Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Visto e prace á estratexia verde de Santiago do plan ‘Entre Sar e Sarela’

Nas actuacións previstas están os barrios da Pontepedriña, Cornes e Viso

O proxecto renaturalizará a lagoa do Auditorio.

O proxecto renaturalizará a lagoa do Auditorio. / Antonio Hernández / Antonio Hernández Rios

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A xunta de goberno realizada este luns deulle o seu visto e prace á proposta de estratexia de infraestrutura verde e adaptación ao cambio climático de Santiago, no marco do proxecto ‘Entre Sar e Sarela’ –financiado con cargo a fondos NextGeneration da UE a través da Fundación Biodiversidade–. Acometeranse pois actuacións dirixidas á renaturalización de lugares coma a Pontepedriña, Cornes, Monte Viso ou a lagoa do Auditorio de Galicia.

Esta iniciativa, en palabras da voceiro do Goberno local, Míriam Louzao, converte Compostela «na primeira cidade galega en ter unha estratexia de infraestrutura verde local». «Esta iniciativa inscríbese, polo tanto, no marco das políticas ambientais europeas, estatais e autonómicas destinadas a frear a perda de biodiversidade», continuou Louzao, así como fomentar a conectividade ecolóxica e incrementar a resiliencia dos territorios fronte ao cambio climático.

Con esta axuda europea, que ascende a 3.228.069 euros, realizaranse cinco actuacións concretas: no Barrio verde da Pontepedriña; en Cornes, onde se recualificará e recuperará a área verde; no Monte Viso, onde tamén se executará unha restauración ecolóxica para «o fomento da biodiversidade»; procederase á naturalización da lagoa do Auditorio; e crearase un laboratorio vivo-urbano agroecolóxico no xardín botánico. Estas accións, segundo explicou Louzao, «van servir de piloto para futuras intervencións no marco da estratexia».

De cara á redacción do proxecto definitivo –o borrador aprobado foi redactado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), da USC, en coordinación co persoal técnico do Concello e do Consorcio da Cidade–, Raxoi abre un proceso de participación. «Hoxe mesmo vaise presentar ao conxunto da Corporación», comentou a edil en referencia ao luns, «e nos próximos días haberá reunións con diferentes sectores» –económico, rural e veciñal, entre outros–.

Subvencións e convenios

Raxoi aprobou a convocatoria de axudas para actividades de promoción e dinamización comercial por parte de asociacións de comerciantes. Unha convocatoria dotada con 85.000 euros –cada axuda pode alcanzar o 80% do orzamento dos gastos subvencionables, co límite de 35.000 euros por cada entidade solicitante–.

A xunta de goberno aprobou tamén convenios que rexen as subvencións nominativas a entidades coma a Asociacións de Persoas Xordas de Compostela, o Banco de Alimentos, o IES Rosalía de Castro, a Asociación Solideridade Galega co Pobo Saharaui, a Fundación Universidade, Correlingua, Asociación Rocha Forte e o Club Victoria. As contías oscilan entre os 4.000 e os 14.000 euros.

Tracking Pixel Contents