Axudas para o curso escolar 2025-26: "Para que non haxa desigualdade entre as crianzas compostelás"
Servizos sociais reduce as xustificacións das bolsas como demandaban as ANPAs e pasan de 10 ao ano a tan só catro

O orzamento das axudas ascende a 1,1 millóns de euros, a mesma contía que en 2024 / Archivo

A concelleira de Servizos sociais, María Rozas, presentou este xoves en Raxoi a convocatoria de solicitude de bolsas escolares para o vindeiro curso, e fíxoo acompañada da xefa do departamento, Teresa Furelos, e do técnico Javier Maroño. A edil de Compostela Aberta reivindicou na súa comparecencia que dende as administracións se debe traballar a prol da igualdade de oportunidades, obxectivo destas axudas.
Rozas destacou que dende o departamento que dirixe se busca "que non haxa desigualdade entre as crianzas da nosa cidade" e recalcou o éxito da pasada convocatoria, na que case se chegou aos 2.000 cativos matizando que "isto non significa que as condicións económicas das familias compostelás empeorasen, senón que ampliamos as condicións necesarias para seren beneficiarias co obxectivo de chegar a máis familias".
Unha cifra, a de 2.000 crianzas, que supón o 20% das empadroadas na cidade, unha porcentaxe que para o departamento de Servizos sociais equivale, segundo explicou Teresa Furelos, "a case o 50% dos nenos e nenas censados no concello". A xefa deste departamento aclarou tamén que só as crianzas empadroadas poden optar a estas bolsas e non "cativos censados en municipios limítrofes pero escolarizados en Compostela", xa que dende Servizos Sociais houbo que discriminar entre empadroados e escolarizados.
Becas: modalidades e contías
As modalidades destas axudas escolares repártense entre bolsas para familias con escaseza de recursos económicos (que poden optar a becas de comedor e para actividades extraescolares), axudas á adquisición de material escolar (só para o segundo ciclo de Educación Infantil) e tamén para os comedores, estas últimas destinadas a favorecer a conciliación familiar e laboral dos proxenitores.
As actividades extraescolares tamén son obxecto desta colaboración económica da Administración local, cunha achega de 15 euros ao mes para aquelas actividades dun día ou dunha hora semanal e 30 para dúas horas ou dous días á semana.
As bolsas de comedor (en cuxa solicitude se debe xuntar unha certificación laboral de cada un dos proxenitores do neno) terán unha contía de 45 euros ao mes e as de material escolar suporán un pagamento único por parte da administración de 100 euros, como xa aconteceu en 2024, cando o Goberno bipartito pasou de achegar 60 euros aos actuais cen.

As axudas á compra de material escolar suporán un pagamento único de 100 euros / Víctor Echave
No caso das familias con escaseza de recursos, a contía das bolsas comedor pasa dos 90 aos 100 euros ao mes, e a axuda para o alumnado de centros de educación especial chega aos 180 euros ao mes.
O orzamento das axudas, igual que foi no actual curso, ascende a 1,1 millóns de euros.
Apoio á preparación das solicitudes
As bolsas do curso 2025-26 están destinadas ao alumnado de segundo ciclo do Ensino Infantil e ao de Educación Primaria e no caso dos centros de Educación Especial van abranguer toda a etapa educativa: infantil, primaria e secundaria.
Para presentar as solicitudes, unha vez a convocatoria saia publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP), haberá un período de 10 días hábiles e o departamento de Servizos sociais pón a disposición das familias, para asesorárense, o persoal das oficinas de Galeras así coma as educadoras sociais da Casa das Asociacións (CABES) e dos centros socioculturais do Ensanche e de Fontiñas.
Na liña de facilitar que as solicitudes teñan por subsanar o menor número de erros e se axilice a concesión, o Concello vai organizar unhas xornadas informativas abertas á cidadanía para explicar o procedemento.
- Una compostelana hace historia al ganar un Latin Grammy: 'Quero adicarllo a miña cidade e a Galicia
- El juzgado autoriza a Pérez Rumbao a que adquiera los concesionarios del Grupo Yáñez
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Los entrenadores de Ilia Topuria abren en Santiago su esperado gimnasio la semana que viene