Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O tempo do paciente si importa

O tempo do paciente si importa

O tempo do paciente si importa / Antonio Hernández

Fernando Abraldes. Presidente da Asociación de Pacientes do CHUS

Non hai moito, o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, facía as seguintes declaracións en relación coas listas de espera: «O importante son os resultados en saúde. Á xente impórtalle máis o resultado que realmente o tempo que espera. De nada vale facer cousas moi rápido se despois o resultado é malo». Nunha entrevista que a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS mantivo con el pouco despois de tomar posesión, explicámoslle que o actual sistema de xestión da demanda das consultas externas programadas a través das chamadas eufemisticamente «axendas dinámicas» e popularmente coñecidas como «buzón», vulnera os criterios recollidos na vixente Orde do 13 de xullo do 2004 ao impoñer, como paso previo para incorporarse as axendas, un rexistro de pacientes en espera de asignación de data.

Á luz desas declaracións e baixo os perversos efectos dese sistema, non está de máis realizar algunhas reflexións sobre o que si nos importa aos pacientes. Cando falamos de pacientes o tempo está composto de dor, sufrimento, incerteza e desasosego, que en moitos casos nos desconecta do mundo. É un tempo emocional, que está cargado de vivencias que poden converter a vida en algo carente de resonancia. Mais, como instrumento xerencial, é unha mera variable que forma parte da administración dos recursos para acadar obxectivos baixo criterios de eficiencia. É frío e algorítmico, que non manifesta nada en si mesmo. O tempo deixa de ser algo asociado á vida boa e pasa a ter un status de instrumento. Ás persoas enfermas, como non, preocúpanos o resultado da atención, pero tamén o que tardamos en ser atendidos polo noso médico de familia, os minutos que nos dedica na entrevista clínica, o que se destina a sermos escoitados e a explicar síntomas ou resolver dúbidas. Preocúpanos que, con enfermidades invalidantes e outras que empeoran co paso dos días, non saibamos cando imos ter unha consulta co especialista. A atención sanitaria está intimamente asociada a estes dous conceptos de tempo que se confrontan en todo o proceso asistencial. Nesta confrontación, os pacientes imos perdendo, a pesar de termos unha parte importante do ordenamento xurídico da nosa banda. Somos testemuñas mudas da normalización do tempo xerencial a custa do tempo vital.

A Orde do 13 de xullo do 2004, contén os elementos esenciais que permiten respectar o sentido vivencial do tempo do paciente. Non é tolerable, desde as vidas e o corpos danados que, sen soporte normativo ningún, un rexistro dixital deixe sen efecto unha norma que ten a lexítima capacidade de despregar todos os seus efectos xurídicos ante terceiros e que obxectivamente ampara os pacientes. Especialmente no mundo da sanidade, o imperativo tecnolóxico debe poñerse ao servizo das necesidades das persoas, sen que as avasalen ou as programen.

O sistema de «buzón», comunica con poucas horas o momento en que a consulta vai ter lugar, facéndoa, en moitos casos, incompatible cos compromisos propios da vida cotiá e prolongado indefinidamente a espera por causa da involuntaria inaxistencia. O dispositivo traspasa así os ámbitos estritamente sanitarios e penetra a esfera privada das persoas, obrigándoas a permaneceren durante meses nun estado de suspensión onde a súa autonomía persoal queda restrinxida «sine die». Unha innovación tecnolóxica, incluso no campo da xestión, debe significar independencia e autonomía progresiva e nunca progresiva dependencia. Estamos fronte un sistema que, ante a incerteza sobre o momento da atención, instaura as portas de atrás como vía de acceso normalizado, e que invita a recorrer á sanidade privada, algo que non está a disposición de todos, rompendo así o principio de equidade no acceso.

Tracking Pixel Contents