Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Amal pon o foco en Palestina para «sentir esa dor coma se fose nosa»

A Semana de Cine Euroárabe celébrase entre o 20 e o 24 de outubro no Teatro Principal

Louzao, Jaber Martínez e Lorenzo, este luns en Santiago na presentación de Amal

Louzao, Jaber Martínez e Lorenzo, este luns en Santiago na presentación de Amal / Antonio Hernández

Manu López

Manu López

Santiago

A Fundación Araguaney-Puente de Culturaspresentou onte a vixésima terceira edición da Semana de Cine Euroárabe Amal 2025. O festival céntrase este ano na situación que se vive en Palestina baixo o lema ‘Todas somos Palestina. Unha ollada a través do cine’, con cinco proxeccións entre o 20 e o 24 de outubro no Teatro Principal.

O presidente da Fundación, Ghaleb Jaber Martínez, enfatizou que «miles de nenos e nenas morren en Gaza sen acceso a auga, sen alimento, sen atención médica, mentres o mundo observa, impasible ou distraído. As imaxes que nos chegan non poden transmitir a ignominia nin o horror que realmente se vive alí. Temos que ser quen de sentir esa dor coma se fose nosa. Coma se cada corpo ferido en Gaza fose parte do noso propio corpo. Só así, poderemos espertar en Occidente».

«Berro contra o xenocidio»

Nesta liña, Jaber Martínez engadiu que Amal quere ser algo máis ca un festival de cinema, ata chegar a converterse «nunha pantalla que se rebela contra a inxustiza, a vergoña e a barbarie». Así, destacou que, a través do cinema, Amal quérese converter «na voz atronadora que xorde da gorxa dese corpo ferido que é Palestina, un berro contra o xenocidio que está a cometer Israel, unha e cantas veces faga falla».

Con respecto ao programa, Jaber Martínez apuntou que o festival segue sendo «esperanza, pero tamén memoria, resistencia e denuncia, cunha coidada selección de películas palestinas que ofrecen unha ollada directa sobre a ocupación, a Nakba, a dor e a dignidade. Amal é Palestina». Deste xeito, salientou que se presentan cinco pezas de cine palestino, cada proxección cunha temática diferente.

Colaboración institucional

O certame conta coa colaboración do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia, que tamén participaron no acto. Por parte de Raxoi, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, destacou que Amal non é só un certame necesario, senón que é imprescindible. «É evidente que non podemos deixar que o que está a suceder en Gaza caia no esquecemento. E neste mundo das presas e dos individualismos, corremos o risco de insensibilizarnos. E precisamente, a cultura é un antídoto contra iso», apuntou.

Pola súa banda, o director Xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, indicou que «Amal é unha iniciativa singular, pero que encaixa no panorama dos festivais audiovisuais en Galicia, sempre cunha programación social con moito atractivo que non se pode ver nos circuítos comerciais». Tamén destacou como a Fundación é capaz de compatibilizar o seu proxecto cultural co proxecto empresarial e animou á cidadanía a asistir ao festival.

Catro documentais e unha ficción

O festival exhibirá catro documentais e unha longametraxe de ficción. A xornada inaugural do luns será ás 20:00 horas, con entrada de balde para a proxección do documental This is Gaza, coa presenza do documentalista Yousef Hammash e a xornalista Olga Rodríguez.

O martes proxectarase o documental Janin, Jenin, ás 21h, sesión á que asistirá o actor palestino Saleh Bakri; o mércores a ficción The time that remains, ás 21h, que contará tamén coa asistencia de Saleh Bakri; o xoves o documental Notes on displacement, ás 21h, co presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim; e o venres pecharase o festival co documental The encampments, ás 21h, cita á que asistirá Ghaleb Jaber Martínez.

As entradas poden mercarse en ataquilla.com ou no Teatro Principal unha hora antes de cada filme.

Tracking Pixel Contents