórmulas nas que poden colaborar as persoas que chegan de excursión. Na nosa proposta as cantidades, aínda que poidan ser acaídas, non son as mesmas e cremos que no futuro o lóxico é que tamén se vaian aumentando. Iso non podemos facelo se non o modifica a Xunta na lei.
Tamén se critica a taxa por considerala non prioritaria, habendo outros asuntos como a falta de taxis ou a coordinación aeroportuaria. Como valora isto?
Non estamos traballando só neste imposto, que é importante tamén para ter recursos cos que desenvolver o resto de cuestións. O Concello xa solicitou máis licencias de taxi, unha cuestión que depende da Xunta de Galicia. Como no caso da taxa e con moitos temas nos que queremos avanzar, a Xunta pide informes, e cando os enviamos, máis informes. Concederon esas licencias pero estamos agora no punto de ter que xustificar como vai ser o reparto. E en canto á coordinación aeroportuaria, temos claro que non pasa só por un impulso desde o Concello de Santiago. Os tres aeroportos teñen que traballar de forma conxunta e o que sucede en Galicia é que a Xunta desentendeuse absolutamente de todo que ten que ver coa coordinación aérea. Ten que haber unha política aeroportuaria de país.
Os datos amosan un descenso no número de viaxeiros.
Ou nos unimos para traballar dentro da lóxica de mercado das compañías aéreas ou é evidente, e os datos están aí, que imos baixar en números. Tamén é certo que o aeroporto Rosalía de Castro medrou moitísimo nos últimos anos e o lóxico é que chegue a un periodo de estabilidade, unido tamén a que mellorou a conectividade por ferrocarril. Os datos do aeroporto deste primeiro trimestre baixaron, pero curiosamente os datos turísticos e de pernoctas e visitas subiron.
Vai haber un órgano no que se estudará onde investir a recadación, pero ten o Concello xa algún proxecto en mente?
Hai unha parte que o Concello pode decidir e outra ten que ir a un órgano colexiado. Imos poñer en marcha un foro de turismo sustentable para falar non só do imposto, senón de todo o que ten que ver co sector turístico. Cremos que esas cantidades deben ir, por unha parte, para axudar a paliar o maior gasto que temos pola xente que nos visita en servizos básicos. Santiago ten unha presión de 9,45 visitantes por persoa residente, cinco puntos máis que destinos como Barcelona ou Sevilla. Outra parte debe axudar a investimentos en coidado do patrimonio ou melloras para a cidadanía. O que é bo para as persoas que viven aquí, é bo para as que nos visitan. Esas cantidades tamén deben ir para mellorar o propio sector e poder ofrecer servizos como os informadores a pé de rúa, por exemplo.
Houbo avances no desenvolvemento da taxa a excursionistas?
Estamos traballando dentro dun convenio coa USC. Sería unha taxa ao excursionismo, pero non se lle podería cobrar ás persoas pola lexislación que temos, senón que se lle cobraría aos autobuses polo número de persoas que traen.
E en que punto está a ordenanza de convivencia, que pretende atallar algúns comportamentos incívicos que ás veces se derivan da masificación turística?
Está prácticamente rematada, estamos comparando coas ordenanzas que xa temos porque moitas cuestións xa se recollen. Por exemplo, o tema do ruído, o uso de altofalantes nas visitas guiadas, ou as bicicletas pola rúa de San Pedro en dirección contraria. Nós traballamos sempre pola sensibilización e a comunicación, pero para as persoas que non son capaces de entender as campañas está habendo unha serie de multas por esas infraccións porque hai que manter a convivencia harmónica. Na nova ordenanza hai cuestións relativas aos pícnics en determinadas zonas que non se recollían nas anteriores.
O Banco de España alertou hai pouco do impacto dos pisos turísticos na vivenda. Cre que este tipo de pronunicamentos reforzan as medidas do Goberno de Santiago nesta materia?
O problema coa vivenda é o principal problema que estamos enfrontando. Estamos facendo o correcto e alégranos que o resto de entidades e institucións, como o Banco de España ou o Ministerio de Consumo nos estean dando a razón. Xa se están vendo resultados, San tiago debe ser a única cidade na que están baixando o número de pisos turísticos mentres seguen medrando en todas as demais. Non conseguimos que se baixe moito aínda o prezo do aluguer porque iso necesita un pouco máis de tempo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago



