Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

De maior quero ser... mago!

Galicia Ilusiona enche o Auditorio de Galicia de maxia e moito humor

O surcoreano Seimei iniciou o espectáculo do sábado

O surcoreano Seimei iniciou o espectáculo do sábado / Jesús Prieto / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

«Que queres ser de maior?», esa foi a pregunta que lle lanzou no inicio do Festival Mundial de Ilusionismo Galicia Ilusiona o mestre de cerimonias, o mago Murphy, a Alejandro, futuro mago «Nanano», pois o cativo non dubidou en responder: «Quero ser mago». E foino, por uns minutos, cando foi elixido para subir ao escenario do Auditorio de Galicia e logrou, coa axuda de Murphy e da súa variña máxica, que un pano entrase nun vaso dende unha distancia duns tres metros... Lanzándoo ao soprar un canuto improvisado feito cun folio enrolado.

Familiar, para delicia dos máis cativos e de todas aquelas persoas que seguen a vibrar coa ilusión do que aparece e desaparece «por arte de maxia», do truco que vén adubiado con humor e da habilidade do malabar, da pallasada e da retórica e o movemento de mans que distraen a atención para sorprender. Así foi a edición 2025 do Galicia Ilusiona que comezou onte ás 17.30 horas e que repite hoxe, tamén no Auditorio de Galicia de Compostela, dende as 12 da mañá.

Na sesión inaugural desta cuarta edición do festival de maxia, que xa estivo en cidades coma Pontevedra, o presentador foi o mago Murphy. Un showman que soubo xestionar con humor e unha boa dose de improvisación os problemas técnicos do inicio da función, pois non funcionaba o seu micrófono. Pero, afortunamente, tiña do seu lado a acústica da sala Mozart, a atención dun público espectante na sala e, posteriormente, un novo micro de «AliExpress», chanceou o prestidixitador.

Ao escenario non só subiu o mago Nanano, tamén subiu Nerea, que logrou coa axuda de Murphy que dunha caixa baleira, e máis ben pequena, saíse un oso de peluche máis ben grandeiro... E tamén tivo que facer a súa parte, entre o público, un espectador de nome Terio, que dende o minuto un tivo a misión de barallar uns naipes de póker agardando o seu momento estelar no show.

Un show no que puxeron en escena as súas habilidades profesionais como Seimei, o surcoreano que co seu xogo de luces e abanos iniciou o espectáculo e trouxo, coa axuda destes elementos e sen que ningún espectador puidera saber como, un fermoso dragón. Galicia Ilusiona é un show internacional... que pasou de Corea do Sur a Francia nun abrir e pechar de ollos –mago Nanano e micrófono arranxando mediante–.

Chegou entón o rock de David Burlet, o seu traxe azul con garabata amarela, os seus pratos, os seus malabares e toda a súa pallasada. Ao tempo, trepidante, que circulaba polo escenario ao ritmo da música, Burlet mantiña en equilibro oito prato chineses, vibrando sen parar, facía malabares e equilibrios e, como bo clown, tropezaba, rompía e desbarataba todo canto tiña á man.

O show continou con pegada tamén galega, grazas aos xogos de naipes de Nacho Samena –Premio Nuevos Talentos do XII Festival Internacional de Magia de Madrid–, e pechou coa compañía catalá Mag Edgard.

A ilusión, a sorpresa e maxia repiten hoxe, a partir das 12 horas, con entradas dende os 16 euros, para gozar un día máis con prestidixatores de todo o mundo, premiados en festivais internacionais e cargados, non só de maxia, tamén de humor.

Tracking Pixel Contents