Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

A Fundación Araguaney e a Xunta reúnen expertos en saúde mental para analizar o impacto das redes sociais na mocidade

Será inaugurada polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e contará coa presenza de Laura Vigo, Francisco Ferre, Julio Rodríguez e Fernando Rodríguez de la Torre

Nenos cos seus teléfonos móbiles en Santiago

Nenos cos seus teléfonos móbiles en Santiago / Jesús Prieto

Santiago

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a través da Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental, organizan a segunda edición do ciclo de conferencias Saúde mental en Galicia cunha primeira xornada dedicada ás redes sociais, mocidade e saúde mental. A sesión celebrarase este luns, 16 de xuño, no salón Olivo do Hotel Eurostars Araguaney de Santiago (rúa de Alfredo Brañas, 5), ás 19:30 horas, con entrada de balde ata completar aforo. Será inaugurada polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez; e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Sergas, Almudena Díaz Pereira.

No ciclo, que se desenvolverá ao longo de 2025, abordaranse, da man de expertos en diferentes campos da medicina, a psicoloxía e outras ciencias sociais, a problemática e incidencia das enfermidades mentais na poboación. Seguindo a liña de traballo consolidada no primeiro ciclo de 2023, esta segunda edición ten por obxecto ofrecer ao público en xeral e aos profesionais sanitarios, sociais e da educación ferramentas de debate e elementos para abordar a situación da saúde mental desde o punto de vista doméstico, profesional e institucional.

O obxectivo desta primeira xornada é sensibilizar sobre o uso responsable e crítico das redes sociais e ofrecer estratexias para que mozos e mozas aproveiten as vantaxes das novas tecnoloxías de maneira equilibrada e saudable, fomentando un desenvolvemento persoal e académico que non se vexa afectado pola presión e os riscos asociados ao seu uso. Desde a Xunta sinalan ademais que esta iniciativa reafirma o "compromiso" do Goberno galego "coa atención á saúde mental da cidadanía, especialmente co benestar emocional da poboación máis nova, desde unha abordaxe integral".

Mesa redonda con expertos

Para analizar estas cuestións celebrarase unha mesa redonda, moderada pola psiquiatra infantil e coordinadora da Unidade de Saúde Mental Infanto Xuvenil do Hospital Materno da Coruña, Laura Vigo. Intervirá Francisco Ferre, xefe de servizo de Psiquiatría do Hospital Gregorio Marañón e creador do grupo AdCom, Centro Integral de Prevención e Investigación en Adicciones Comportamentales, o primeiro centro de España destas características para a prevención de adiccións causadas polo xogo, os videoxogos, o sexo, as compras compulsivas ou as redes sociais.

Tamén será relator o doutor en Medicina Molecular e Xenética, biólogo, psicólogo e divulgador científico Julio Rodríguez, que actualmente traballa na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica en Santiago. Achega o seu coñecemento rigoroso e accesible sobre saúde mental e psicoloxía través do seu blog e as súas contas de Instagram e X, ‘La bitácora Beagle’, con máis de 40.000 seguidores

Finalmente, intervirá no ciclo Fernando Rodríguez de la Torre, diplomado en Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña, técnico especialista en Márketing, posgraduado en Comunicación Empresarial, profesor na Universidade de Santiago e impulsor o Pacto de Familias en Santiago para atrasar o uso do móbil en menores.

As dúas caras das redes sociais

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas sinala que as redes sociais teñen un impacto cada vez maior na mocidade, tanto positivo como negativo. Por unha banda, destaca que son unha ferramenta poderosa para a conexión entre persoas, o acceso á información e a sensibilización sobre temas sociais e políticos, con plataformas como Instagram, Facebook, X (antes Twitter) e TikTok que permiten á mocidade expresarse, compartir intereses, coñecer novas ideas e participar en debates construtivos. Ademais, apunta que estas redes tamén poden ser un espazo onde fomentar a creatividade e a colaboración, creando comunidades arredor de causas comúns ou intereses compartidos.

Non obstante, a Fundación Araguaney-Puente de Culturas tamén explica que o uso excesivo e descontrolado destas plataformas pode ter consecuencias negativas. Ao seu parecer, a presión por mostrar unha imaxe "perfecta", a constante comparación coas vidas dos demais e a exposición ás críticas poden afectar gravemente á saúde mental, xerando ansiedade e diminuíndo a autoestima entre as persoas máis novas. 

Influencia no físico, no sono e nos estudos

Segundo un informe de UNICEF, as rapazas menores de 21 anos senten maior presión por ter un físico determinado, un 73,5 % cree que este tema lles afecta moito ou moitísimo, fronte ao 50,8 % dos rapaces. Ademais, a dependencia das redes sociais pode interferir no sono, nos hábitos de estudo e nas relacións persoais, xa que moitos mozos pasan máis tempo en liña que en interaccións directas co seu entorno.

De feito, segundo un informe do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o 44,6 % dos mozos e mozas estudantes asegurou que o uso destas tecnoloxías quítalles tempo de estudo e baixa o seu rendemento académico. Non só iso, case o 21 % deles considera que a interacción a través das redes sociais xera moitos máis prexuízos que beneficios.

Tracking Pixel Contents