Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Nace a primeira horta ecolóxica da USC

Está promovida pola Facultade de Ciencias Políticas como un proxecto medioambiental de voluntariado no que se implicará ao alumnado tras o inicio do próximo curso académico. Levarán a cabo tarefas de cultivo, coidado e colleita de distintos produtos e charlarán con agricultores e expertos.

Marta Lois, decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, na horta ecolóxica situada ao carón do edificio.

Marta Lois, decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, na horta ecolóxica situada ao carón do edificio. / Jesús Prieto / Jesús Prieto

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

O decanato da Facultade de Ciencias Políticas vén de montar a primeira horta ecolóxica nos campus de Santiago. «É unha iniciativa pioneira da USC, impulsada polo decanato e que dende o primeiro momento contou co apoio da xerencia», afirma en conversación con EL CORREO GALLEGO Marta Lois, decana da facultade.

En setembro, co inicio do novo curso académico, o alumnado de Políticas poderá participar no proxecto HortaEcoPol través dun programa de voluntariado medioambiental. «Despois a vocación é que ese horto poida ser un espazo para máis xente que poida estar interesada», di. Aceptaríase a colaboración con outros colectivos e institucións universitarias ou entidades asociativas e políticas locais.

Tal e como sinalan dende o decanato, trátase dunha actividade para o alumnado interesado en vivir «unha experiencia de cultivo ecolóxico que permite ter unha conexión co medioambiente e a cultura agraria local» .

Marta Lois, decana da facultade de Políticas.

Marta Lois, decana da facultade de Políticas. / Jesús Prieto / Jesús Prieto

A práctica urbana do cultivo ecolóxico constitúe unha iniciativa con múltiples dimensións educativas. Ademais de promover coñecementos formativos e extracurriculares –a actividade outorgará créditos ECTS–, «contribúe á cohesión grupal, á toma de decisións colectivas e á implicación no desenvolvemento sostible».

En concreto, o alumnado e profesorado implicados levarán a cabo tarefas de cultivo, coidado e colleita do produto durante o curso.

Tamén están previstas charlas con agricultores e agricultoras locais, expertos universitarios en medioambiente e bioloxía ou persoas do ámbito asociativo e político local e mundial.

O proxecto estará aberto a un máximo de quince alumnos e alumnas que terían que destinar, como mínimo, un día á semana en horario de mañá ou tarde. Está fixado o xoves de 12 a 13.30 horas ou de 18 a 19.30 horas. «Recibirán formación e realizarán traballo en terreo para ver a importancia dos hortos, da cultura ecolóxica, a alimentación de proximidade...», especifica Lois.

Ademais, o biólogo Remigio Paradelo Nuñez, experto en solos urbanos, realizou un estudo do chan. «Comentou que a calidade da terra, aínda que é preciso analizala, reúne as condicións fantásticas para crear unha horta», comenta a decana de Políticas.

Polo de agora poden verse plantas aromáticas, cabazas, calabacíns, pementos e tomates, e está instalado un sistema de autorego. Nace como un pequeno proxecto que agarda «ir medrando co paso do tempo». Marta Lois aspira con esta horta ecolóxica a «cumprir os obxectivos de desenvolvemento sostible».

Tracking Pixel Contents