Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Volve a reivindicación feminista do Delas Fest

O festival de arte urbana feita por mulleres decorrerá entre o 10 e o 24 de xullo na capital de Galicia

Foto de familia na presentación do Delas Fest na sala de prensa do Pazo de Raxoi.

Foto de familia na presentación do Delas Fest na sala de prensa do Pazo de Raxoi. / CONCELLO

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Entre o 10 e o 24 de xullo Compostela volve ser o escenario do Delas Fest, un festival de arte urbana en feminino «colectivo e contextual que conta coa colaboración da veciñanza á hora de escoller os espazos nos que se vai intervir para que esta actuación e a creación do mural non supoñan un elemento invansivo». 

Quen así falaba no Pazo de Raxoi este luns era Clara R. Cordeiro, representante de 7H Coop, entidade encargada do desenvolvemento deste proxecto que conta co apoio da Deputación da Coruña e que tamén se vai desenvolver, ademais de en Santiago, nos municipios veciños de Brión e Negreira. Na capital galega van plasmar as súas creacións a brasileira Hanna Lucatelli –entre os barrios de Vite e Vista Alegre– e a asturiana María Peña Mapecoo, na Costa de Santa Isabel.

En Negreira, concello que se incorpora ao festival, vai pintar o seu mural a valenciana Galleta María na avenida das Brañas; e en Brión o espazo elixido é Sabaxáns (na parroquia de Bastavales), nunha fachada situada ao carón da escola infantil. Durante a presentación do festival, Clara R. Cordeiro, lembrou que a selección de fachadas se fai a través de Muros a Man Común, onde é a propia veciñanza quen fai as propostas.

Programa previo

Pese a que o Delas Fest como tal dá comezo o día 10, este martes 8 e mércores 9 xa hai programación vencellada ao festival e á posta en valor do traballo da muller tamén na arte e, nomeadamente neste caso, na arte urbana. Así, dende as 10 deste martes a ex concelleira Encarna Otero guiará un roteiro polo Sarela para falar do traballo feminizado no mesmo, coma as lavandeiras ou as traballadoras dos curtidoiros

Na sesión de tarde o protagonismo pasa ao CSC de Vista Alegre coa conversa das anfitrioas, as asociacións veciñais coas que se vén definindo o mural en coordinación coa artista correspondente.

O mércores 9 de xullo haberá de novo roteiro, desta volta a cargo de Vite Arquiva con posterior visita ao material arquivado no CSC José Saramago do barrio.

Reivindicación do papel da muller e da interacción social

Á presentación do Delas Fest asistiu a edil de Capital cultural, Miríam Louzao; o deputado de Patrimonio, Xosé L. Penas; o alcalde de Negreira, M. Ángel Leis; e a edil de Cultura de Brión, Sandy Cebral; ademais de Clara R. Cordeiro de 7H Coop. 

Todos os intervintes coincidiron na necesidade de levar a cabo este festival «feminista» máis tamén cunha importante compoñente de «interacción coa comunidade», todos eles tamén, quixeron matizar a importancia da visibilización do traballo realizado por mulleres, tamén no mundo da arte e neste caso da arte urbana, «en tempos de discursos retrógrados».

Nesta liña, Xosé L. Penas, valorou «a mirada necesaria e obrigadamente feminista» do Delas Fest e mais «a necesidade de que a Deputación da Coruña se implique neste tipo de iniciativas «cuxos traballos sobrepasan a arte e chegan a ser un reflexo da sociedade».

Tracking Pixel Contents