Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

‘Grande e pequena’ gaña o premio Compostela a mellor álbum ilustrado internacional

O galardón, dotado con 9.000 euros, recoñece a obra da autora Arianna Squilloni e da ilustradora Raquel Catalina Ledesma

Sanmartín, Louzao e os membros do xurado, co álbum gañador e a mención especial

Sanmartín, Louzao e os membros do xurado, co álbum gañador e a mención especial / Cedida

Manu López

Manu López

Santiago

A autora milanesa Arianna Squilloni e a ilustradora madrileña Raquel Catalina Ledesma son as gañadoras do XVIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados cun proxecto titulado Grande e pequena. O Concello de Santiago deu a coñecer onte o fallo do xurado, que tamén outorgou unha mención espercial á obra A espera, de María Paz García Finch, de Santiago de Chile. Organizado por Raxoi e a editorial Kalandraka, este premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e conleva a publicación da obra gañadora en galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués no mes de novembro.

No certame participaron 288 proxectos, 70 máis que na anterior edición, procedentes de 16 países. A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, destacou que o premio foi decidido por unanimidade e que a proposta seleccionada é «unha obra magnífica». Sanmartín comunicou a boa nova ás gañadoras e salientou que estamos ante «un premio consolidado», como se pode ver pola calidade, o número de obras e a variedade de países. «Agardamos que este álbum contribúa a seguir nutrindo esta colección para desfrute de todo o mundo», engadiu.

O xurado recoñece a harmonía entre texto e ilustración

O xurado estivo formado pola ilustradora Mariana Río; a xestora cultural e editora Raquel López Royo; o deseñador gráfico, artista plástico e ilustrador Pep Carrió; o pintor, deseñador gráfico e ilustrador Xosé Cobas; e a directora editorial de Kalandraka, Manuela Rodríguez. A alcaldesa e, por delegación, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, actuaron como presidentas do xurado; e a técnica do Departamento de Educación, Beatriz Varela, como secretaria.

Os seus membros destacaron da obra Grande e pequena que se trata dun traballo que «responde perfectamente ao concepto de álbum ilustrado, onde o texto e a ilustración se complementan de forma harmónica». Na valoración da obra o xurado tamén salientou que «é un álbum cun sutil fondo poético e de múltiples lecturas: o paso do tempo, a memoria, a natureza, a arte...». Segundo o fallo, na súa composición narrativa resaltan os silencios que amplían a capacidade da persoa lectora para reflexionar sobre a viaxe vital da protagonista, unha anciá que regresa da cidade ao campo. «Plasticamente resalta polo uso contido da paleta cromática, en contraste co tratamento do branco e negro. A diversidade de enfoques, perspectivas e a secuencia de imaxes redondean o tratamento técnico desta obra», subliña.

Traxectoria das autoras

No tocante ás autoras, Arianna Squilloni (Milán, 1976) vén de Italia e reside en Barcelona. En 2008 deulle vida ao seu proxecto persoal abrindo a editorial A buen paso; así mesmo, colabora con revistas especializadas en España e outros países, ademais de dar clases en cursos e mestrados universitarios. Entre as súas publicacións hai libro álbum, novelas autobiográficas ou ensaios.

Raquel Catalina Ledesma (Madrid, 1973) estudou Belas Artes na súa cidade natal e unha mestría en ilustración en Valencia, onde vive na actualidade. Participou en varias exposicións e catálogos internacionais e agora traballa con editoriais de varios países como Akiara, A buen paso, Ekaré, Thule Ediciones, Edelvives, Andana, RBA, Nosy Crow, Bruaà e Oxford Univertity Press.

Tracking Pixel Contents