Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A USC entrega os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero

Carmen Montero, na modalidade de investigación, e Silvia Lopez, Pablo Gayo e Jesús Rodríguez, na de docencia, obtiveron os primeiros premios

Antonio López e Goretti Sanmartín, entre outras autoridades, coas persoas premiadas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

Antonio López e Goretti Sanmartín, entre outras autoridades, coas persoas premiadas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. / Santi Alvite

Lorena Rey

Lorena Rey

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este luns a entrega da XVI edición dos Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, un recoñecemento impulsado pola USC, nos que colabora o Concello de Santiago, que pon en valor o traballo do persoal docente e investigador que incorpora a mirada de xénero á súa actividade académica. No acto estiveron presentes o reitor Antonio López e a alcaldesa, Goretti Sanmartín.

Para López este é un un acto no que «premiamos proxectos de valor e repercusión enorme, que pretenden ser un exemplo para que outros e outras poidan seguir avanzando en materia de igualdade». Pola súa banda, Sanmartín manifestou que «traballar coa igualdade debe ser algo constante e por iso todo o que se faga dende o ámbito educativo, que abrangue moitos e diversos públicos, axuda a non quitar as gafas violeta». Tamén estivo presente a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez, quen destacou dos traballos premiados «o seu compromiso, consciencia e resiliencia, tan necesarios para continuar a dar pasos adiante».

A delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, foi a encargada de ler a acta do veredicto desta edición dos premios, á que se presentaron vinte e dous traballos, oito na modalidade de docencia e catorce na modalidade de investigación, e que levan unha dotación económica de 1.000 euros para os primeiros, 750 para os segundos e 500 para os terceiros.

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu a entrega da XVI edición dos Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación da USC.

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu a entrega da XVI edición dos Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación da USC. / Concello de Santiago

As persoas gañadoras

O primeiro premio na modalidade de investigación gañouno Carmen Montero Ferrer polo traballo Novos desenvolvementos no ámbito da xustiza internacional penal de xénero, e na de docencia Silvia López Gómez, Pablo Gayo Pérez e Jesús Rodríguez Rodríguez por Educar con mirada de xénero: materiais didácticos que ensinan e transforman.

Ademais, na categoría de investigación Ana Álvarez Rodríguez fíxose co segundo premio polo seu traballo Monografía Perspectiva de género y prueba Thomson Reuters Aranzadi, Cizur Menor (Navarra), 2024 e Mónica Arto Blanco, Tania Merelas Iglesias e Miguel Pardellas Santiago co terceiro por CLIMACTIVA. Iniciativas ciudadanas ejemplares. Integrar la adaptación y la resiliencia ante los riesgos climáticos en estilos de vida.

Pola súa banda, na modalidade docente o segundo premio recaeu en Silvana Longueira Matos, Esther Olveira Olveira, Antonio Rodríguez Martínez, María González Blanco, Stefany Sanabria Fernandes e Marcos Pequeño Goris coa iniciativa Defender a quen defende: mulleres defensoras de dereitos e o terceiro na investigadora do CiTIUS Eva Cernadas García e Manuel Fernández Delgado con Perspectiva de xénero en materias de programación básica.

O xurado estivo presidido por Sonia Esperanza Rodríguez Boente, delegada do reitor para a Igualdade, e composto ademais por Carmen Fernández Morante, directora do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) que actuou como secretaria, e as vogais Yolanda Maneiro Vázquez e María Teresa Moure Pereiro.

Máis de 245 propostas presentadas en dezaseis anos

Os Premios teñen como finalidade fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, considerada como unha dimensión de calidade e innovación docente dos centros, departamentos e institutos de investigación. Esta liña de actuación constitúe unha das principais apostas da USC en materia de xénero, entendendo que un dos maiores potenciais para promover a igualdade efectiva de mulleres e homes reside na incorporación da perspectiva de xénero nas dúas principais facetas da nosa actividade de xeración e difusión de coñecemento: a docencia e a investigación.

A iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de 50 de toda a Unión Europea; e incluída na ferramenta en liña (GEAR tool) de apoio a organizacións investigadoras na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

Nos dezaseis anos de convocatoria anual destes premios presentáronse un total de duascentas corenta e cinco propostas.

Por outra banda, a Oficina de Igualdade de Xénero está desenvolvendo coa Biblioteca da Universidade a creación da colección de estudos de xénero dentro do repositorio Minerva, que recolle os traballos de investigación realizados por investigadoras e investigadores da USC, que ten como base os traballos galardoados nestes premios.

Tracking Pixel Contents