Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Máis de 250 efectivos da Policía Nacional velarán pola seguridade cidadá nas Festas do Apóstolo

O operativo, que se despregará entre o 23 e o 26 de xullo, vai contar coa participación de diferentes unidades da CNP, coma guías caninos, os Tedax ou a UPR, así como as unidades de drons e antidróns

No centro, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na xunta local de Seguridade.

No centro, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na xunta local de Seguridade. / CONCELLO

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A xunta local de Seguridade reuniuse este martes en Raxoi para «repasar os detalles do dispositivo especial por mor das festas do Apóstolo», que decorrerán entre o 18 de xullo –con pregón a cargo da baloncestista Blanca Millán– até o día 31. Nesta xuntanza presidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e mais pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e que contou coa presenza do edil de Convivencia, Xan Duro, decidiuse despregar un operativo de máis de 250 policías nacionais entre o 23 e o 26 de xullo, con especial interese no día grande das celebracións, o 25 de xullo, Día de Galicia.

Para velar pola seguridade da cidadanía durante as festas, a subdelegada do Goberno comentou no Salón Verde do Pazo de Raxoi que se tomou a decisión de despregar diferentes unidades da CNP, como aos guías caninos, os Tedax ou a UPR, así como as unidades de drons e antidróns.

O reforzo policial para o 25 de xullo xustifícase tamén por coincidir «cos actos que concentran un maior número de persoas en Santiago», dixo Rivas, non só polas festas senón tamén polas manifestacións convocadas e tamén para garantir este último dereito. Segundo explicou a subdelegada do Goberno, «o reforzo notarase por toda a cidade, tamén nas vías de acceso e na estación intermodal, e podería ser incrementado no caso de ser necesario».

Tanto a alcaldesa, coma a subdelegada coincidiron en destacar a boa coordinación entre Subdelegación do Goberno na Coruña e o departamento que dirixe Xan Duro –Compostela Aberta–, que durante todo o ano manteñen xuntanzas para organizar o traballo conxunto de Policía Nacional e Policía Local na capital de Galicia.

Contra as violencias

Como acontece noutros eventos organizados na cidade e que atraen un importante número de público, compostelán e de fóra da cidade, durante as Festas do Apóstolo volverán estar situados en diferentes lugares da cidade –aqueles nos que se prevé unha maior afluencia de persoas–os Puntos Lila, de información e denuncia de violencias machistas e lgtbifóbicas.

A alcaldesa Sanmartín explicou que «este é un dispositivo no que Santiago xa ten unha ampla experiencia, e no que hai unha perfecta coordinación entre todas as Forzas e Corpos de Seguridade». A rexedora fixo referencia específica ao Punto Lila que se instalará na Alameda entre o 19 e o 31 de xullo, que funcionará nun horario amplo «non só para atender denuncias senón tamén para divulgar información xeral ao respecto da violencia de xénero».

Reivindicación do traxe tradicional galego

Goretti Sanmartín aproveitou a comparecencia para convidar a veciñanza a sumarse á celebración do Día do Traxe, o domingo día 20. «Quero aproveitar para facer un chamamento a que todo o mundo que teña unha prenda, algún elemento do traxe tradicional, saia á rúa», expresou porque «creo que é relevante que haxa persoas que visten con orgullo o noso traxe e queremos facer o que nos pide a Asociación do Traxe Galego: colaborar nese chamamento que fai para conseguir que todo o mundo e saque dos armarios esas pezas das súas avoas, das súas bisavoas, da súa familia».

Tracking Pixel Contents