Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O grupo Cidades Patrimonio celebra 40 anos cun concerto

O 6 de decembro de 1985 declaráronse patrimonio Ávila, Segovia e Santiago de Compostela

Foto de familia dos rexedores do Grupo de Cidades Patrimonio esta fin de semana en Segovia.

Foto de familia dos rexedores do Grupo de Cidades Patrimonio esta fin de semana en Segovia. / CEDIDA

Redacción

Santiago

A asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio aprobou esta fin de semana a organización de eventos especiais para celebrar os 40 anos da designación de Ávila, Compostela e Segovia como cidades patrimonio, xerme do grupo ao que agora pertencen 15 urbes españolas.

Así, vaise organizar un gran concerto conxunto para o 6 de decembro, data na que a Unesco designou estas tres primeras cidades como patrimonio. O concerto vai ter lugar en Ávila, coa participación de músicos e intérpretes das outras dúas cidades e a implicación do resto de urbes do grupo.

A asemblea celebrouse no Alcázar de Segovia, onde ademais de acordarse este concerto conmemorativo se falou doutros proxectos, como a exposición fotográfica con material do patrimonio histórico das 15 cidades que se vai organizar na Real Academia de España de Roma, un proxecto «en licitación» e tamén se tratou o estado de execución da subvención de fondos europeos recibida polo grupo, que ascende a 45 millóns de euros, con tres millóns para cada cidade. Unha axuda destinada a preservar e manter as zonas históricas das 15 cidades.

Nesta xuntanza en Segovia tamén se falou sobre a ferramenta de medición de retorno de asistencia a feiras de turismo coma a de Osaka (Xapón) e Berlín (Alemaña). Para o acalde de Segovia, José Mazarías, a ferramenta permite «comprobar se a asistencia a estes destinos produce un incremento no número de visitantes destes lugares ás cidades españolas».

No encontro tamén se abordou a presenza en Dublín, o 17 de novembro, da man de Paradores e Turespaña, unha nova cita para contactar con axentes e turoperadores.

Tracking Pixel Contents