Santiago, a cidade que máis crianzas acolle en familia
A asociación Acougo de acollemento familiar ten abertos en Compostela un total de 32 expedientes de fogares de acollida a menores, a cifra máis elevada da entidade no conxunto de concellos galegos. Unha alternativa centrada no dereito fundamental do neno e da nena a criárense nunha contorna familiar e non, de ser posible, nunha residencia institucional.

Entre os tipos de acollemento, o que se coñece como ‘temporal’ non debe exceder dos dous anos. / CEDIDA

A Asociación Galega de Familias de Acollida Acougo (rúa Padrón, 2, na Pontepedriña) ten rexistrados na súa base de datos 32 expedientes de familias compostelás acolledoras, a cifra máis alta que manexa a entidade no conxunto dos concellos galegos. Ademais, o pasado maio a asociación formou parte da iniciativa municipal ‘12 comercios, 12 sensibilidades’, en colaboración con La Tienda de María e repetindo tándem por segundo ano. Deste proxecto que reúne servizos sociais e promoción do comercio local, Acougo chegou até o de agora sete familias interesadas no acollemento, «un impacto importante», di Carmen Dourado, a súa directora xeral en conversa con EL CORREO GALLEGO.
«As persoas que se informaron en La Tienda de María sobre o acollemento familiar por mor da campaña teñen alí un punto permanente, porque Cristina –Gerpe, propietaria da tenda– pode derivalas aínda fóra da campaña», explica Dourado, algo de moito interese para a asociación na difusión dos seus programas. Unhas actividades que en maio se complementaron tamén coa celebración do Día Mundial do Acollemento Familiar (o 31 de maio) e coa campaña ‘Tres dediños’ impulsada por Aseaf (Asociación Estatal de Acogimiento Familiar). «Un dediño representa a familia acolledora», explica Dourado, «outro a familia de orixe e o terceiro dediño refírese ao neno ou á nena que está en acollemento familiar».
Implicarse no acollemento
Dende Acougo lévanse a cabo actividades para as familias interesadas en acoller unha crianza ou un adolescente: formacións, en liña e presenciais, encontros informais con familias acolledoras «que chamamos charlas café ou encontros en familia, onde ás veces falamos dun tema concreto e noutras ocasións simplemente nos vemos, para falar, chorar, rir... E nestas charlas abertas tamén recibimos xente que vén informarse».
Informarse das formas de acollemento, que son diversas, como tamén diversas son as familias, unha idea na que Carmen Dourado non se cansa de insistir, pois para acoller unha crianza e darlle o seu dereito a medrar en familia tanto serve unha familia heterosexual, con ou sen fillos, coma unha familia homosexual ou monoparental. «Hai acollemento en familia extensa, que é aquel que se fai dun neno ou ou dun grupo de irmáns que teñen vínculo de sangue con quen os acolle, e despois está o acollemento en familia allea, as persoas que acollemos e que non temos un vínculo de sangue». Pásase un proceso de información e formación, para valorar o acollemento e seguir ou non adiante coa solicitude.
Finalmente, lévanse a cabo entrevistas domiciliarias, nas que se ten en conta non só a persoa que toma a decisión de acoller senón todas as que integran a unidade familiar. «Todo o núcleo familiar que vai acoller ten que pasar por este proceso porque de nada serve que ti queiras acoller se a túa parella, por exemplo, non quere. Iso é garantía de que o acollemento non vai ser exitoso». Despois, con toda a información faise un informe que se manda á Xunta e os equipos técnicos de menores, valorando toda a documentación dá ou non dá a idoneidade para acoller, e se é positivo «esas persoas pasan a formar parte dunha bolsa de familias, da entidade que sexa que vai a xestionar ese acollemento concreto», como pode ser Acougo.
A lei recolle outros tres tipos de acollemento familiar: de urxencia, temporal e permanente. A acollida de urxencia «ou de rápido diagnóstico», que non debe durar máis de seis meses, «antes de tomar unha decisión máis estable para ese neno, nena ou grupo de irmáns». O acollemento temporal é aquel para o que se dá un tempo aproximado de dous anos, pensando que nese período «pode reverterse a situación que deu pé a unha retirada» do neno da unidade familiar «ou unha garda rogada». Esta última figura consiste en que a familia acode á administración para inclúa a crianza no sistema de protección porque «os pais, as familias, piden que a administración se faga cargo da tutela ou da garda, porque se ven imposibilitados por mor dunha enfermidade, non ter rede de apoio, por entrar en prisión...».
Dourado explica que ese acollemento temporal non debe durar máis de dous anos, porque aínda que a situación familiar pode non estar resolta ese tempo «na vida dun cativo pode ser toda a súa vida», pero non hai que esquecer tampouco que a crianza pode experimentar o final do acollemento coma un segundo abandono, por iso «avogamos porque neses dous anos haxa un traballo intenso de moito acompañamento para que o vínculo coa familia de orixe sexa, normalizado, natural, porque é un acollemento pensado para o retorno coa familia de orixe».
E en terceiro lugar está o acollemento permanente. «Que quere dicir isto?», incide Dourado, «é unha adopción? Non, non é unha adopción, non é a ruptura dos seus vínculos de orixe», aínda que o concepto de acollemento permanente leva a pensar na adopción «tradicionalmente as familias adoptivas van por unha canle diferente á do acollemento, aínda que agora as cousas están cambiando». Explica así Dourado que a figura da adopción implica a desvinculación da familia de orixe, mentres non acontece así co acollemento.

Con Familias Referentes, Acougo céntrase nos adolescentes. / CEDIDA
Outras formas de acollida
Mais tamén se dan necesidades, dalgún modo máis puntuais, nas unidades familiares, complicacións que impiden unha boa atención do neno. Por iso existen os acollementos de fins de semana e de vacacións, o acollemento familiar de día ou de noite. Un traballo que se debe xestionar dende os concellos e para o que Acougo conta tamén cun programa, «que se chama Familias Corresponsables, familias que na proximidade están dispostas a facer de tías, ou de avoas ou de padriños para axudar unha persoa da súa contorna».
Un programa que trata de «evitar a institucionalización» mediante «familias que axudan a familias no ámbito local», aínda que tamén hai un acollemento familiar de días para crianzas que xa están no sistema de protección, «moitos deles, a maioría, en acollemento residencial» (o que se coñecen como Casas de Familia e Centros de Menores). Nestes últimos, pese a que a lei o prohibe, hai crianzas de menos de tres anos –cando non hai outra alternativa– e dende Acougo estiman que a cifra destes menores en espazos institucionais galegos supera os 60.
Adolescentes, «os grandes esquecidos»
Dende a Fundación Aldaba, que xestiona centros residenciais, está en marcha o programa En Familia, que no caso de Acougo se complementa tamén con Familias Referentes, ambas as iniciativas dirixidas a adolescentes acollidos en centros residenciais –a media de tempo que unha crianza bota nunha destas institucións é de sete anos e medio–.
«Os adolescentes son os grandes esquecidos», explica Carmen Dourado, «son os que levan institucionalizados practicamente toda a infancia, non teñen experiencia de convivir nunha familia, co que iso supón». Por iso, a proposta de Acougo dun curso –escolar– en familia, «un programa que busca dar resposta a unha experiencia para estes nenos e nenas nunha contorna familiar durante un curso escolar» e conséguese así tamén darlle a este adolescente, «que xa non vai saír en acollemento familiar nin en adopción», unha forma de vincularse a unha familia.
Unha familia que no día no que este adolescente cumpre os 18 anos e debe abandonar o centro residencial no que pasou a maior parte da vida e buscar un traballo e un lugar no que vivir poder ser fundamental á hora de guiarse, para formarse ou conseguir unha saída laboral.
- Una compostelana hace historia al ganar un Latin Grammy: 'Quero adicarllo a miña cidade e a Galicia
- El juzgado autoriza a Pérez Rumbao a que adquiera los concesionarios del Grupo Yáñez
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- Un cliente revienta de madrugada la nariz al dependiente de una tienda 24 horas del Ensanche de Santiago
- Rescate de película en Pontepedriña: los bomberos socorren a dos jóvenes atrapados en un edificio en llamas
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana

