Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Máis de 100 mulleres participaron no Plan Integrado de Emprego de Santiago

O proxecto municipal clausúrase cun resultado próximo ao 50% de inserción laboral

Rozas (centro) na clausura do Plan de Emprego

Rozas (centro) na clausura do Plan de Emprego / CONCELLO

Santiago

A edil de Servizos sociais, María Rozas, clausurou este venres o Plan Integrado de Emprego do Concello de Santiago, no que participaron máis dun cento de mulleres na procura da súa inserción laboral. O principal resultado do proxecto é que case a metade lograron ese obxectivo, «grazas a un programa que inclúe titorías individualizadas, cursos formativos ou prácticas en empresas».

O Plan de Emprego «pretende mellorar a empregabilidade das participantes e axudalas a desenvolver as súas competencias desde unha perspectiva integral». Para iso, ao seu abeiro desenvolvéronse nos últimos meses diferentes accións nas que participaron 102 mulleres que asistiron a un total de 469 titorías.

Impartíronse 20 cursos (500 horas de formación) e impulsáronse prácticas en empresas nas que participaron 47 persoas que realizaron máis de 3.000 horas de prácticas nun total de 43 empresas adheridas ao programa. Os postos máis demandados foron os de recepcionista de hostel, caixeira e administrativa.

O 46% das mulleres participantes do Plan Integrado de Emprego, segundo informan dende o Pazo de Raxoi, conseguiron a súa inserción laboral durante máis de 100 días; e o «56% lograron cando menos un contrato».

Tracking Pixel Contents