Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EXPOSICIÓN

María Eiras 'Mareiras': reflexións sobre mulleres creadoras no pasado e no presente

A artista compostelá ‘Mareiras’ reivindica a través da súa mirada plástica a igualdade na arte coa mostra ‘Tras a pegada das musas’, na Casa do Cabido

María Eiras ‘Mareiras’ asina unha das súas obras pintada na parede da Casa do Cabido ante a mirada da alcaldesa de Santiago

María Eiras ‘Mareiras’ asina unha das súas obras pintada na parede da Casa do Cabido ante a mirada da alcaldesa de Santiago / Mareiras

Miguel R. Taboada

Santiago

A artista compostelá María Eiras ‘Mareiras’ convida a reflexionar sobre o papel da muller na arte ao longo da historia e no presente a través de Tras a pegada das musas, unha mostra que xa se pode visitar na Casa do Cabido, en Santiago, da man do Consorcio. A exposición reivindica a figura da muller como creadora, é unha chamada a cuestionar os relatos oficiais que, con frecuencia, invisibilizaron a súa achega creativa.

12, 13 e 14 - Imaxes das súas paletas e pinceis.  | // MAREIRAS

Recreación dun recuncho do estudio de Mareiras / MAREIRAS

A proposta reinterpreta o legado baseado na tradición grecolatina das nove musas, figuras femininas que personificaban a inspiración artística, eran as fillas de Zeus e Mnemosine, e cada unha asóciase a unha disciplina específica, como a historia, a música, a comedia, a traxedia, a danza, a poesía lírica, a retórica, a astronomía e a épica. As musas foron invocadas por poetas e artistas para obter inspiración e axuda na creación das obras. Mareiras prefire imaxinar o femenino como suxeito creador, e non como musa, modelo, aprendiz ou pupila.

8, 9 e 10 - Imaxes do acto de apertura no que acompañaron a artista  a alcaldesa e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín Rei, o xerente do Consorcio, José Antonio Domínguez,  o coordinador da exposición, Juan Conde Roa e  a profesora Begoña  Álvarez Seijo.  | // MAREIRAS

Imaxe da paleta de Mareiras / Mareiras

Os diferentes espazos da Casa do Cabido dan forma a un percorrido que consta de 34 pezas realizadas con óleo, pastel e acuarela. A artista presenta a oito mulleres e unha figura masculina, desafiando así os roles convencionais e abrindo o debate sobre a diversidade e a igualdade na arte. No propio título évocase a pegada de quen inspira e tamén a necesidade de recuperar voces esquecidas, lembrando que a orixe do termo ‘museo’ é precisamente o templo das musas, un espazo de creación e coñecemento que a Casa do Cabido recupera con esta iniciativa como lugar de encontro e diálogo entre a arte e a cidadanía. Ao longo das diferentes salas, a historiadora Begoña Alvarez Seijo (Wellesley College, Boston / Universidade de Santiago de Compostela), a través dos seus textos de sala, sitúanos e acompáñanos durante un percorrido pola historia da arte en feminino, tomando como punto de partida a reflexión de Linda Nochlin: “Por que non houbo mulleres artistas?”, propón unha viaxe e unha reflexión sobre a necesidade dun novo relato na arte, no que a figura feminina teña o protagonismo ata o momento esquecido.

Arte en directo

Durante os vindeiros meses, nos que permanecerá aberta a exposición, a artista pintará un cadro na planta baixa, case a pé de rúa, en sesións abertas ao público. O pasado xoves, 12 de xuño, comezou a intervención, que continuará nas vindeiras semanas. Esta iniciativa permite aos visitantes achegarse ao proceso creativo en directo, observando como unha obra nace e evoluciona ao longo do tempo. En varias destas sesións, Mareiras contará coa presenza dun modelo, a primeira será o vindeiro 24 de xuño de 18 a 20 horas, enriquecendo así o diálogo entre artista e espectador, convidando a reflexionar sobre a inspiración, a técnica e a conexión entre a arte e a vida.

1, 2 e 3 - Vistas de parte das salas da exposción. // Mareiras

Imaxe do acto de apertura da exposición no que a artista estivo arroupada, entre outros, pola alcaldesa de Santiago e o presidente do Consorcio / Mareiras

Trátase polo tanto, no seu conxunto, dunha experiencia dinámica e participativa. Cada obra exposta é unha homenaxe e unha reivindicación, pero a pintura en vivo engade unha dimensión única: a posibilidade de ver a arte en construción, de compartir o tempo e o espazo coa artista, e de ser testemuñas de como se materializa a pegada das musas no presente. A paleta de Mareiras, rica en cores e matices, acompaña o espectador nun percorrido que celebra a diversidade e a liberdade creativa, convidando a reflexionar sobre como se constrúen os relatos artísticos e sobre a importancia de recuperar voces silenciadas, especialmente nun momento no que a igualdade de xénero segue a ser un reto pendente no ámbito cultural.

11 - Recreación dun recuncho do estudio de Mareiras.  | // MAREIRAS

A alcaldesa xunto a 'Mareiras' durante a inauguración da exposición na Casa do Cabido / Mareiras

A Casa do Cabido acolleu nos últimos anos diferentes propostas que reforzan o compromiso do Consorcio de Santiago coa cultura contemporánea e coa creación de lugares de encontro e diálogo. A mostra pode visitarse de balde de martes a sábado, de 10 a 14 e de 17 a 21 horas, e o domingo, de 11 a 14 horas, os luns o museo permanece pechado.

Reflexións sobre mulleres creadoras no pasado e NO presente

Obra realizada nunha das paredes da primeira planta / Mareiras

María Eiras ‘Mareiras’

Mareiras é graduada en Belas Artes e licenciada en Psicoloxía. Dende 2011 dirixe Mareiras Espazo de Arte en Compostela, onde compaxina os seus labores como artista coa docencia e coa xestión cultural.

Foi seleccionada en certames tanto nacionais coma internacionais, como as XIII e XIV Bienal do Eixo Atlántico (Galicia/ Portugal), o Malamegi Lab Art Prize (Italia), o XXXI Certame de Pintura Cerezo Moreno (Jaén), a XVI Edición do Premio Internacional de Pintura Eugenio Hermoso (Badajoz) ou a Mostra de Arte Contemporánea Art´in Lima 22/23/24 (Portugal). Ademais, ilustrou diversos libros coma No nome da nai. Creación e luz ou As nosas letras de muller a muller.

O traballo creativo de Mareiras caracterízase por unha profunda sensibilidade cara á luz e a cor, dous elementos esenciais na súa pintura. A través de pinceladas vibrantes e unha paleta rica en matices, a artista logra capturar a atmosfera e a emoción de cada escena, transformando o lenzo nun espazo de encontro entre o visible e o intanxible. A luz, protagonista na súa obra, modela as formas e crea ambientes que convidan o espectador a mergullarse na experiencia íntima da creación. A cor, pola súa banda, actúa como linguaxe emocional, transmitindo sensacións e abrindo novas perspectivas sobre a realidade. Así, a pintura de Mareiras non só celebra a beleza do mundo, senón que tamén explora os límites da percepción e da inspiración.

Tracking Pixel Contents