Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O deporte compostelán comprométese coa «lingua propia»

‘Ficha polo galego’, así é o lema da campaña sociolingüística do Concello de Santiago

A alcaldesa e a edil de Deportes con membros dos clubs composteláns no Pazo de Raxoi

A alcaldesa e a edil de Deportes con membros dos clubs composteláns no Pazo de Raxoi / CONCELLO

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O Concello de Santiago lanzou este xoves a campaña de sensibilización ‘Ficha polo galego’, dirixida a clubs, adestradores, árbitros, seareiros e deportistas composteláns. Foi a alcaldesa Goretti Sanmartín, xunto á edil de Deportes, Pilar Lueiro, e á técnica de lingua do Concello Marta Besada, quen se encargou de presentar esta campaña, cuxos vídeos promocionais xa están dispoñibles en delingua.santiagodecompostela.gal.

«O deporte non é só competición, tamén e socialización e transmisión de valores», afirmaba a concelleira Lueiro durante a presentación da campaña da que a rexedora Sanmartín asegurou que será «continuada no tempo» e non vai quedar tan só na sinatura dun mero compromiso a través do portal do departamento de Lingua municipal. «En Compostela o 45% da poboación fala sempre ou maioritariamente en galego», asegurou a alcaldesa para afirmar con rotundidade que na capital galega «o galego está moi vivo» e por iso tamén se busca que Santiago sexa «capital para animar a todo o mundo a usar a nosa lingua».

Dentro desta campaña hai pulseiras, carteis, publicidade nos autobuses e vídeos, realizados por Illa Bufarda e para os que se conta con figuras tan representativas do deporte coma os futbolistas Vero Boquete e Borja Iglesias, a baloncestista Blanca Millán ou o adestrador Moncho Fernández.

A Corporación recibe o presidente da RAG

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, entrevistouse este xoves coa alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e mais coa concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, no marco da súa primeira visita institucional ao Concello de Santiago como máximo responsable da entidade.

Membros da Corporación local reciben o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, no Salón Vermello de Raxoi

Membros da Corporación local reciben o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, no Salón Vermello de Raxoi / Jesús Prieto

No encontro no Salón Vermello do Pazo de Raxoi tamén participaron a secretaria da RAG, Ana Boullón; a tesoureira da entidade, María López-Sández; e a arquiveira-bibliotecaria, María Dolores Sánchez, membros da nova comisión executiva.

A marcha dos traballos do mapa sociolingüístico escolar de Compostela, que a RAG está a realizar no marco dun convenio co Concello, foi un dos asuntos abordados na xuntanza. Tras concluírse a recolla de datos coa colaboración dos centros educativos, o Seminario de Sociolingüística está a avanzar na elaboración dun informe que axudará á definición de novas estratexias para o mantemento e recuperación do galego entre os nenos e e adolescentes do municipio.

Tracking Pixel Contents