PistaCatro, Premio Nacional de Circo: «Un recoñecemento a todo o sector»
O fallo do xurado subliña da compañía compostelá «o seu destacado labor na creación e na difusión de propostas circenses dunha enorme presenza escénica, rigor e carisma»

Una función de PistaCatro / CEDIDA
A compañía galega con base en Santiago PistaCatro vén de ser galardoada co Premio Nacional de Circo 2025, dotado con 30.000 euros, polo «seu destacado labor na creación e difusión de propostas circenses dunha enorme presenza escénica, rigor e carisma», segundo o fallo do xurado reunido este xoves en Madrid. Un recoñecemento que dende PistaCatro fan extensivo a «todo o sector das artes escénicas», e a «unha xeración que leva dúas décadas apostando polo circo», afirma a produtora Belem Brandido.
O xurado tamén destaca a traxectoria recente de PistaCatro, subliñando fitos coma a xira do espectáculo Drop, unha proposta innovadora cunha linguaxe propia, e a consolidación da Orquestra de malabares, unha montaxe de gran formato que fusiona música e circo, con proxección nacional e internacional e contando coa colaboración das bandas de música das diferentes localidades nas que se programa o espectáculo. Un show que proximamente voará a Fuerteventura (Canarias) e a Colombia.
Ademais, resaltaron o seu papel como impulsores do novo circo galego e o seu labor de descubrimento de artistas emerxentes durante máis de dúas décadas, especialmente a través das Xornadas D10!, un proxecto de divulgación e investigación do xénero circense promovido pola propia compañía dende hai dez anos e que ten unha nova cita neste mes de novembro.

Espectáculo de Pistacatro / Facebook
«Sobrevivir mellor»
Dous dos fundadores de PistaCatro son Belem Brandido e José Expósito, administrador e xestor da compañía, que logo de recibir a chamada do Ministerio de Cultura anunciando o recoñecemento conversaron con EL CORREO GALLEGO para valorar esta distinción.
«Estamos agradecidos e tamén emocionados pola visibilización a todo un sector», explicaba Brandido para apuntar tamén que o premio achega «esperanza de que a precariedade nos dea un descanso, que poidamos sobrevivir mellor e tamén que a xente nova vexa un pouco a luz». Unha «precariedade» a do circo e a das artes escénicas na que tamén fixo fincapé Expósito: «Levamos 20 anos bourando en moitos ámbitos, no profesional, no asociativo, en cousas que dan pouco diñeiro e en cousas que non dan ningún».
«Levamos 20 anos bourando no ámbito profesional e tamén no ámbito asociativo»
Expósito tamén quixo poñer o foco na relevancia de que o Premio Nacional de Circo recaia nunha compañía galega, «somos as periferias», matizou, «fronte a outros centros urbanos con máis recursos» que tamén facilitan a posibilidade de recibir recoñecementos. «En Galicia hai bos artistas, moito talento e moito tento para facer cousas ben, e con poucos recursos», coinciden en afirmar Brandido e Expósito.
Este recoñecemento sitúa a PistaCatro nun lugar destacado do panorama artístico español e reafirma a vitalidade do circo contemporáneo galego, cuxo epicentro creativo pasa por Compostela.
Con base en Santiago
Fundada en 2006, PistaCatro é hoxe unha das produtoras de circo máis relevantes de Galicia, distribuíndo tanto as súas propias creacións coma outros espectáculos seleccionados polo seu interese artístico. Ademais de Brandido e Expósito, figuras estreitamente vinculadas a Compostela –ambos licenciados pola USC–, destacan tamén entre os seus fundadores e responsables: Aitor Garuz e Pablo Reboleiro.

Actuación de PistaCatro na praza de Mazarelos, nas Festas da Ascensión 2025 / Antonio Hernández
O primeiro deles, formado entre Londres (Reino Unido) e Madrid, é tamén parte integrante da consolidada Orquestra de malabares. Pola súa banda, Reboleiro, fundador e director creativo de PistaCatro, dirixe até finais de mes no Salón Teatro a peza de circo A serie clopen, que se representa de mércores a domingo ás 18 horas.
Brandido é, ademais de produtora e distribuidora, responsable de comunicación e xestión de proxectos, con décadas de experiencia nas artes escénicas e no cine. Expósito, administrador e xestor da compañía, ten estudos en xestión cultural, ademais dunha traxectoria previa en proxectos sociais con perspectiva de xénero.
Garuz, Reboleiro, Brandido e Expósito integran o equipo que consolidou PistaCatro coma un referente da innovación circense.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Rueda: 'A mellor opción e, probablemente a única', es una sola Facultad de Medicina descentralizada
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana