Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Goretti Sanmartín: «Hai que frear os discursos regresivos na xente nova»

A primeira rexedora da capital galega puxo voz ao compromiso institucional co liderado feminino e advertiu sobre os perigos dos discursos de odio que medran entre a mocidade

Foro Mulleres de Primeira: mulleres ao mando en Santiago / Javier Rosende Novo

Valeria Pereiras

Valeria Pereiras

Santiago

A capital de Galicia tardou máis de catro décadas en ter unha muller á fronte do Concello, e para Goretti Sanmartín, esa tardanza non é anecdótica: “É unha anomalía histórica. Non debería ser excepcional que haxa unha alcaldesa, e porén seguimos celebrándoo como algo extraordinario”.

Con esa firmeza comezou a súa intervención no II Foro Mulleres de Primeira, organizado por EL CORREO GALLEGO antes da mesa patrocinada polo Concello e centrada nos retos profesionais en sectores tradicionalmente masculinizados. A rexedora puxo en valor a importancia do liderado feminino nas institucións, especialmente desde a administración local, a máis próxima á cidadanía.

«Temos a obriga de facer políticas de igualdade que sexan estruturais, non decorativas», afirmou. E nese camiño destacou accións como a reactivación da Comisión Interinstitucional contra a Violencia de Xénero ou a institucionalización do recoñecemento ‘Mulleres de Compostela’, que honra polo 8M tanto a científicas, comerciantes ou creadoras como a mulleres anónimas que levan décadas contribuíndo á cidade desde lugares invisibilizados.

Para Goretti Sanmartín, a igualdade real pasa por aplicar unha perspectiva feminista en todos os eidos do goberno local: «Tamén hai que facer urbanismo feminista, cultura feminista, economía feminista. Non pode ser que as políticas de igualdade queden pechadas no departamento de Servizos Sociais», apuntou.

Advirte, ademais, a alcaldesa de Santiago dun problema cada vez máis acuciante: o retroceso no pensamento da xente nova. «Os datos sobre como se xustifica a violencia machista entre adolescentes, sobre todo mozos, son alarmantes. Isto é consecuencia directa de discursos políticos irresponsables que están inoculando odio e regresión».

Referentes de Goretti Sanmartín

A rexedora tamén compartiu os seus referentes persoais, reivindicando figuras históricas -máis alá de Rosalía de Castro- como as mestras da renovación pedagóxica da Xeración Nós, e nomes actuais como o de Begoña Caamaño: «Para min foi o exemplo máis claro de sororidade real. Axudou, acompañou, teceu redes entre mulleres». Sanmartín reivindicou non só a súa obra literaria, senón tamén o seu papel como mecenas cultural, activista e acompañante das máis novas: «Era unha persoa xenerosa, amiga das súas amigas. Axudaba a rapazas novas con dificultades económicas, ás veces mesmo entregando o pouco que tiña para que puideran saír adiante. Iso é sororidade real, non só un termo que repetimos».

Ademais, celebrou que Caamaño sexa a próxima figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, e pediu que se recoñeza tamén o seu legado humano e militante, máis alá do literario.

A tarefa pendente da conciliación

Consciente das limitacións estruturais que aínda perviven na política, Sanmartín rematou cunha reflexión autocrítica sobre a conciliación: «Escribín sobre isto hai corenta anos e seguimos igual. Os horarios da vida política seguen pensados para quen non ten outra responsabilidade que non sexa a súa carreira. Mentres iso non cambie, seguiremos deixando fóra a moitas mulleres».

A alcaldesa recoñeceu que, malia os avances noutros eidos, a conciliación segue a ser un ámbito no que non se produciu un cambio real. «O horario das reunións, a cantidade de tempo que lle dedicamos ao traballo político, todo iso continúa pensado desde un modelo de vida que non contempla nin permite a conciliación real. É unha das miñas maiores frustracións». Segundo Sanmartín, o problema non é só de tempo, senón de cultura institucional e fixo un chamamento directo ás novas xeracións para que asuman este reto: «A vós, as máis novas, tócavos cambiar isto. Non fomos quen de mudar ese chip e, sen iso, seguirá habendo mulleres que renuncien, que non dean o paso», concluiu a alcaldesa.

Mulleres ao mando en Santiago ou cando o talento rompe barreiras

Hai decisións que se toman sen facer ruído, pero que desmontan clixés. Entrar nunha comisaría, nunha obra pública, nun pavillón ou nunha aula sen ver moitas mulleres antes ca ti pode intimidar. Ou converterse nun motor. As catro participantes na mesa do II Foro Mulleres de Primeira, patrocinada polo Concello de Santiago, saben ben o que significa abrirse paso onde se espera outra cousa: outro perfil, outra voz, outro xénero.

A comisaria Nuria Palacios Ibán, xefa da Comisaría da Policía Nacional en Santiago, foi directa: «Non tiven obstáculos formais, pero si enfrontei límites máis sutís, os que temos interiorizados». Fala das renuncias autoimpostas, das prioridades asumidas en solitario: «Moitas veces somos nós mesmas quen atrasamos os nosos obxectivos». E lembra que as primeiras comisarias non tiñan fillos. Aínda hoxe, afirma, «segue a sorprender ver unha muller nun cargo coma o meu».

O difícil non foi entrar na Policía, foi superar os sesgos que xa levamos dentro

Nuria Palacios Ibán

— Comisaria xefa da Policía Nacional en Santiago

A catedrática de matemáticas da USC, María Victoria Otero Espinar, presidenta da Real Sociedad Matemática Española, revelou como un comentario casual dun profesor fixo que cambiara de rumbo. «Ninguén mo suxerira. Ata o último ano pensaba que o meu sitio era a docencia en secundaria, como tantas outras mulleres». A carreira científica, di, é un maratón sen pausas, que moitas non poden completar se teñen responsabilidades familiares.

Otero quixo desmontar mitos: «Non son ningunha heroína. Son unha muller normal que chegou aquí traballando. As nenas teñen que saber que non fai falla ser perfecta para aspirar a todo». E defendeu o papel das matemáticas máis alá da aula: tamén na industria ou na investigación.

Temos que desmitificar os referentes: eu son unha muller normal que chegou aquí

Victoria Otero Espinar

— Catedrática de Matemáticas da USC e presidenta da Real Sociedad Española de Matemáticas

Desde o mundo da empresa, Rosa Blanca Rodríguez Gutiérrez, conselleira delegada de Espina y Delfín, relatou como entrou na compañía familiar, daquela dominada por homes: 97 fronte a 2 mulleres. «Meu pai nunca me dixo que carreira estudar. Sinxelamente, non me vía na empresa».

Como nai de dous fillos —home e muller—, Rodríguez Gutiérrez insiste en que «non se pode predicar a igualdade na empresa se non se vive no fogar». E continúa: «Entrei na área administrativa, e cando faleceu o noso pai, meu irmán mais eu asumimos o liderado. Complementámonos ben e entendemos a empresa como un legado que queremos deixar á seguinte xeración, sen mirar o sexo, senón a capacidade».

Na empresa, hoxe non miramos o sexo: quen teña capacidade, que lidere

Rosa Blanca Rodríguez

— Conselleira delegada en Espina & Delfín

Wendy Rey París, adestradora e presidenta do club de ximnasia rítmica Viravolta asegurou que «no deporte feminino o abandono é moi alto, especialmente na adolescencia. Moitas rapazas deixan de adestrar non por falta de interese, senón pola presión social, pola invisibilidade, porque non se senten nin vistas nin escoitadas».

Rey París considera necesario crear espazos seguros e normalizar o deporte feminino desde idades temperás, co apoio de medios, familia e administracións. «É importante que as nenas se vexan tamén como técnicas, árbitras, directivas».

O deporte feminino necesita espazos seguros e visibles para que as nenas non abandonen

Wendy Rey París

— Adestradora e presidenta do Club de Ximnasia Rítmica Viravolta

A súa voz completou un mapa diverso e revelador: desde a seguridade ata a ciencia, pasando pola empresa e o deporte, as catro coincidiron en algo fundamental: o camiño está cheo de barreiras, si, pero tamén de aprendizaxe. E aínda que queda moito por facer, todas demostran que desde Santiago tamén se constrúe igualdade. Con decisións que non sempre fan ruído, pero que rompen estereotipos.

Tracking Pixel Contents