Galicreques celebra 30 anos convertendo Compostela na capital do teatro de marionetas
O Festival Internacional de Títeres enche Santiago de Compostela do 11 ao 19 de outubro con máis de 60 funcións, 16 estreas e compañías de doce países

Galicreques chega aos 30 cunha edición récord de 60 funcións e 30 compañías / Cedida

Santiago prepárase para vivir unha edición moi especial de Galicreques, o festival internacional de monicreques que cumpre 30 anos de vida convertendo cada outono a cidade nun grande escenario de fantasía, humor e poesía visual. Do 11 ao 19 de outubro, o evento organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde reunirá máis de 30 compañías de doce países —entre eles Italia, Portugal, Colombia, Arxentina, Chile e México— e ofrecerá máis de 60 funcións, moitas delas de balde e ao aire libre.
A festa arrancará xa este mércores 8 coa gala inaugural “30 anos de Galicreques” na Sala Capitol, unha celebración con música e teatro que repasa tres décadas de historia dun festival que, como destacou a concelleira de Cultura, Míriam Louzao, “é xa un dos máis recoñecidos da nosa Compostela e un referente no calendario cultural galego”.

O Festival Galicreques regresa a Santiago: ata 16 funcións para o público escolar / CEDIDA
Un festival que medrou co público
Ao longo destas tres décadas, Galicreques tense consolidado como unha cita imprescindible para o público familiar e tamén para os espectadores adultos, grazas á súa “Cara B”, a sección con propostas máis arriscadas e contemporáneas. “Aínda hai quen pensa que os títeres son só cousa de nenos, pero cada ano demóstrase que tamén hai espazo para o público adulto”, sinalou a edil durante a presentación celebrada no Pazo de Raxoi.
A deputada provincial de Cultura, Natividade González, subliñou o carácter simbólico deste aniversario: “Trátase dun momento para mirar atrás con orgullo e tamén para seguir soñando. Galicreques fixo de Compostela un escenario aberto á imaxinación e á diversidade cultural”. A Deputación da Coruña mantén o seu apoio ao festival a través das súas liñas de axudas á cultura, pola súa capacidade para “dinamizar a economía local e fortalecer o tecido cultural da provincia”, engadiu.
Tamén desde a Xunta de Galicia, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, destacou a calidade e continuidade dun evento que “segue sendo un dos proxectos mellor valorados dentro das axudas a festivais de artes escénicas”. Sutil salientou ademais o labor pedagóxico de Galicreques, cunha programación escolar que levará o teatro de monicreques a dez centros socioculturais e educativos da cidade e do rural compostelán.

O festival internacional Galicreques, que suma 30 edicións, regresa a Santiago do 11 ao 19 de outubro / Cedida
Novas propostas e un proxecto de barrio a barrio
O director do festival, Jorge Rey, referiuse a esta edición como “a máis ambiciosa da historia do Galicreques”, con máis de 30 compañías e 16 estreas absolutas. Entre as novidades, destacou o proxecto comunitario iniciado no CSC de Amio, onde veciñanza de todas as idades participou na creación de xigantes e cabezudos que desfilarán o domingo 12 durante o Día de Portugal. “É unha iniciativa interxeracional que queremos repetir cada ano noutro barrio, ata crear unha ruada de vinte ou trinta bonecos feitos pola cidadanía”, explicou.
Outros espazos habituais como o Teatro Principal, a Carpa da Alameda, a Fundación SGAE ou A Reixa acollerán boa parte das funcións, pero o festival incorpora tamén a Sala Capitol, que acollerá o peche do domingo 19 co espectáculo Los tres cerditos de Teatro Arbolé (Aragón).
Un recoñecemento a Encarni Genua
O Premio Galicreques 2025 recaerá na titiriteira Encarni Genua, figura esencial do teatro de bonecos en España desde finais dos anos sesenta. Rey definiuna como “unha muller pioneira que reivindicou os valores sociais e da muller a través do teatro de figuras”. A homenaxe terá lugar o domingo 19 no Teatro Principal, antes da estrea de Nauta, da compañía galega Ephimeros Teatro.
Mirar atrás, pensar no futuro
O festival acompáñase dunha exposición retrospectiva na Biblioteca Ánxel Casal, que percorre tres décadas de historia e inclúe os bonecos orixinais da Barraca de Barriga Verde, auténtica memoria viva do teatro popular galego. “Queremos que acaben no Museo do Pobo Galego, que é onde deben estar, porque forman parte da historia cultural de Galicia”, avanzou Rey.
Con funcións para todas as idades, estreas internacionais e unha forte presenza galega con compañías como Micromina Teatro, Teatro Escena, Monifates, Kalina Teatro ou Luis Vallecillo, Galicreques celebra tres décadas con espírito renovado. Como afirma o seu director, “o máis gratificante despois de trinta anos é ver que hai unha nova xeración de rapaces e rapazas dispostos a continuar esta aventura dos monicreques”.
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Apagón en Santiago: una avería deja sin luz a 2.700 vecinos de Santiago
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos