Unha nova pasarela une o complexo museístico de San Domingos de Bonaval
O Consorcio de Santiago dirixiu o proxecto, que contou co traballo de Tragsa e as achegas por parte de Finsa

Louzao, Sanmartín e Fernández cruzan a nova pasarela. / Antonio Hernández

O complexo arquitectónico de San Domingos de Bonaval conta dende este venres cun novo elemento construtivo e sostible que vai permitir «a continuidade do discurso expositivo nesta planta do Museo do Pobo», apuntaba a vicepresidenta primeira do Padroado desta entidade, María Xosé Fernández.
Trátase dunha pasarela realizada, segundo explicou a arquitecta Idoia Camiruaga, do Consorcio de Santiago (encargado da dirección deste proxecto), cun «material moderno que se chama CLT», un produto de madeira contralaminada «cun desenvolvemento moi tecnolóxico que permite un salto de 16 metros de luz sen apoios intermedios e ten unha característica moi boa, é moi lixeiro». Con este novo elemento, ademais de non perder diafanidade nin luz da contorna retómase a conexión entre dous edificios que houbo que eliminar no século pasado.
A arquitecta Camiruaga explicou como foi a instalación desta pasarela que «entrou por unha fiestra, que se desmontou do marco de madeira sobre o que está insatalada» para que puidese pasar a nova estrutura que, ademais, «pódese quitar sen problemas, non é pesada, e non cambiou nada na estrutura histórica do edificio, non afectou os muros históricos».
Nesta nova actuación de rehabilitación, levada a cabo por Tragsa e coa achega da madeira contralaminada por parte de Finsa, aproveitouse tamén para instalar un tímpano de sectorización de incendios que segrega a ala sur «en caso de necesidade, cunha resistencia mínima ao lume de 30 minutos». Ademais, este tímpano «serve tamén para manter a autonomía orixinal da ala sur e permitir unha mellor regularización das condicións climáticas en relación ao corpo principal do convento».
Sobre a ala sur, cuxa rehabilitación rematou en 2020, falou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para facer referencia ao esforzo investidor do Consorcio –participado polas tres administracións: Estado, Xunta e Concello– nas melloras que teñen que ver co complexo de San Domingos de Bonaval e, por tanto, co Museo do Pobo Galego.
«Esta actuación supuxo un investimento por parte do Consorcio de 135.000 euros, que xunto á obra da ala sur en 2020, suma unha cantidade total de máis de 3 millóns», destacou a rexedora, que tamén asegurou que estas actuacións de mellora no antigo convento «eran absolutamente necesarias, imprescindibles».
250.000 euros para a rehabilitación da capela Castelao
Neste contexto, Sanmartín aproveitou para anunciar que «dentro das axudas de 2025» ao Consorcio de Santiago «está contemplada unha para a rehabilitación da zona de Bonaval, concretamente da capela Castelao, onde vai haber tamén apoio do Arcebispado de Santiago, para que se poidan eliminar as humidades que hai e recuperar as pinturas que había antes». Unha actuación que vai supor un investimento de máis de 250.000 euros.
Á inauguración desta pasarela asistiron tamén o xerente do Consorcio, José Antonio Domínguez, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e os membros da Corporación municipal, José Antonio Constenla e María Baleato (PP), e Sindo Guinarte (PSOE).
- El gallego licenciado en la USC por el que apuesta RTVE para presentar ‘Directo al grano’ tras los cambios de Javier Ruiz, Jesús Cintora y Gonzalo Miró
- Muere María Pardo, la exconcejala de Santiago que gestionó tres años el urbanismo de la ciudad y ejerció de portavoz del PP
- La profesora compostelana que encontró su lugar en Australia: 'En Galicia deberíamos vivir más enfocados en nuestra naturaleza
- La Panadería Moure dice adiós a Pontepedriña tras más de 70 años: «Los clientes venían porque les gustaba nuestro pan, pero también por el trato»
- Un vehículo se sale de la vía en una calle de Santiago, se empotra contra un banco y deja varias personas heridas
- Cuatro orquestas y diez conciertos: la gran verbena con Los Satélites que llega esta semana a 30 minutos de Santiago
- La reina de las flores: un recuerdo a María Pardo
- Los compostelanos que resisten a la presión turística: vivir y trabajar en la zona vieja de Santiago
