Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Louzao, sobre a declaración de zona tensionada: «Imos superar todos os atrancos da Xunta»

O goberno local traballa no novo informe no que achega só datos oficiais e concreta as «medidas correctoras» como pide o IGVS

Unha parella mirando anuncios nunha inmobiliaria de Santiago

Unha parella mirando anuncios nunha inmobiliaria de Santiago / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A voceira do goberno local, Míriam Louzao, respondía este luns ás preguntas da prensa sobre o novo rexeitamento da Xunta a declarar Compostela zona de mercado residencial tensionado, que foi adiantado por EL CORREO GALLEGO. «Xa dixemos en máis ocasión que imos facer todo o que sexa necesario para superar todos os atrancos que a Xunta e o Partido Popular nos está a poñer neste procedemento».

A edil confirmou que os técnicos municipais están a elaborar o novo informe, «no que xa estabamos a traballar, como dixemos en varias ocasións» e eliminarán deste «o que parece ser que molestaba» na primeira solicitude, os datos que non eran fontes oficiais «e deixaremos só as fontes oficiais», fundamentalmente os que correspondente ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). «Insisto en que estes últimos –datos oficiais do instituto– aparecían xa no primeiro informe».

A edil voceira do goberno local, Míriam Louzao

A edil voceira do goberno local, Míriam Louzao / CONCELLO

A concelleira informou que a nova memoria ampliará e matizará «aquelas cuestións que aínda non sendo necesarias e que a lei non pide nos son demandadas», e nesta mesma liña de atender as demandas do IGVS, «ampliaremos e concretaremos as medidas correctoras».

Así e todo, Míriam Louzao quixo insistir en que «non sería necesario facelo, pero temos a máxima vontade de que Santiago sexa declarado zona de mercado residencial tensionado, e faremos todo o posible para superar os atrancos que nos están a poñer, para que finalmente sexa unha realidade». Realidade que, segundo a edil, podería estar xa en aplicación «se o PP dende a Xunta non quixese poñer eses atrancos», e engadiu que o goberno local se adapta «porque cremos que a declaración é beneficiosa para a cidadanía de Compostela».

"Cremos que a declaración de zona de mercado residencial tensionado é beneficiosa para a cidadanía de Compostela"

Míriam Louzao

— Voceira do Goberno local

Guinarte pide unha «proposta ben fundada»

O voceiro do grupo municipal socialista, Sindo Guinarte, instou tamén este luns ao goberno de Goretti Sanmartín a presentar «unha nova proposta ben fundamentada, ben documentada» para que Santiago poida ser declarada zona residencial tensionada. Segundo Guinarte a decisión da Xunta «era a esperada» polo que insistiu na necesidade dunha boa fundamentación do informe para que o goberno autonómico «non teña máis remedio que aceptar esa proposta».

O concelleiro socialista lembrou que a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado «pode facilitar, favorecer, que sexa unha realidade» a posibilidade de acceder a alugueiros a prezos asumibles. «Os veciños e veciñas de Santiago necesitan ter acceso á vivenda a prezos axeitados, necesitan ter alugueres a prezos asequibles», apuntou.

Sindo Guinarte lembrou tamén na súa comunicación á prensa que a declaración de zonas tensionadas –que si conseguiu o Concello da Coruña, cun Goberno socialista– é un instrumento previsto na Lei de Vivenda estatal para conter os prezos do alugueiro e favorecer o acceso á vivenda, e lamentou que a Xunta «non está a favor de aplicar a lei de vivenda».

Tracking Pixel Contents