Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Xunta destina á USC máis de catro millóns para a construción de Farmacia

Esta cantidade, aprobada onte na reunión semanal do Consello, é a terceira parte do que investirá na nova facultade

Súmanse aos 12 millóns que aportará a institución compostelá

Recreación virtual da nova Facultade de Farmacia da USC no Centro de Ciencias da Saúde, no Campus Sur.

Recreación virtual da nova Facultade de Farmacia da USC no Centro de Ciencias da Saúde, no Campus Sur. / ECG

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

A primeira fase da Cidade da Saúde, que se corresponde coa nova Facultade de Farmacia, dispoñerá este ano de case 4,1 millóns de euros de inversión da Xunta de Galicia, quen en posteriores prazos destinará un total de doce millóns. A Universidade de Santiago aportará a mesma cantidade para así facer fronte a unhas obras que costarán 24 millóns. Así, o informou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo no Consello de Goberno deste luns, onde tamén comunicou a inxección de 3, 1 millóns de euros á Universidade de Vigo. En ambos casos, búscase «avanzar na renovación e na modernización de edificios» ao abeiro do Plan de infraestruturas universitarias aprobado no ano 2023.

Sobre a Cidade da Saúde, recordouse que incluirá un conxunto de edificios que acollerá tanto esta facultade como a de Enfermería, un centro de investigación na área de Ciencias da Saúde e un aparcadoiro.

A estrutura do complexo será modular e flexible, con espazos dedicados a aulario, biblioteca, área de goberno de ambas as facultades, espazos para a administración e os servizos auxiliares, laboratorios de prácticas e áreas de investigación, non segmentadas por centro senón por uso. Será tamén dun edificio enerxeticamente eficiente, cunha baixa demanda e con produción propia de enerxía mediante fontes renovables.

Con cargo a este plan, a Universidade de Santiago acometeu xa obras de mellora na Facultade de Medicina e de rehabilitación na Facultade de Química. En concreto, recibiu 4,085 millóns en 2023 e outro tanto en 2024, polo que o investimento en marcha na Universidade co convenio de 2025 supera xa os doce millóns. O total da achega, segundo indica o goberno galego, de máis de 16,3 millóns, «completarase en 2026 cunha nova anualidade do mesmo importe das mencionadas».

Cando comezarán as obras?

En referencia ao inicio das obras, o xerente da USC, Javier Ferreira, informou onte a EL CORREO GALLEGO que «será a principios de novembro, intentando que sexa antes da convocatoria electoral». Desta maneira, non se cumplirían as previsións iniciais que apuntaban ao mes de outubro. «Estamos en proceso de adxudicación do Servizo de Coordinación de Seguridade e Saúde e logo iniciaremos o proceso para o replanteo, que se prolongará durante uns vinte días», indica. O motivo da demora da adxudicación foi o «número elevado de solicitudes».

A empresa encargada da construción das obras, Obrascon Huarte Laín SA (OHL), xa asinou o contrato o pasado luns 29 de setembro.

Tracking Pixel Contents