Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago é a segunda cidade galega que máis tarda en pagar aos seus provedores

En abril deste ano , último dato publicado por Facenda, a media para saldar débedas situouse en 71 días e o mellor dato do Bipartito rexistrouse en decembro do 23 cun prazo de 36 días, seis máis do que marca a norma

A media de pago a provedores de Santiago supera os 30 días.

A media de pago a provedores de Santiago supera os 30 días. / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Segundo os datos do Ministerio de Facenda, Santiago é a segunda cidade galega cun período medio de pagamento a provedores máis demorado, que se situou durante o último ano arredor dos 60 días, o dobre do que marca a normativa vixente, que o establece en 30 días. As cifras publicadas polo ministerio rexistran a día de hoxe os catro primeiro meses de 2025, cuns datos para Compostela de 38 en xaneiro, 58 en febreiro, 53 en marzo e 71 no mes de abril

A capital galega só se ve superada na súa demora de pago a provedores pola cidade de Ourense, cuxos datos de 2025 reflicten que o consistorio das Burgas non consegue realizar os pagamentos antes dos 79 rexistrados en xaneiro, subindo ás 99 en febreiro, superando os 100 en marzo –117 días–. A cifra rexistrada no mes de abril excede en nove días á de Compostela (71) chegando aos 82 días.  

A cidade da Coruña ten un media máis axustada á que esixe a norma rexistrando prazos de 33 (xaneiro), 34 (febreiro), 32 (marzo) e 37 días (abril) para saldar as súas débedas. O intervalo de pagamento de Pontevedra sitúase sensiblemente por debaixo do da cidade herculina: 24 días en xaneiro, 33 en febreiro, 30 en marzo e 28 no mes de abril. As mellores medias son as da cidade de Vigo, á que segue a de Lugo

Nesta última urbe a media máis alta en canto ao tempo empregado para realizar o pago a provedores foi a de xaneiro de 2025 con 16 días, 11 foi o prazo nos meses de febreiro e de abril e 6,78 no mes de marzo. E nesta media de pagamento de facturas é onde se sitúa Vigo. O Goberno de Abel Caballero (PSOE) é o que máis velozmente salda a súas débedas cos provedores externos:7,8 días en xaneiro; 6,67 en febreiro, 7,51 en marzo e de novo nos seis días –6,83– o pasado mes de abril.

Evolución dende 2022

Os períodos de pagamento a provedores en Santiago poucas veces baixaron dos 60 días dende que a coalición BNG-CA asumiu o Goberno en xuño de 2023. O segundo semestre dese ano, as medias estiveron entre os 62 e os 67 días agás en decembro cando a cifra se aproximou á fixada pola normativa vixente con 36,83 días de media. 

Os peores datos de pago a provedores rexistráronse entre maio de 2024 –92 días– e agosto dese ano –108–, acadando o pico máis alto en xullo con 119 días (xuño e agosto tamén superaron o cento de días de media con 109 e 108 respectivamente). Nese ano, os prazos de pagamento máis áxiles foron os do mes de xaneiro e decembro, con 42 e 43 días de media.

Con todo, estas medias que a oposición lle achaca ao Goberno local non difiren moito das do último ano e medio do anterior mandato. En 2023 o Goberno de Sánchez Bugallo foi incrementando progresivamente o período medio de pago dende os 51 días do mes de xaneiro aos 79 do mes de xuño.

En 2022 tamén se repetiron as dinámicas, con prazos máis reducidos no primeiro e no último meses do ano (38 días en xaneiro e 39 en decembro) e coas cifras máis altas nos meses de maio e xuño –75 días–, xullo –73– e agosto –83 días–.

O peor dato: xullo de 2024 con 119 días

O pasado xoves 26 de xuño o Pazo de Raxoi acolleu un novo Pleno ordinario no que se someteu a aprobación un expediente extraxudicial de crédito de 1.318.282 euros para facer fronte a unha serie de facturas –165– de provedores incluídas nas OPAS (Obrigas Pendentes de Aplicar) de 2024. Un recoñecemento extraxudicial que desatou a crítica da oposición en bloque á xestión que está realizar o Goberno bipartito. 

O concelleiro de Facenda, Manuel César, resumiu na súa intervención as contías (máis dun 76% cun importe inferior aos 5.000 euros) e entidades que estaban pendentes de cobro, moitas delas entidades sociais e asociacións. César xustificou que este atraso no pagamento é «unha eiva desta administración que se vén repetindo dende hai anos» máis asegurou que no Goberno local «somos conscientes de que o debemos reducir» e mais que están «tentando mellorar a xestión municipal na tramitación do gasto».

Unhas razóns que non lle serviron a oposición e dende o edil non adscrito Gonzalo Muíños á concelleira do PP Rosario Ferreiro, pasando pola edil do PSOE Marta Abal, todos eles denunciaron que achegar a aprobación «un novo recoñecemento extraxudicial de crédito» reflectía a mala xestión que está a levar a cabo o Goberno de BNG e CA. «Hai facturas no caixón, persoas e empresas que non cobraron en tempo e forma», comentou Gonzalo Muíños recordándolle á alcaldesa Goretti Sanmartín as palabras dela mesma ante situacións análogas sendo membro da oposición para poñer o foco en que o período medio de pago a provedores chegou en xullo de 2024 aos 119 días.

Un dato do que tamén botou man a concelleira socialista Marta Abal, que destacou que estes 119 días constitúen «o peor dato de período medio de pagamento do Concello de Santiago». Abal criticou tamén que «por primeira vez dende 2019 redúcese a execución do investimento», polo que se «inviste menos por habitante» que durante o pasado mandato. «Xestionan vostedes mal», concluíu.

Un argumento co que coincidía a edil do grupo maioritario da oposición (PP). Rosario Ferreiro criticou que se levasen a esta OPA de 2024 gastos de 2021, 2022 e 2023, entre elas «unha factura de Viaqua de 2021 de máis de 100.000 euros» e outra «de case 300.000 de liquidación de multas, mentres esperamos a decisión de municipalizar o servizo ou licitalo, e despois dun ano e medio aínda non se sabe o que van facer».

Ferreiro destacou o dato de 119 días para a realización de pagamentos rexistrado en xullo de 2024 e destacou que segundo o último dato, do mes de abril –71 días–, este ano «xa van peor que ano pasado», cando o prazo medio de pago foi de 67.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents