Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Alberte Leis Baixista da banda de rock Samesugas

Alberte Leis, baixista de Samesugas: «O grupo sempre foi a nosa paixón, a música, o que nos move na vida»

A banda compostelá cumpre 25 anos no mundo da música e vaino celebrar, case por azar, tocando nas festas máis internacionais da cidade, as do Apóstolo. Esta noite ás 22 horas, Joaquín, Ramón, Álex e Alberte traen á praza da Quintana o seu rock and roll e a mesma actitude dun cuarto de século atrás

Joaquín, Ramón, Álex e Alberte, os catro compoñentes da banda Samesugas.

Joaquín, Ramón, Álex e Alberte, os catro compoñentes da banda Samesugas. / Novo

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Joaquín (guitarra e voz), Álex (guitarra), Alberte (baixo) e , Ramón (batería) son os catro compoñentes da banda compostelá Samesugas. Ás 22 horas ofrecen na Quintana un concerto, dentro da programación das Festas do Apóstolo, no que van estar acompañados de Paulo Pascual (theremin). A ritmo de rock and roll con influencias do garage e do punk, o repertorio desta noite irá dende os temas do novo disco, White fire, até clásicos da banda que cumpre 25 anos. Alberte Leis debulla para EL CORREO o presente e o futuro de Samesugas.

Como están os ánimos para o concerto e que significa para Samesugas tocar na Quintana?

Os ánimos están moi ben, gústanos tocar nas festas da nosa cidade. Xa tocamos na Quintana hai nove anos, acompañando a Ruxe Ruxe, precisamente tamén no seu 25 aniversario. Este ano é distinto, sen telo programado, chamáronnos para tocar no Apóstolo e foi un honor. Un pracer, por suposto. Igual é unha praza un pouco grande para nós pero sempre hai ambiente e temos moita ilusión polo concerto.

Que repertorio tedes preparado?

Estamos presentado disco, White fire, que acabamos de sacar, así que tocaremos cancións deste novo traballo e tamén temas de case todas as épocas da banda, e sempre nos gusta meter algunha versión. Somos un grupo de rock and roll con outras moitas influencias e seguimos a ter ese espírito punk. Non gustamos de facer concertos moi longos, así que será de arredor dunha hora, que é bastante para un grupo co ritmo de Samesugas.

A banda compostelá Samesugas vén de sacar novo disco, 'White fire'

A banda compostelá Samesugas vén de sacar novo disco, 'White fire' / Novo

Lembraba a participación no concerto de 25 anos de Ruxe Ruxe na Quintana. Agora cúmprenos Samesugas. Como se consegue manter tanto tempo unha banda de rock and roll?

Por iso tamén nos gustan tocar na Quintana, nas festas da nosa cidade, porque todos os compoñentes somos de Santiago, que xa é algo raro nunha cidade coma esta que hai tanta xente de fóra. É unha magnífica ocasión, porque acabamos de presentar o disco na Sala Capitol, en maio casualmente cando eran as Festas da Ascensión. E sobre como se consegue manter unha banda 25 anos? Non é fácil, nós non tiñamos ambicións grandes, somos un grupo underground, estamos ben nese hábitat, nunca pretendemos chegar máis arriba. O realmente difícil nun grupo son as relacións humanas, aguantarse catro persoas, cos defectos de cada un, tanto tempo... Penso que aprendemos a convivir, a querernos como grupo. Tivemos épocas nas que estivemos máis ou menos activos, pero sempre nos moveu a paixón pola música. E a verdade é que tampouco pensamos nunca chegar tan lonxe, chegar a estar 25 anos xuntos. Cada un de nós ten o seu traballo, o grupo sempre foi a nosa aficción, a nosa paixón, o que nos move na vida realmente é a música.

Como se presenta o calendario de actuacións para este verán?

Sen anunciar moito a cousa temos varias datas, en Lalín, no Porto (Portugal), en Boiro... E tamén en Barreiro, máis cara ao outono, unha vila portuguesa do outro lado do Texo, unha cidade dormitorio do tamaño de Santiago onde fan un festival moi chulo. Xa é a cuarta vez que nos levan e en White fire temos un tema que fala dunha anécdota alí, Do Barreiro a Lisboa, e teremos a honra de presentalo no festival.

Que proxectos teñen en mente?

Nada en especial, seguir co mesmo, poder gravar discos, tirar cancións novas. De feito estamos pensando en ir sacando sinxelos, pequenas entregas, máis que un disco grande. White fire era algo pendente, porque había tempo que non sacabamos un LP, pero a idea é tirar de pequenas entregas e xa en 2026 facer unha xira maior por Galicia e Portugal, ao mellor Madrid, Cataluña, Andalucía, Euskadi... Mesmo pode haber algunha escapada aos Pirineos.

Como valora o impulso, que reivindica o Goberno local ante algunha crítica de non traer grandísimas figuras, de botar man de grupos galegos e locais na programación das festas?

Apostan por moitos grupos de aquí, vin o outro día o concerto de Saxos del Averno con Adrián Costa, membro da cultura de blues de Compostela... Sen estudar a fondo o programa o que vin paréceme moi acertado. Sempre vai haber críticas en cuestión de gustos pero tamén somos musicalmente diversos, e prefiro que se apoie os grupos locais, hai moita calidade na música galega, así que considero moi acertado apoiar desta maneira o talento local.

Convide o público, aos que xa son fans e aos que descoñecen os Samesugas a achegarse esta noite á Quintana.

Os que son fans, xa logo destes 25 anos de grupo, saben ben o espectáculo que van ver, saben como somos, saben como evolucionamos musicalmente e que temos o mesmo espírito que cando comezamos hai 25 anos. E a quen non nos coñece, xente máis nova, que nos dea unha oportunidade, que poden pensar que é unha música algo forte ou non fácil de dixerir pero no fondo é rock and roll, algo que mamamos toda a vida.

Tracking Pixel Contents