Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rozas: "O PP traspasou todos os límites"

O PP denuncia a "deficitaria" acción municipal fronte ao senfogarismo e Raxoi fala de "falta de escrúpulos"

Comparecen na Praza de Cervantes para denunciar o malestar dos comerciantes pola presenza dun senteito conflitivo

O goberno local aféalle aos populares que atenten "contra os dereitos individuais dunha persoa vulnerable para facer oposición"

O PP alerta sobre a "deficitaria" acción municipal fronte ao senfogarismo

O PP alerta sobre a "deficitaria" acción municipal fronte ao senfogarismo / PP

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Os concelleiros populares José Ramón de la Fuente e Yolanda Otero denunciaron diante da prensa, en Cervantes, a "lamentable situación que están vivindo, veciños, comerciantes e visitantes da cidade dende hai xa demasiado tempo nesta praza". Iniciaba así a súa intervención o concelleiro De la Fuente que tachaba de "incomprensible e inexplicable que os veciños leven meses padecendo esta situación sen que o Concello fora capaz de artellar unha solución".

"Levamos polo menos dous anos advertindo do incremento de situacións que están perturbando a normal convivencia e sempre que fixemos esta advertencia sempre obtuvemos por parte do goberno local a mesma resposta: Non é certo que haxa problemas de convivencia ou de seguridade na cidade", insistiu o edil na súa intervención.

Sen embargo, fontes municipais reiteran, como xa fixeron días atrás en conversa con EL CORREO GALLEGO, que "dende os Servizos sociais realizáronse moitas e diversas intervencións utilizando todos os dispositivos e ferramentas existentes". Refírense deste modo a facilitarlle ao senteito,que está a causar problemas en Cervantes pola súa actitude con comerciantes e traseúntes, aloxamento en pisos e pensións municipais (ademais de roupa) que finalmente rexeitou.

El hombre, tumbado este lunes semidesnudo bajo los soportales de la praza de Cervantes / El Correo Gallego

El hombre, tumbado semidesnudo bajo los soportales de la praza de Cervantes / El Correo Gallego

A pesar desta defensa do goberno local en relación ao traballo realizado dende Servizos sociais, a edil Yolanda Otero insistiu en que a Praza de Cervantes está a ser "testemuña dunha situación de vulnerabilidade alarmante, de preocupación veciñal e dunha actuación municipal deficitaria, con evidencia duns servizos e recursos municipais insuficientes".

Otero denuncia que o senfogarismo é en Compostela "unha realidade que na nosa cidade, en vez de ir a menos, vai a máis, igual que a preocupación veciñal e a inquedanza", tamén polo risco sociosanitario que supón un individuo que "fai as súas necesidades na rúa e a plena luz do día", segundo denuncian os comerciantes da zona e polo que xa se cursaron accións administrativas. Non caben outras accións, segundo apuntan dende Raxoi, que tamén aclara que ademais o caso está xudicializado.

"En definitiva, estamos ante unha problemática social que demanda unha actuación municipal urxente e inmediata. Non estamos a falar de ideoloxías, senón de humanización", reclamou a concelleira Otero, que tamén referiu outros puntos da cidade que adoecen de situacións conflitivas por mor do consumo de drogas ou da existencia de narcopisos segundo denuncia, respectivamente, a veciñanza da Praza do Toural e do Ensanche.

Centro Integral para Persoas sen Fogar en Belvís

A concelleira Yolanda Otero comentaba na Praza de Cervantes que a situación que alí se está a vivir "non pode agardar dous anos por unha intervención municipal". E aproveitou para referirse ao Centro Integral para Persoas sen Fogar (Cipis) de Belvís: "Levamos dous anos con anuncios do goberno da apertura do centro e a día de hoxe non temos data da súa apertura".

Unha posta en marcha da que a concelleira de Servizos sociais, María Rozas, comunicaba hai unha semana a este diario que se prevé para 2026. O seguinte paso, que se está a dar nestes días segundo puido saber EL CORREO, para contratar o mobiliario do centro mentres se segue a traballar para a licitación do servizo de atención que complemente o cadro de persoal municipal.

Este mércores a edil María Rozas reaccionaba ás críticas convidando ao Partido Popular a “dedicar menos tempo á demagoxia e á propaganda, e máis tempo a informarse do que acontece no Pazo de Raxoi se verdadeiramente queren facer unha oposición útil para a veciñanza”.

Neste sentido, indicou que “non se entende que hoxe o PP diga que non se sabe nada do Centro para as Persoas sen Fogar, cando está iniciado o procedemento de licitación do mobiliario do equipamento, e nesta semana será a primeira mesa de contratación”.

A reacción do goberno local

Dende o Pazo de Raxoi non tardaron en chegar as reaccións á comparecencia do PP na Praza de Cervantes para expresar en primeiro lugar o seu “máis firme rexeitamento á actitude do Partido Popular, que esta mañá -do mércores- traspasou todos os límites ao poñer o foco nunha persoa en situación de vulnerabilidade e utilizala como arma partidaria”.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, lamentou, ademais, “que o PP mostre unha preocupante falta de escrúpulos, porque é plenamente coñecedor de todas as actuacións que se veñen levando a cabo en relación a esa persoa".

Rozas explicou nun comunicado aoa medios sobre esta cuestión que "o viceportavoz do grupo municipal do PP foi informado recentemente da situación desa persoa e de todas as intervencións que veñen realizando os Servizos Sociais municipais, utilizando todas os dispositivos e ferramentes existentes".

A primeira tenenta de alcaldesa lembrou que Servizos sociais actuaron ofrecendo a esta persoa en concreto "dende a atención en rúa ata o aloxamento en pensións e pisos de titularidade municipal".

"O PP tamén coñece que o Concello de Santiago ten actuado de maneira conxunta con outras administracións, tanto desde o ámbito xudicial como dende o ámbito sanitario".

María Rozas apuntou que “estas vías de actuación conxuntas non deron o resultado agardado, e o Concello ten impulsado outras liñas de acción para solucionar unha situación que é enormemente complexa e da que nos vimos ocupando desde o seu inicio, entendendo e compartindo a preocupación da veciñanza e do tecido comercial da zona, coa que mantemos unha interlocución permanente”.

Tracking Pixel Contents